A “inxustiza” do peche perimetral de Monforte protagoniza o Consello Municipal de Saúde

O Consello Municipal de Saúde de Monforte vense de recunir co obxecto de analizar a situación sanitaria do Concello en relación coa pandemia da Covid-19, tras o decreto do peche perimetral da cidade, establecido o 4 de novembro.

Consello Económico e Social / Concello de Monforte

O punto central que se abordou nesta xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sociosanitaria do concello de Monforte en relación co gromo de positivos por Covid-19 comunicado polo Sergas a finais do mes de agosto e especialmente en relación co recente peche perimetral da cidade decretado a principios do mes de novembro.

O Alcalde detallou na súa intervención as chamadas que se produciron tras o inicio do gromo de finais de agosto, que foron efectuadas diariamente polo xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e que se estenderon ata que se deu por pechado o gromo, o 4 de setembro.

En relación coa actual situación sociosanitaria da cidade, que permanece pechada perimetralmente, o Alcalde informou ós asistentes de como se comunicou ó Concello o inicio do peche, que foi a través dunha chamada telefónica do Xerente da Área Sanitaria 10 minutos antes de que fora anunciado polo Presidente da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, Tomé Roca informou do acordo tomado pola Xunta de Goberno do Concello de demandar á Consellería de Sanidade a supresión do peche perimetral da cidade, toda vez que o nivel de alerta baixara a laranxa, demanda que foi comunicada por carta o pasado 9 de novembro, e na que se resaltaba a inxustiza que supón o peche perimetral, co grave perxuizo ocasionado á hostelería. A carta foi respostada días despois polo Conselleiro de Sanidade, o sr. García Comesaña, negando o levantamento do peche “debido a que non se daban as condicións axeitadas para facelo”.

Datos de positivos por Covid en Monforte

O Alcalde deu a coñecer os datos que se manexan dende o Concello, e que “a día de hoxe son arredor de 30 casos activos. Ademais, dende o pasado venres 13 de novembro ata o día de onte, xurdiron 10 casos novos, cunha media de 2 por día.

Neste senso, incidiuse no inxusto do peche perimetral, xa que outros concellos limítrofes e da provincia, arroxan peores datos que Monforte e non se estableceu para eles o peche correspondente. 

A raíz da situación actual, o Alcalde insistiu en “que se apliquen as mesmas medidas para todos os concellos por igual, seguindo os mesmos criterios á hora de establecer restricións” e, na mesma liña, demandou poder recibir diariamente os datos reais da incidencia da pandemia no Concello. Nesta liña, tamén se resaltou a importancia de saber cantas probas PCR se están levando a cabo, para coñecer así a incidencia real na poboación do virus.

Os asistentes coincidiron na importancia de unificar os protocolos de actuación e de establecer uns mesmos parámetros para todos os Concellos á hora de establecer criterios de contención da enfermidade.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here