IniciosociedadeDe Quiroga a Xinzo de Limia para atopar unha zapatilla deportiva

De Quiroga a Xinzo de Limia para atopar unha zapatilla deportiva

Coñecemos a curiosa historia dunha familia de Barcelona que pasa parte das súas vacacións de agosto na aldea dos Anguieiros, no Concello de Quiroga. Un erro dun feirante levounos a buscalo feira por feira ata dar con el.

Publicado o

- Advertisement -

Cristian e Yolanda son unha parella de Barcelona que veu este mes de agosto cos seus fillos de 5 e 3 anos, Enzo e Izan, á aldea dos Anguieiros, en Quiroga, para pasar uns días de tranquilidade lonxe da fogaxe e do estrés desta gran cidade.

Pois ben, estes días pasoulles unha anécdota moi curiosa. O día dez de agosto, data na se fai a feira máis grande do ano en Quiroga, foron dar unha volta en familia para ver a Mostra do Mel, mercar algunha cousa e comer o polbo. Entre outras compras, Cristian mercou unhas zapatillas deportivas, ‘bambas’ como lles chaman en Cataluña, nun dos postos que había ese día no percorrido habitual da feira.

Ata aquí todo normal. Pero o caso foi que ao chegar á casa dos Anguieiros, e abrir a caixa das zapatillas, no canto de atopar dúas do número 42 atopou unha do número 42 e outra do 45. O dependente do posto ambulante de Quiroga púxolle por erro unha ‘bamba’ que non correspondía.

Como volver a Quiroga non era xa solución, porque a feira xa rematara, e o cabreo e a resignación tampouco entraban nas opción para arranxar esta incidencia, Cristian e Yolanda puxéronlle humor e imaxinación.

NA BUSCA DA ZAPATILLA PERDIDA

Como Enzo e Izan, os seus dous fillos pequenos, son fans das canles de youtube ‘Mikeltube’ e ‘Las aventuras de Dani y Evan’ pensaron que podían facer da busca da zapatilla unha especie de reto como os que acostuman a ver na canle destes últimos youtubers. Os pequenos encantados, claro.

E así foi, empezaron por mirar no Google ‘Feiras de Galicia’ e ‘Feiras de pulpo” para atopar as máis próximas a Quiroga co obxectivo de poder localizar ao vendedor das zapatillas de Cristian. “Miramos en internet feiras dos arredores, a ver se por data aínda as podíamos pillar e intentar localizalo”, di Yolanda. E deron cunha que non estaba moi lonxe, a do día 11 na Pobra do Brollón. Ata alí se achegaron pero non houbo sorte, viron que era unha feira pequena, con poucos postos, e non estaba o comerciante que buscaban.

Non se deron por vencidos e chamaron a varios concellos como O Barco de Valdeorras, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo –neste concello dixéronlles que se suspendía a do día 13–, á Pobra de Trives –esta pasábana ao día 16–… e así ata que falaron co Concello de Xinzo de Limia e viron que esta feira celebrábase o día 14 e habería 194 postos. “Con tantos postos, maloserá que nesta non estea” di ríndose Yolanda. E para alí foron, tomándose a busca da parella da zapatilla de Cristian como unha auténtica aventura, un reto familiar que tiña tamén aos pequenos Enzo e Izan motivadísimos.

Chegar de Quiroga ata case os límites con Portugal tiña que ter recompensa, pero se non era así, “tampouco pasaba nada, pois aproveitariamos a viaxe para coñecer máis sitios de Galicia”, comenta Yolanda. Cando chegaron ao percorrido feiral de Xinzo, Cristian e un dos cativos púxose por un lado e Yolanda e o outro pequeno polo outro. O obxectivo era ver todos os postos e atopar o vendedor das ‘bambas’.

E neste caso si houbo sorte, alí estaba o vendedor da Feira de Quiroga que ao velos logo recoñeceu o seu erro e deulles a zapatilla do número correspondente ao pe de Cristian. Alí a tiña gardada ‘porseacaso’ e velaí que o ‘porseacaso’ deuse.

As zapatillas, ao fin xuntas / XdL

Enzo e Izan supercontentos por ter superado o reto cos seus pais –mágoa que non o gravaran para pasarlle a Dani y Evan– e Cristian satisfeito tamén por poder estrear as zapatillas novas que mercou este mes de agosto na Feira de Quiroga.

ÚLTIMAS

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...

A Xunta reactiva as notificacións para queimas agrícolas

A Xunta de Galicia decidiu volver activar os permisos para queimas agrícolas de particulares....