HomePolíticaO Concello da Pobra do Brollón “quere ser exemplo de calidade de...

O Concello da Pobra do Brollón “quere ser exemplo de calidade de vida”

Este será un dos obxectivos, xunto con outros, que afrontará Xosé Lois Maceda, reelixido como alcalde na sesión constitutiva da Corporación Municipal de onte.

Publicado o

- Advertisement -

O Pleno de Constitución deste 15 de xuño empezou designando aos concelleiros/as da ‘mesa de idade’. Os elixidos, que xuraron ou prometeron os seus cargos, foron Fernando Parada Vila do PP e Tamara Rodrígue do PSOE. O resto de concelleiros/as que prometeron ou xuraron foron: Xosé Luis Maceda Vilariño, Manuel González Moreira, Ricardo Rodicio González, Josefa Rodríguez Rodríguez, Mónica Rodríguez Vázquez e Óscar Rivera López do BNG e Javier Castro do PSOE.

Corporación municipal do Concello da Pobra do Brollón para a nova lexislatura. Foto: Prensa concello

A continuación tivo lugar a votación a man alzada para elixir ao alcalde do Concello da Pobra do Brollón. Trala mesma, e cos votos dos seis concelleiros/as do BNG, Xosé Lois Maceda era o escollido, encetando así o seu cuarto mandato consecutivo.

No seu discurso, Maceda empezou cos agradecementos aos veciños e veciñas da Pobra, con especial dedicatoria a un veciño do Pino que faleceu estes días. “Creo que nestes 12 anos coñecémonos todos e este goberno caracterizouse pola cercanía aos cidadáns, a ilusión que puxemos e a unidade e o esforzo por facer unha Pobra máis agradable”, comentou.

Fixo fincapé na especial dedicación que teñen e terán pola política social, sector estratéxico na política de goberno, para satisfacer e dar cobertura ás necesidades de veciñas e veciños e tamén para crear emprego neste eido; na atención ao sector gandeiro, forestal e vitícola e destacou a importancia para o desenvolvemento económico do concello de apostar no ámbito turístico polo Camiño de Inverno, o sendeirismo, a Ribeira Sacra e o súa futura declaración de Patrimonio da Humanidade e o feito de seren a porta de entrada do Courel.

Rematando xa o seu relatorio dixo “non queremos caer na autocomplacencia, pero hai que seguir traballando coas mesmas ganas de sempre, con humildade e coa mesma dedicación e empeño para concretar os proxectos. As portas da miña oficina seguirán abertas a todas e todos. Agardo que a travesía de todos nós cos membros da oposición, sexa fructífera para o concello. Esperamos o voso apoio e tamén atenderemos as vosas propostas. Fagamos por converter A Pobra do Brollón nun exemplo de calidade de vida. Esperamos non defraudarvos”.

Como remate do pleno de constitución tamén interviron Tamara Rodríguez, voceira do PSOE, que destacou a intención do grupo de facer unha oposición seria, apoiando os proxectos que consideren positivos, velando sempre pola transparencia e atendendo aos veciños e veciñas nas dúbidas que lles trasladen.

Fernando Parada, voceiro do PP, dixo que apoiarán e criticarán o que haxa que apoiar e criticar como cando non tiña o BNG maioría absoluta. E que tampouco terían inconveniente en apoiar proxectos se estes son interesantes para A Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...