O concello de Monforte intervén o servizo de xestión da Piscina Municipal

O Alcalde de Monforte, José Tomé, e o técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, reuníronse na Piscina Municipal cos traballadores do servizo para “explicarlles de primeira man a resolución deste problema”. Tamén lles garantiu o cobro íntegro das nóminas pendentes.

Piscina Municipal reunión alcalde e traballadores / Concello de Monforte

A Xunta de Goberno Local celebrou esta mañá do día,11 de marzo, sesión extraordinaria e urxente, para abordar a situación da xestión e explotación da Piscina municipal climatizada, dos servizos de cafetería e demais incluídos na instalación, e das pistas de tenis municipais da Pinguela.

O pasado luns, 2 de marzo, o Concello de Monforte “decidiu intervir a xestión da Piscina municipal debido as deficiencias que viñan ocorrendo na súa xestión, e que perturban o funcionamento da mesma, e polo tanto, o servizo ós cidadáns.” Entón déuselle á empresa adxudicataria, Alacer Ocio, un prazo de 10 días hábiles para que corrixira as deficiencias, e de non ser así, o Concello procedería á súa intervención. Transcorrido ese prazo, que rematou o pasado luns día 9, o Alcalde indicou que “non temos constancia de que se cumprira o que o Concello requiriu, que era xustamente corrixir esas perturbacións e esas deficiencias graves que se viñan producindo na xestión da piscina municipal”. Por iso decidiuse facer executiva a intervención de dito servizo.

Ademais, os informes do técnico municipal de deportes, de data 21 de febreiro de 2020, que indican que a situación de falta de pagamento das nóminas que se lle deben por parte da empresa adxudicataria do servizo ós traballadores (que na actualidade acada xa na maioría dos casos as catro mensualidades) constitúe a causa principal das perturbacións ocasionadas na prestación do servizo; e os informes da unidade de Contratación e do Secretario, de data 10 de marzo de 2020, conclúen todos eles en que é necesario proceder a facer executiva a intervención do servizo da Piscina Municipal.

A Xunta de Goberno Local acordou:

  • Facer executiva a intervención do servizo de xestión e explotación da Piscina municipal climatizada, dos servizos de cafetería e demais incluídos na instalación, e das pistas de tenis municipais da Pinguela, ante as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión empresarial que leva a cabo o contratista.
  • Nomear como interventor técnico que substitúa plenamente os elementos directivos da empresa adxudicataria, durante o tempo ó que se estenda a intervención, ó técnico municipal de deportes, D. Óscar Rodríguez Pérez. Dito interventor adoptará as decisións necesarias para, en nome da administración, encargarse directamente do funcionamento do servizo e da percepción dos dereitos establecidos, utilizando para tal fin o mesmo persoal e material do concesionario, sen que poida alterar as condicións de prestación. Singularmente, e de modo preferente, realizará tamén as xestións e trámites necesarios para regularizar as percepcións salariais dos traballadores, incluíndo a xestión das operacións de crédito precisas.
  • A duración temporal das medidas de intervención serán do período máximo que permite o artigo 135.1b) do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais, é dicir, na terceira parte do prazo que resta para o termo da concesión, que aproximadamente, é algo máis de 4 meses.
  • Notificar os presentes acordos ó concesionario, ó técnico municipal de deportes, á Tesorería General de la Seguridad Social, á Agencia Estatal Tributaria e á entidade avalista, así como dar traslado dos mesmos ós servizos económicos do Concello.
  • Iniciar, polo órgano competente, expediente de resolución do contrato actual.

O Alcalde tamén explicou o diagrama de actuacións inmediatas para a intervención do servizo que, ademais das xa referidas serán:

  • Normalización contas bancarias, que consistirá na apertura dunha nova conta nunha entidade bancaria para que poida operar con ela o interventor designado.
  • Solicitude dunha operación de tesourería co aval municipal, xa que a empresa segue sendo a mesma, o único é que está intervida. Isto lévase a cabo para que o interventor poida ter capacidade económica, para poder levar a cabo as xestións correspondentes, e isto farase a través dunha póliza de crédito cunha entidade bancaria, que avala o concello. Unha vez quede establecida esta xestión da póliza de crédito, procederase ó abono das nóminas pendentes ós traballadores así como dos gastos necesarios para a continuidade do servizo.
  • Estudo polo Interventor da situación económica da empresa.
  • Análise de posibilidades de actuación, entre eles, ver se a empresa solicitou concurso ou non, se rexistrou solicitude no Concello, o acordo do Pleno de inicio resolución contrato, etc.

O Alcalde, José Tomé, explicaba estas medidas en rolda de prensa, para despois desprazarse co técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, ata as instalacións da Piscina Municipal onde mantivo unha reunión cos traballadores do servizo para “explicarlles de primeira man a resolución deste problema”. Tamén lles garantiu a todos eles o cobro íntegro das nóminas pendentes, que se levará a cabo nos vindeiros días unha vez se resolvan as xestións bancarias pertinentes. Os traballadores manifestaron a súa alegría e alivio pola resolución dunha grave situación, na que moitos deles levan 4 meses sen percibir os seus salarios.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here