Jesús Benavides, o almeriense de Pantón que “xoga coa motoserra coma se fose un pincel”

Nesta colaboración coñecemos como é o traballo deste cociñeiro reconvertido a escultor que chegou a estas terras “por consello da súa neuróloga”, segundo afirma nesta entrevista.

Jesús Benavides. Foto: Guillermo Sotelo

O colectivo Segredos de Pantón, colaboradores de Xornal de Lemos, dannos a coñecer nesta ocasión a unha persoa ben curiosa: Jesús Benavides. Veu de Almería sendo cociñeiro e agora dedícase á escultura en madeira con motoserra no seu lugar de acollida, a aldea de Cangas, no Concello de Pantón.

Unha carta de presentación, tras pedirlle os entrevistadores ao entrevistado que se describa en 2 oracións e pico…

“A miña maior paixón é totalmente subxectiva, cando todo o meu razoamento o baseo sobre feitos obxectivos. Non se que sairá, pero faime máis feliz que un can con 2 rabos”.

Jesús Benavides. Foto: Guillermo Sotelo

Pero vaiamos á entrevista…

Como chega un cociñeiro almeriense a unha aldea de Pantón?

Circunstancias da vida. Un consello da miña neuróloga. Un paraíso. E agora unha paixón infinita.

De que forma comeza a traballar a madeira para facer esculturas?

Pois o primeiro é elixir o tronco, o que me chame. Logo, cun cigarro doulle voltas, obsérvoo, pregúntolle, charlo con el ou ela. Chegamos a un acordo e fágoo inmortal.

E que técnicas emprega para facelas?

A técnica é tan sinxela como divertida. Xogar coa motoserra coma se fose un pincel. E co tronco coma se fose un lenzo en 3 dimensións.  Quitarlle o que lle sobra e acabar dándolle o detalle a man, sempre. A máquina axúdame, non me fai o traballo. As miñas mans corrobórano.

Ferramentas en man. Foto: Guillermo Sotelo.

“A máquina axúdame, non me fai o traballo. As miñas mans corrobórano”

As súas esculturas toman tanto formas da natureza, coma de películas de culto ou de seres extraplanetarios. De onde toma a súa inspiración?

A inspiración é caprichosa. Ás veces é pueril e quero facer un monstro de Tasmania. Ás veces tórnase melancólica e todo se volve retorto. Ás veces permítome un freestyle e fago un predator. A cuestión é xogar. Son un neno duro.

Escultura de Jesús Benavides. Foto: Guillermo Sotelo.

E xa ten vendido algún dos seus traballos?

Algunha peza vendín, aínda que realmente non é a miña prioridade (segundo a miña muller debería selo) peeero, é a miña terapia, é a miña enfermidade e só eu sei e podo xestionalo. Con todo son realista, non levo nin un ano facendo isto e fago o que fago, necesito tempo, e présa que non teño… a ecuación dá o resultado que eu quero. A putada é cando che rouban o teu traballo. Iso é duro.

Por un cartel que hai na súa aldea, Cangas, sabemos que houbo un incidente coa Deputación de Lugo. Que foi o que aconteceu?

Pois que esa mañá tocoume a min. Teñen grandes ideas para o pobo como poñernos fibra óptica… infinitamente máis importante que ter rede de sumidoiros pública que non temos, por exemplo. E ben, pouco máis. Péchanme unha porta, pois motosérroa e convértoa en arte.

Ten obras súas por moitos lugares do concello. Onde as podemos ver e por que están neses lugares?

Gústame encher a miña aldea de arte. De cousas raras. De sorpresas nun camiño que nun principio se tornaba aburrido. Converter o meu pobo nun vértice de arte multidisciplinar, aproveitando a Ribeira Sacra e as habilidades dos meus veciños coas súas mans e diferentes materias e materiais. É o que máis me sorprendeu cando cheguei aquí. E creo que algo se me contaxiou.

“Gústame encher a miña aldea de arte. De cousas raras. De sorpresas nun camiño que nun principio se tornaba aburrido”

Agora mesmo teño unhas esculturas en Cangas e o alcalde de Ferreira, Don José Luis, por mor do problema coa Deputación, tivo a ben cederme un espazo. Deume a opción de elixir e elixín o merendeiro de Casebio. Desde Ferreira dirección Serode, Arribada, etc. A 300 metros estou a montar unha expo ao aire libre aproveitando a beleza da contorna.

Un orixinal botelleiro obra de Jesús Benavides. Foto: Guillermo Sotelo.

Ten en mente algún proxecto ou algo especial?

Teño un proxecto guapísimo, pero para todos e todas: unha casa da arte. Un lugar onde collan todas as disciplinas e poder vender os nosos produtos sen ter que depender de ninguén. E sobre todo, darlle vida a Ferreira. Posibilidades ten, agora hai que ver se sabemos aproveitalas. Moitas grazas polo apoio e pola axuda. Sodes xeniais.

“Teño un proxecto guapísimo, pero para todos e todas: unha casa da arte”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here