Isabel Núñez Montero gaña o concurso de carteis da Feira do Viño de Amandi

O Concello de Sober dará a coñecer o cartel gañador nun acto que se celebrará o día 21 de marzo no miradoiro dos Chelos, en Amandi, no que tamén será presentada a programación do Mes do Amandi e os actos da XL Feira do Viño de Amandi.

Miradoiro Os Chelos / Concello de Sober

O xurado encargado de fallar o concurso de carteis da XL Feira do Viño de Amandi elixiu, por unanimidade, que a gañadora sexa Isabel Núñez Montero, de Pontevedra, co seu deseño ‘De sol a sol’, que representa unha homenaxe á muller vendimadora. A gañadora recibirá un premio de 600 euros.

Isabel Núñez Montero gañou numerosos concursos de carteis nos últimos anos por toda Galicia, entre eles, o convocado pola Festa da Reconquista de Vigo, Festa do Marisco do Grove, Festa da Lamprea de Arbo ou polo Festival de Bandas de Música Concello de Meaño, entre outros.

O xurado elixiu ademais 5 finalistas de entre os 38 orixinais que se presentaron, chegados de todo o Estado.

  • ‘VITIS VINIFERA SEMENTE DA RIBEIRA SACRA, de Doa Ocampo de Areas-Rosende (Sober).
  • ’40 ANOS DE FEIRA’ de Dulce María López Fernández, de Fene.
  • ‘PAISAJE’ de Rubén Lucas García, de Torreagüera-Murcia.
  • ‘BAAMANDI’ de Eduardo Pérez Bahamonde, de Cambados (Pontevedra).
  • ‘NIEVA DOS VECES’ de Cesar Pérez Otero, de Sober.

O xurado estivo composto polos deseñadores locais Humberto Loureiro e Michelín Rodríguez. Eles foron os encargados de seleccionar 6 finalistas e os propios adegueiros que participan na feira elixiron, entre eses seis, o cartel que será imaxe da XL edición da Feira do Viño de Amandi. Durante a celebración da feira haberá unha exposición cos 38 carteis participantes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here