Sumar por Galiza é o lema escollido polo BNG Lugo-Sul para celebrar o 25 xullo. Unha data que este ano fai o seu 50 aniversario; no ano 1968 o nacionalismo galego foi quen de desafiar a represión franquista e recuperar a manifestación nas rúas de Compostela para celebrar tan sinalada data.
Deste xeito, o venres 20 de xullo darán comezo os actos de celebración coa proxección da película-documental Sitio distinto, presentada por Xosé Estévez e dirixida por Davide Cabaleiro, ás 20:00 horas no Centro do Viño de Monforte. Ó día seguinte, o sábado 21, Santiago de Cangas, en Pantón, acollerá ás 14:00 horas un xantar homenaxe á figura de Xesús Álvarez Goianes (Suso de Pantón), exconcelleiro do BNG, moi involucrado na política comarcal e recentemente finado.
Para o 24 de xullo, dende a formación nacionalista hai programada unha conferencia na Casa da Cultura da Pobra do Brollón Olga Novo a cargo do historiador, profesor e ensaísta Xosé Estévez. O acto terá lugar ás 20:00 horas baixo o título “Castelao: guieiro galego e líder Galeusca”.
Finalmente, o propio día da patria, o 25 de xullo, os integrantes da formación política xunto con todos os veciños que desexen participar, viaxarán ata Santiago de Compostela para acudir á manifestación que partirá da Alameda e para a que sairá un autobús das Casitas da Compañía de Monforte ás 9:45 horas, sendo preciso anotarse. Para poder participar no posterior xantar tradicional na Carballeira de Compostela, os interesados deberán inscribirse na Sede Comarcal.