IniciosociedadeGlobo Sacra, unha aposta polo ‘turismo de altura’ na Ribeira Sacra

Globo Sacra, unha aposta polo ‘turismo de altura’ na Ribeira Sacra

Doade, exemplo de revitalización rural grazas ao enoturismo, ve nacer un novo proxecto que ofrecerá a opción de ver os viñedos a vista de paxaro e gozar de viaxes aéreas pola Ribeira Sacra.

Publicado o

- Advertisement -

No ano 2016 o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra tivo unha iniciativa de promoción turística que consistiu en ofrecer a posibilidade de gozar das paisaxes da Ribeira Sacra dende as alturas. Daquela, contactou coa empresa Viento Zero e encargouse de promocionar as viaxes en globo por este territorio baixo a xestión e risco desta. Tal como nos comenta Luís Guitián, presidente do organismo, “nós axudámoslle na promoción da actividade e mercamos viaxes para sortear e para certos compromisos”. “O noso cometido como Consorcio de Turismo Ribeira Sacra non é ser empresa nin xestionar un servizo, senon dinamizar e crear oportunidades a terceiros co fin de atraer turismo e ofrecer alternativas aos visitantes”, aclara tamén Guitián. Coñecida e impulsada a iniciativa, Viento Zero seguiu ofrecendo o servizo os dous anos seguintes cunha acollida espectacular e esgotándose en todas as convocatorias as prazas que se puxeron á venda -150 euros por viaxe-.

A beleza das paisaxes en vertical dos viñedos e os canons fluviais que caracterizan a Ribeira Sacra empezaron a gozarse dende outra óptica e o seu atractivo tamén se potenciou estes anos grazas a importantes impactos mediáticos. As imaxes dende o helicóptero de “Vuelta ciclista a España” ou o programa de televisión “Volando voy” de Jesús Calleja, por exemplo, deron un empurrón promocional engadido para que o destino Ribeira Sacra seguira mellorando o seu posicionamento. A progresión é tal que este mesmo agosto a ocupación alcanzaba o 95 %, récord histórico para o territorio e mellor dato da provincia de Lugo.

O aumento exponencial de turistas, a necesidade de ofrecer alternativas e propostas diferentes aos visitante e o engado especial que ten a paisaxe dende o aire fixeron posible que en Doade, localidade do Concello de Sober, xurdise a iniciativa emprendedora bautizada como Globo Sacra. Trátase, como di Antonio Rodríguez, un dos promotores, de “ofrecer a posibilidade de ver a paisaxe de forma diferente”, e engade “das posibilidades relacionadas co enoturismo coas que xa contamos en Doade, percorrer os viñedos no Tren Aba Sacra, visitar adegas, hospedarse nun enclave enxebre, navegar polos canóns do Sil, engadiremos unha nova, gozar do viñedo e do canón do Sil a vista de paxaro e poder facer viaxes pola Ribeira Sacra grazas ás posibilidades que ofrece un globo aerostático”.

Iván Gómez, responsable da adega Regina Viarum en Sober, é outro dos promotores do proxecto. Trasládanos que, tendo en conta o potencial da Ribeira Sacra en xeral e o de Doade en particular, calquera proposta innovadora como esta vai resultar moi atractiva para seguir promovendo a zona e para ofrecer unha experiencia única aos visitantes.

Antonio Rodríguez, “isto non é nada novo, na Borgoña, en Francia, ou en lugares como La Rioja xa ofrecen voos en globo dentro de paquetes enoturísticos”

Como comentamos ao principio, non van ser ‘pioneiros’ nesta iniciativa, porque hai tres anos que impulsan viaxes en globo dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e porque, como nos conta tamén Antonio Rodríguez, “isto non é nada novo, na Borgoña, en Francia, ou en lugares como La Rioja xa ofrecen voos en globo dentro de paquetes enoturísticos”.

Presentación do proxecto

Tendo en conta o anterior, e visto que a experiencia iniciada polo organismo público de dinamización turística da Ribeira Sacra funcionou como un tiro, o proxecto ponse a andar agora con capital privado -Bodegas Regina Viarum e Tren Turístico Aba Sacra- e subvencións públicas ás que esperan poder acollerse os promotores. O día de presentación oficial do “Proxecto Globo Sacra” será este sábado 5 de outubro no miradoiro da Adega Regina Viarum ás 12:00 h.

Vista aérea da Adega Regina Viarum en Doade. Foto: Antonio Rodríguez

Antes desa presentación, entre as 11:30 e as 12:00 h., terán lugar os “voos cautivos” que consisten nunha ascensión en vertical do globo aerostático ata unha altura duns 20 metros. Unhas setenta persoas, en quendas de 4, terán o privilexio de vivir a experiencia de ver a paisaxe da contorna a vista de paxaro. Segundo nos conta Antonio, “cando demos a coñecer a presentación do proxecto ofrecemos estas prazas aos que primeiro se anotaran e en dous días cubrimos”.

Estes coñecidos como voos cautivos serán, pois, unha das alternativas para gozar doutra perspectiva da viticultura heroica, sendo a intención dos promotores mercar outro globo para ofrecer viaxes aéreas con itinerarios aínda por deseñar, e que dependerán dos ventos, por toda a Ribeira Sacra de cara a Semana Santa de 2020.

Aproveitamos tamén para preguntarlle ao alcalde de Sober, Luís Guitián, sobre o proxecto e contestounos que “é unha extraordinaria iniciativa e estou orgulloso de que sexa unha empresa local a que xestione este novo servizo turístico”.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...