IniciosociedadeActividade de exaltación da castaña en Quiroga

Actividade de exaltación da castaña en Quiroga

A Asociación Boca do Monte dos Anguieiros, parroquia de Montefurado, organiza por terceiro ano consecutivo a 'Xornada Castañeira". Divulgación, creatividade e magosto popular centran as actividades este sábado 27 de outubro.

Publicado o

É tempo de castañas aínda que este ano teñamos outra mala colleita. Polo menos así o adianta xente do sector aquí en Quiroga; a castaña chega tarde, será escasa e de mala calidade. Aínda así, os magostos vanse facer e a Asociación Boca do Monte dos Anguieiros, en Montefurado, prepárase para celebrar o sábado 27 a súa III Xornada Castañeira.
Segundo nos contan membros da entidade, esta actividade naceu para poñer en valor a castaña como froito típico do outono e para dar a coñecer o importante que foi no seu día o labor de recollida na aldea de Anguieiros. “E falamos en pasado porque a día de hoxe, entre as pragas que afectan aos castiñeiros e o despoboamento, xa case non queda quen apañe e aproveite as poucas castañas que hai” engaden. Proba desa importancia noutros tempos consérvanse aínda varias caniceiras ou canizos (tamén coñecidos como sequeiros noutros lugares) que eran os lugares onde se secaban as castañas para conservalas mellor durante o ano. “Daquela había castañas para dar e vender, tanto ao natural como secas” comentan na asociación.
Caniceira en Anguieiros. Foto: Lois Rúa
Ademais de poñer en valor e lembrar as tradicións ao redor da castaña a intención desta actividade é socializar e xuntar á xente da contorna coa celebración do típico magosto. Magosto como os de antes, con castañas asadas co “cacho ou co tambor” directamente no lume, viño, doces, licores e música tradicional para animar a festa.

PROGRAMA DA III XORNADA CASTAÑEIRA

- Advertisement -

Pola mañá, ás 12.00 terá lugar unha “sesión divulgativa”. Está programada unha visita por varias caniceiras de Anguieiros que aínda se conservan en bo estado para ver como eran eses espazos das casas onde se secaban as castañas antigamente. Nestas visitas haberá ocasión para contar experiencias e falar dos traballos que se daban ao redor deste froito de outono. A continuación, os participantes xuntaranse nun lugar onde xente da empresa Delicias do Souto, especializada na elaboración de doces realizados a partir da castaña como tartas e bicas, contará a súa experiencia. Os responsables deste proxecto emprendedor contarán de primeira man como tiveron esta iniciativa en Folgoso do Courel, as dificultades que atoparon e como saen adiante no día a día.

Visita polas caniceiras 2017. Foto: Asoc. Boca do Monte

Pola tarde, entre as 17.30 e as 19.00 h. terá lugar unha “sesión creativa” cun obradoiro de elaboración de cabazas de Samaín para realizar en familia cos máis pequenos/as. As súas creacións expoñeranse pola noite no campo da festa.

Cabaza elaborada no obradoiro o pasado ano. Foto: Asoc. Boca do Monte

E como fin da xornada haberá un Magosto Popular. A partir das 19.30 h. prenderase o lume e acontinuación asaranse as castañas ao estilo tradicional. Mentres se espera polas castañas os asistentes poderán petiscar unha merenda xentileza da asociación. Non faltarán tampouco o viño, algún doce e licores. E todo este gran ambiente de festa estará amenizado polo grupo de música tradicional de Quiroga, Os Palletas.

Grupo tradicional Os Palletas de Quiroga. Foto: Facebook Os Palletas

 

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...