OPINIÓN: Os fachós de Caldelas

Nun día coma hoxe, 19 de xaneiro e véspera de San Sebastián, queremos manter viva a chama da 'Festa dos Fachós' con este artigo que nos leva á orixe desta tradición, marcada polo desexo dun pobo para acabar cunha peste.

O lume dos fachós. Foto: Lois Rua

É ben sabido que o día 20 de xaneiro é a festividade de San Sebastián, mártir francés de orixe italiana que estudou en Milán e que se incorporou ao exército en Roma, alá polo século III. A iconografía represéntao como un “apolo cristián”, iso é, un mozo sen barba, atado a un madeiro, cheo de feridas provocadas polos arqueiros mauritanos pouco antes de morrer por non querer renunciar a súa fe cristiá.

Como soldado do exercito de Roma non participou na persecución de cristiáns nin nos sacrificios pagáns, porque os consideraba idolatría. O emperador pediulle que renunciara á súa fe baixo ameaza de morte, e a súa negativa levouno ao martirio, tal como se representa iconograficamente. Moribundo, foi recollido, agochado e curado ata que se restableceu totalmente. Unha vez sandado, presentouse ante o emperador para reprocharlle a persecución contra os cristiáns, cousa que ofendeu ao emperador, e polo que o mandou golpear até que morreu. Unha vez morto botaron o seu corpo na Cloaca Máxima de Roma, sendo recollido por un grupo de cristiáns, que lle deron sepultura na Catacumba San Sebastián da Vía Apia.

A véspera de San Sebastián celébrase en Castro Caldelas a festa dos fachós, onde o lume invade toda a vila dende o Santuario dos Milagres ata a igrexa de Santa Isabel, subindo e baixando rúas do casco histórico cun gran fachón envolto de lume. A tradición dos fachós, festa declarada recentemente de Interese Turístico Autonómico, data de 1763 cando unha peste sacudiu as terras de Caldelas e súas xentes queimaron roupas e obxectos que estiveran en contacto con defuntos, para así desinfectar as casas, coincidindo coa véspera do patrón contra as pestes. Para levar o lume que queimaría, empregaron uns fachóns de palla ou feixes de palla, converténdose nunha tradición para non esquecer esa petición a San Sebastián da salvación contra a pandemia. Lémbrase de tal efeméride e tradición caldelá D. Otero Pedrayo que na súa Historia de Galiza, publicada en Bos Aires, na que narra os berros dos portadores dos fachós: “Viva San Sebastián/ i o bispo, i o can…/”, que seguramente foille relatado por Don Vicente Risco ou pola súa familia cando vivían na rúa da Paz en Ourense ou nalgunha outra reunión.

Veciñanza e visitantes participando da tradición. Foto: Lois Rua

“A véspera de San Sebastián celébrase en Castro Caldelas a festa dos fachós, onde o lume invade toda a vila dende o Santuario dos Milagres ata a igrexa de Santa Isabel, subindo e baixando rúas do casco histórico cun gran fachón envolto de lume”

Casado Nieto e Risco contaban que esa tradición dos fachóns era un ritual pagán convertido polo cristianismo, a semellanza do solsticio de verán, símbolo pagán de culto ao sol na noite máis curta do ano, e que o cristianismo dedicou a San Xoán. Fora como for, as crónicas definen esa tradición, sexa ou non pagá, coma un feito relixioso para dar grazas a San Sebastián por axudar nas pandemias.

Na capital da provincia temos a confraría de San Sebastián, datada en 1437, e a de San Roque, en 1598, xa que este último santo tamén se tiña o favor de curar as epidemias e enfermidades. Pero non tan só Castro Caldelas celebra unha festa de fachóns, senón que fóra de Galicia podemos atoparnos cunha vila en Teruel, chamada Castelserás, onde tamén fan lume para vivificar o santo, entre outras moitas vilas que seguen patróns análogos.

Por tanto, despois dunha pandemia viñan as medidas de hixiene como calear as casas ou igrexas, ou queimar todo aquilo que estivera en contacto coa morte ou coa doenza. No caso da peste de 1763, como podía ser a mal chamada “gripe española” de 1918 (a “Influenzavirus A H1N1 – Mutación”, acabou coa vida de máis de 100 millóns de persoas sen ter datos exactos por non existir censos mundiais), afectaron á poboación en meses determinados, e nestes casos, podía estabilizarse ou decrecer para o mes de xaneiro, como podemos ver na análise de diferentes parroquias destas terras. A historia lémbranos que existiron pandemias como a peste negra de 1347, a peste bubónica de 1855, a gripe asiática de 1957, o cólera de 1846 ou 1899, etc.

Hai máis de quince anos fixen un estudo das causas de mortalidade na parroquia da Seara (Quiroga) pola gripe española, resultando que o maior pico de defuncións foi entre decembro e a primeira semana de xaneiro, acadándose máis de 50 mortes que tiñan o seu orixe nos retornados da illa de Cuba, e converténdose case en inexistente nos meses posteriores.

Se fixeramos un estudo das diferentes parroquias do concello de Castro Caldelas poderíamos ver unha gran morte catastrófica ata de xaneiro, minguando cada vez máis. Por tanto, era normal que nunha sociedade católica se lle estivera agradecido ao protector do lar contra as epidemias. Os fachóns de palla simbolizan, pois, o final desa enfermidade e alumean ao santo protector, converténdose ese gran fachón, portado por varios homes, no lume da salvación, e converténdose na primeira gran festa de Galicia despois do Nadal, na que ademais os produtos das matanzas e o viño da zona pechan esa noite festiva.

“Os fachóns de palla simbolizan, pois, o final desa enfermidade e alumean ao santo protector, converténdose ese gran fachón, portado por varios homes, no lume da salvación”

O gran fachón. Foto: Lois Rua

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here