Este domingo, 3 de novembro, celebrouse no pavillón do colexio da Pobra do Brollón a duodécima Xuntanza de Veciños, a xa tradicional homenaxe aos maiores do Concello que ten por obxectivo pasar un día de lecer e convivencia entre veciños.
Trala chegada dos 317 veciños participantes, houbo o xantar cun menú completo con empanada, polbo e carne ao caldeiro. O evento estivo amenizado pola música de profesores e estudantes da Escola municipal de Música ‘Samoeiro’.
A xornada rematou cun sorteo de 197 agasallos, todos doados por empresas locais. Ademais, o Concello agasallou a todos os asistentes cun paraugas. Tamén houbo agasallos especiais para a veciña e veciño máis maiores entre os asistentes á Xuntanza.
