OPINIÓN: Unha visión local sobre ‘Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade’

"Esta candidatura da Ribeira Sacra ten un déficit que ninguén valora corrixir: a participación local de maneira real e verdadeira". Este é o miolo dunha reflexión crítica sobre o proceso de redacción dunha nova proposta para retomar a candidatura deste territorio a 'Patrimonio da Humanidade'.

Canón do Sil na Ribeira Sacra. Foto: XMF

É nos centros urbanos onde se sitúan as cúpulas do poder. Alí é onde cren ter todo para facer e desfacer sobre o propio e o alleo. Iso inclúe, á vez que explica, o esquecemento da poboación local para calquera iniciativa de calado que nos afecte a quen habitamos o rural.

Caso do territorio da Ribeira Sacra a propósito da candidatura a Patrimonio da Humanidade. Despois da retirada da candidatura en 2021, vai dous meses soubemos de mudanzas nos “gabinetes intelectuais” que van redactar a “nova” proposta.

As novas incorporacións de xente moi válida e con grandes currículos súmanse á que facía parte do proxecto, pero lonxe de corrixir a falta de lexitimación na sociedade local desta candidatura, afonda no erro, e no canto de nos integrar á poboación local “como suxeitos receptores e afectados”, o goberno galego limita a información e a implicación local a varias notas de prensa nas que anuncia cartos para o noso territorio como o Plan da Paisaxe que articula a través de entes autónomos, e que nunca chegan a quen realmente mantén a paisaxe, e xera vida e riqueza no territorio.

Esta candidatura da Ribeira Sacra ten un déficit que ninguén valora corrixir: a participación local de maneira real e verdadeira. Porque nin se contou, nin se conta coa xente común. Que máis ten que xunten varias asociacións e a todos os representantes políticos da bisbarra se ninguén fala coa señora Josefa nin co señor Antonio que ademais de saber mellor onde están os eremitorios, os petróglifos e mesmo as pegadas do cristianismo incipiente, saben distinguir entre a ribeira e a bocaribeira, a aira, da veiga ou da seara e o nome orixinal do oficial. Como é posible que non inclúa na “vella” proposta datos noveles que non veñan en ningún libro? Que traballo de campo sociolóxico e/ou histórico que se pretenda como tal non visita os lugares, e non aporta novas informacións non eruditas?

“Esta candidatura da Ribeira Sacra ten un déficit que ninguén valora corrixir: a participación local de maneira real e verdadeira”

Nunha sociedade avellentada como sinalou a ICOMOS, cunha enorme perda social dos usos da terra, non utilizan o método da “observación participante” xunto ás mans que peitean a paisaxe e cuxo saber tamén corre perigo de se extinguir?

Pregúntome como veciña, se van vir os da Universidade ou os membros do goberno galego podar, coidar os bacelos, diferenciar entre patao e socalco, ou seguirán os meus veciños con idade abonda para xubilación os máis deles, traballando as viñas para que veñan “os do traxe” facer a foto? Se hoxe somos un “proxecto” de Candidatura é porque moitas mans, as que non emigraron, teceron unha das paisaxes máis fermosas do mundo que acubilla valores propios, idiosincráticos e motivo de orgullo para as máis de nós. Porque foron os avós e avoas que quedaron os que nos trouxeron ata aquí, xeración tras xeración, legáronnos o saber da viticultura, da agrogandeiría, dos oficios, e o que é máis importante, o amor e o entendemento sustentable entre a terra e o ser humano, que tronzou nalgunhas familias, o “inverno da emigración” para “roubarnos a primavera” parafraseando a Marica Campo.

Aprendeuse algo do fracaso da tramitación do primeiro intento?

Se é así, por que só suman a xente da Universidade e a ninguén do territorio? Como pensan ultrapasar a fase na que veñan preguntarnos ás aldeás que sabemos do tema? Como son capaces de chamarse gobernantes nosos e aínda non se achegaron á primeira Ribeira para dicirnos que agora precisamos máis permisos para retellar? Non habían vir, polo menos unha vez? É normal que a esta altura ninguén recoñecese ningún erro, grande ou pequeno? Logo, como foi que non conseguimos a declaración? Ou mesmo, como é posible que despois do informe de ICOMOS, aínda veñan propoñernos eólicos e parques solares nunha terra inzada de encoros?

Partillo con vostedes esta reflexión porque coido que é o momento, fóra dos focos, con sosego, de tomar de novo o pulso, e facelo ben. A intención é pór sobre a mesa a construción errada de arriba cara abaixo que houbo, e non levan trazas de mudala.

Lembran vostedes ao Despotismo Ilustrado? Semella iso o que está a pasar aquí, e poden darlle as voltas que queiran, pero non haberá Patrimonio da Humanidade bo para esta terra se non conta coa súa xente.

Señorías da Xunta, convóquennos, constrúan dende abaixo; se non queren declarar en alto os erros dean pasos para corrixilos, pero non sigan porfiando nos mesmos, é importante que neste caso vaiamos no mesmo carro á feira.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here