InicioOpiniónOPINIÓN: Tumbas sen nome en San Pedro de Froián

OPINIÓN: Tumbas sen nome en San Pedro de Froián

Un dramático capítulo da represión fascista no sur de Lugo. Crónica de Alicia Garrido "na memoria dos seis de Froián e de María Martínez Franco".

Publicado o

POR
Alicia Garrido Rodríguez
- Advertisement -

Sábado, 22 de agosto de 1936. Benigno Morillo Vidal leva ben as contas. Hai dúas semanas que está recluído no cárcere de Monforte. Cada día seguen entrando máis e máis compañeiros acusados de nada e de todo. Ás veces, os da Falanxe, veñen buscar nos presos. Din que para levalos ao penal de Lugo ou para facelos comparecer perante o xuíz e escoitar os cargos que se lles imputan. Nas celas, apenas hai espazo para moverse nin se dan as condicións mínimas para o aseo. As racións son frugais e de pésima calidade. Demasiados a repartir un ben de seu escaso.

A Pinguela, como así se coñecía a Prisión Preventiva de Monforte, superaba en moito a súa cabida de 50 reclusos. A xestión do establecemento penitenciario complicábase por momentos, ao contar cun cadro de persoal formado tan só por un xefe e un garda. Pero Benigno tiña outras preocupacións. Aínda non coñecía os delitos que se lle imputaban e non lle permitían comunicarse con ninguén. Ansiaba abrazar a súa muller embarazada e as súas tres fillas; saber dos seus irmáns, da sorte dos seus cuñados e da de todos os que, canda el, naqueles catro días de xullo, defenderan a lei fronte á loucura fascista. A incerteza estábao comendo vivo. Hoxe, por orde do tenente coronel Cecilio Arias (comandante militar de Lugo), véñeno buscar. Acompañarano José Casas Montero e Manuel Rodríguez Arias.

Aínda non coñecía os delitos que se lle imputaban e non lle permitían comunicarse con ninguén

Casas Montero, natural de Monforte, ingresara no cárcere o mesmo día ca Benigno. Tiña 21 anos e dedicábase aos labores do campo. Rodríguez Arias fixérao o 30 de xullo. Era albanel de 25 anos e natural de Ribas de Sil, aínda que aveciñado en Taboada. Seica os levaban para Lugo. Os tres emprenderán a súa derradeira viaxe.

Benigno Morillo Vidal nacera o 15 de decembro de 1903 en San Lourenzo de Nocedo (Quiroga-Lugo). Era o primoxénito de José Benito Morillo e Dolores Vidal. Seguiríanlle Obdulia, Ramón, Severo e Rosa. Ebanista con obradoiro en Nocedo, Benigno realizou o servizo militar no norte de África. Á volta, casou coa súa moza, María Martínez Franco, e axiña tiveron descendencia: Dolores (Lola, 1930), en recordo da súa avoa paterna;  Lucinda (1932) e Rosa (1933), en lembranza da súa avoa materna. Pronto chegará unha cuarta filla que levará o nome de María e que non coñecerá o seu pai.

Casa de Benigno Morillo Vidal. Foto: Alicia Garrido.
Rosa, Lola e Lucinda, fillas de Benigno. Foto: Arquivo familiar.

En 1936, Benigno era un home leal coa súa xente e desexoso de contribuír ao progreso da súa vila natal. Apoiaba as reformas e os aires de cambio que viñeran coa República e da man do alcalde de Ribas de Sil Marcelino Fernández Prada. Dende a súa chegada ao concello en 1931, Marcelino comprometérase a erradicar o sistema caciquil que dominaba a política local. Aínda que Nocedo pertencía ao concello de Quiroga, os seus veciños vinculábanse económica e culturalmente coa vila de San Clodio de Ribas de Sil. Así, a comezos de 1936, fundárase en Nocedo a Sociedade Agraria Marxista, na que Benigno Morillo ocupaba o cargo de tesoureiro. Esta sociedade pretendía aunar as forzas dos labregos fronte aos abusos dos patróns e ofrecer no eido educativo unha oportunidade para todos aqueles que a quixesen aproveitar. Porén, a arañeira fascista, tecida taimadamente con fíos resistentes, acabaría afogando a luciña da liberdade.

