Banc Sabadell-Gallego abandona Monforte de Lemos

A entidade bancaria anunciou o peche da oficina que ten na capital da Ribeira Sacra para o vindeiro 15 de outubro.

Caixeiro do Banc Sabadell-Gallego en Monforte / XdL

A estratexia bancaria de redución de oficinas, que afecta a toda a banca de xeito xeralizado, está sendo especialmente gravosa para o rural galego. Galicia en xeral, e o sur de Lugo en particular, está a sufrir estes últimos anos un desmantelamento que invita incluso a pensar na desaparición total dos bancos tal como os coñeciamos ata agora.

Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra, perderá o vindeiro mes de outubro a oficina que ten do Banc Sabadell-Gallego, oficina á que chegou tras absorver no seu día ao Banco Gallego.

Segundo coñecemos, os clientes xa recibiron comunicacións e na propia entidade infórmase do peche desta sucursal o vindeiro 15 de outubro. Quedará tan só un caixeiro automático e para outras xestións directas e personalizadas os clientes terán que desprazarse ata Ourense ou Sarria, localidades máis próximas onde aínda se pode atopar polo de agora representación física con persoal en oficina.

O ERE desta entidade bancaria pon enriba da mesa a saída duns 1.963 traballadores/as, de 13.000 que conforman a plantilla do grupo. Deles, uns 413 deles están en Galicia. A reconfiguración da rede eliminará un 40% das súas oficinas nesta comunidade autónoma. Trinta e oito sucursais baixarán a persiana e unha delas será a de Monforte de Lemos.

O proceso non ten marcha atrás e sabemos, despois de contrastar con algúns clientes, que a indignación e maiúscula. Non só polo peche e perda do servizo en oficina, se non tamén por ter recibido a comunicación con moi pouco marxe de tempo e incluso por enterarse da noticia polos medios de comunicación.

O proceso non ten marcha atrás e sabemos, despois de contrastar con algúns clientes, que a indignación e maiúscula

Respecto ao sentir e ás reaccións de clientes, atopamos un deles que se expresa do seguinte xeito: “co seu peche marcha o seu persoal coa súa amabilidade e empatía. O factor humano era extraordinario no Banco Sabadell. Marcha o factor humano, para min a principal razón de ser cliente dese banco. Pechan oficinas, medra a banca por internet, medra o dixital, a globalización… Cada vez estamos nun lugar máis hostil para os non alfabetizados dixitalmente. Os maiores, os nosos pais que traballaron tanto agora están discriminados por todas partes. Moitas cousas que están sucedendo merecen reflexión”.

Preguntamos tamén a un comerciante monfortino con conta nesta entidade que confesa ter pasado por moitos bancos pero que “o trato recibido nesta oficina non o conseguiu en ningún”. E aproveita tamén para facer unha crítica máis xenérica “co peche de entidades bancarias pérdese a humanidade, tan necesaria sobre todo para a xente maior… eu mesmo, que me manexo coa banca a distancia valoro moito o contacto, a calidez humana que non teñen as máquinas”.

A decisión do peche da oficina de Banc Sabadell en Monforte aféctalle a dúas empregadas e está ocasionando, segundo nos consta, a saída de capitais desta entidade cara outras con establecemento na cidade do Cabe.

Oficina de Banc Sabadell-Gallego en Monforte de Lemos / XdL

REACCIÓNS POLÍTICAS

O pasado luns, 27 de setembro, saíu o tema do peche da oficina no pleno municipal. Concretamente foron os edís do BNG e de Esperta Monforte os que puxeron o tema enriba da mesa solicitando ao equipo de goberno “que se interesara por este asunto”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here