O Plan Reactiva Monforte non se adapta ás necesidades, din os populares

O grupo municipal do PP entende que é complicado tramitar as solicitudes das axudas previstas nestes plan, porque obriga a presentar certificados da Administración difíciles de efectuar nestes momentos; cre que o propio Concello podería comprobar de maneira telemática os datos que require.

Katy Varela / PP

O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, chega tarde en todo o que ten que ver coa crise sanitaria provocada polo coronavirus e os problemas económicos que supón, aseguran desde o PP. Chega tarde, di a portavoz municipal do PP, Katy Varela, e mal: con improvisación, sen diálogo coa oposición e tampouco co resto da sociedade monfortina. “Así ocorre co plan Reactiva Monforte: é insuficiente e, como o goberno municipal non falou cos representantes dos distintos sectores estratéxicos, non se adapta ás súas necesidades”, indica Varela.

A portavoz popular sinala que para axudas por importe de 1.000 euros, para autónomos e sociedades mercantís con establecementos pechados debido á crise sanitaria, os interesados teñen que comprometerse a manter abertos os seus negocios durante tres meses despois da finalización do estado de alarma. Os populares cren que non debe haber condicionamentos para este tipo de negocios.

En canto ás axudas de 200 € para desempregados a causa da crise debida ao Covid-19, os populares pensan que debería condicionarse a que eses cartos se gasten na propia cidade.

Para os populares, o Reactiva Monforte é demasiado xenérico, de maneira que poden quedar excluídas inxustamente das axudas programadas algunhas persoas. No PP consideran que é “un plan excesivamente curtopracista, de xeito que non pasa de ser un parche; necesítanse medidas máis ambiciosas, a medio e longo prazo.”

Por outra parte, a portavoz popular, Katy Varela, sinala que dado o remanente de que dispón o Concello, o plan debería ser moito máis xeneroso para que realmente poida ter unha incidencia relevante na reactivación da economía no termo municipal de Monforte.

Varela di: “Un plan Reactiva é necesario para Monforte, pero unha vez máis o goberno local, pilotado polo alcalde Tomé, reacciona tarde, improvisando e sen diálogo previo para coñecer cales son as necesidades e cal é a fórmula máis eficaz para atendelas. Así, este plan pouco vai axudar a reactivar Monforte”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here