Benigno era un home leal coa súa xente e desexoso de contribuír ao progreso da súa vila natal

Nas primeiras horas da sublevación, o alcalde Marcelino organiza a defensa de Ribas de Sil, protexendo tres puntos estratéxicos: a ponte de ferro, o paso a nivel do ferrocarril e o lugar da Trampa, en Nocedo, situado na vía principal de comunicación por estrada con Monforte. Nesta retorta do camiño será onde Benigno Morillo Vidal, o seu cuñado Enrique Martínez Franco, Manuel Álvarez Martínez e Benito Franco vixiarán o paso de calquera vehículo proveniente de Monforte, sospeitoso de portar armamento con destino ao cuartel da Garda Civil de Quiroga.

Situación de San Clodio, Nocedo e ‘A Trampa’.

Para esta encomenda, contaban con escopetas de caza e cunha pouca dinamita, mecha e pistóns que Benigno empregaba para extraer lousas dunha canteira familiar. Tras dúas horas de vixilancia, viron achegarse un coche da Falanxe que non se detivo ao darlle o alto. Disparáronlle sen atinar, véndose obrigados a tirarlle os explosivos, que tampouco dan no albo. O día 22 de xullo xa está todo decidido e moitos republicanos bótanse ao monte. Benigno é un deles. Non pode volver a súa casa e prexudicar máis a súa familia. Xa sabe do que son capaces os fascistas. Pensa en fuxir cara a Guisande (Sindrán-Monforte) ou Liñares (A Pobra do Brollón), onde ten parentes que poderían axudalo, pero non lle dá tempo a escapar. A Falanxe local conta con bos informantes e, en consecuencia, Benigno é detido entre o 6 e o 8 de agosto. O 9 de agosto de 1936 condúceno á Prisión Preventiva de Monforte. Os días pasan sen que saiba cal vai ser a súa sorte, ata o sábado 22 de agosto.

O xefe de milicias Pedro Marzán vén na procura de José Casas Montero, Manuel Rodríguez Arias e do propio Benigno Morillo Vidal. Un suposto traslado será o pretexto para asasinalos no Alto da Valiña (San Pedro de Froián-Sarria). Poucas horas despois, os cadáveres son atopados e trasladados ao cemiterio parroquial de San Pedro de Froián. Neste caso, o cura terá a ben soterralos nun curruncho do camposanto e non fóra, como ía ser habitual neses días.

Cemiterio parroquial de San Pedro de Froián. Foto: Alicia Garrido

María Martínez Franco, a muller de Benigno, a piques de dar a luz, envía o seu cuñado Ramón coa encarga de traer o corpo do seu home para Nocedo, pero xa non é posible. Transcorridos dous días, o 24 de agosto, asasinan o seu irmán José na estrada que vai cara a Nadela. O futuro tínguese de negro e María terá que achar a enteireza necesaria para enfrontar a vida e a crianza das súas fillas. Tamén ela sufrirá a ira vingatible dos aliñados coa nova orde. Verase obrigada a bautizar a súa pequena, orfa xa de pai, e a vestirse de loito. Soportará o asasinato do seu outro irmán, Enrique, fusilado en Lugo o 11 de maio de 1937. E aínda padecerá a perda da súa filla pequena, falecida con apenas 6 anos.

O futuro tínguese de negro e María terá que achar a enteireza necesaria para enfrontar a vida e a crianza das súas fillas

E o tempo non se detén. Sae adiante dificultosamente; contraerá débedas que irá saldando pouco a pouco. O seu pai, José Martínez, regaláralle unha máquina de coser Singer. A costura será a súa fonte principal de ingresos. María era habelenciosa no labor e axiña as súas creacións serán do aprecio dunha crecente clientela. No seu costureiro levaba, coma un talismán, aquel ovo de madeira para zurcir calcetíns que lle fixera o seu Benigno. María dedicouse a coser para moitas familias: a farmaceútica de San Clodio entre elas,  quen, de cando en cando, lle daba un pouco de pan e queixo para as nenas, por se non comeran.

Máquina de coser e ovo zurzidor de María Martínez. Foto: Alicia Garrido.

O máis difícil non era pedir axuda ou traballar para os vencedores, senón responder as preguntas das súas fillas sen causarlles dor, acalmando os seus laios,  protexéndoas das murmuracións, contendo as bágoas cando a súa filliña Lola lembre e relembre o seu pai sentándoa no colo e cantándolle cancións ao rematar a xornada.

O máis difícil non era pedir axuda ou traballar para os vencedores, senón responder as preguntas das súas fillas…

Non obstante, María refugou a carraxe e o rancor. A rabia non lle ía dar de comer. Ben sabía en quen confiar, en quen apoiarse, a quen acudir en caso de necesidade. Coa axuda dos seus irmáns, foi aproando as dificultades. As súas fillas casaron e os seus netos déronlle novos folgos e alegrías. Sempre camiñou coa cabeza ben alta e mantivo a súa integridade e independencia ata a fin dos seus días. A dignidade e a memoria foi o único que non lle puideron arrebatar os asasinos. Valla este artigo como humilde recoñecemento e admiración á súa figura.

María Martínez coa súa neta Conchi. Foto: Arquivo familiar.

Os restos de Benigno Morillo Vidal permanecen no cemiterio de San Pedro de Froián, xunto cos dos seus compañeiros. O 28 de setembro de 1936, os corpos doutros tres homes, asasinados no km 30 da estrada Nadela-Campos de Vila, serán inhumados no mesmo lugar. Velaquí os seus nomes: Domingo Martínez Nogueira, Manuel Pérez Pérez e Emilio Rodríguez.

Sesenta e seis anos despois, o 13 de abril do 2003 e por iniciativa de Elías Somoza e Andrés Páramo, colocouse unha placa ao pé dun castiñeiro no exterior do camposanto de Froián, para lembrar os que alí foran soterrados. Ao acto acudiron os alcaldes socialistas de Ribas de Sil e de Sarria. En xullo de 2003, celebradas as eleccións municipais, o concello de Sarria volverá ás mans da dereita.

Placa en recordo dos asasinados. Foto: Elías Somoza
Castiñeiro no adro da parroquial de Froián onde se colocara a placa na memoria dos 6 republicanos asasinados. Foto: Alicia Garrido.

No verán do 2005, a placa xa fora retirada.  Os familiares de Benigno Morillo interesáronse polo seu paradoiro e solicitaron poder vela. Parece ser que a gardaran (ocultaran) nun almacén anexo á igrexa co fin de evitar que fose obxecto dun acto vandálico, pois a mocidade empregaba o aparcadoiro do cemiterio para facer botellón. Todo foron escusas, nunca se lles mostrou.

A placa non retornou ao seu lugar. Dedúcese que outra sorte de vandalismo, o ideolóxico, impuxo o seu silencio, outorgándolle lexitimidade á barbarie fascista. Dende o colectivo Capitán Gosende non só reclamamos a súa inmediata restitución, senón, a dignificación da fosa común onde repousan os restos dos que deron a súa vida na defensa da liberdade. Os nomes de Benigno Morillo Vidal, José Casas Montero, Manuel Rodríguez Arias, Domingo Martínez Nogueira, Manuel Pérez Pérez e Emilio Rodríguez, merecen ser lembrados e honrados.

Dende o colectivo Capitán Gosende non só reclamamos a súa inmediata restitución, senón, a dignificación da fosa común onde repousan os restos dos que deron a súa vida na defensa da liberdade

Fosa común dos ‘seis de Froián’. Foto: Alicia Garrido.

Expresamos a nosa profunda solidariedade cos familiares de todos os represaliados e o noso agradecemento á familia de María Martínez Franco e Benigno Morillo Vidal. Beizóns a Marino Martínez Losada, o noso valiosísimo informante e amigo.

Non esquecemos!

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...