InicioTerra de LemosA Pobra do BrollónXurxo Ayán, arqueólogo: “Puidemos recrear a batalla de Repil como se fora...

Xurxo Ayán, arqueólogo: “Puidemos recrear a batalla de Repil como se fora un capítulo de CSI”

Publicado o

- Advertisement -

Repil, lugar da parroquia de Chavaga, no límite entre Monforte de Lemos e a Pobra do Brollón. Alí tivo lugar o 20 de abril de 1949 unha das batallas máis importantes da posguerra. Foi na Casa do Facha. Alí se ocultaba toda unha partida de guerrilleiros dirixidos por “Roces”, Evaristo González. Unha casa que ficaba ao carón das vías do tren e que foi rodeada por case un cento de militares e gardas civís. Morreron tres guerrilleiros e dous conseguiron fuxir, un deles, coa cara desfeita por un tiro.

Logo deste suceso traumático para a comunidade a casa foi abandonada e esquecida. Pero Antonio Díaz Amaro, descendente dos propietarios, mantivo viva a memoria do lugar e foi un dos impulsores de que se recuperara a historia da batalla de Repil.

Foto de grupo de guerrilleiros, data descoñecida. Están dous dos participantes na “batalla de Repil”, Guillermo Morán e “Roces” / Manuel Gago – Culturagalega.org

E o que alí aconteceu acaba de ser descifrado por un equipo de arqueólogos dirixido por Xurxo Ayán, natural de Cereixa, na Pobra do Brollón. Precisamente Ayán, que desde cativo coñece a historia da batalla de Repil por fontes directas, puxo en marcha un proxecto pioneiro en Galicia; a escavación sistemática dun escenario bélico contemporáneo pero ignorado ata agora; a represión franquista.

O seu traballo foi moi minucioso e non se escatimaron medios que se utilizan na arqueoloxía tradicional como o gradiómetro –un aparello que serve para detectar estructuras que están soterradas-. E ese metódico traballo deu os seus froitos. “Puidemos recrear a batalla de Repil do 49 como se fora un capítulo de CSI”.

A CAMPAÑA COMEZOU EN 2016

En 2016 o lugar foi recuperado polos arqueólogos cunha perspectiva de Arqueoloxía do Conflito e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia. O enclave foi obxecto, entón, de diversos estudos de distintas disciplinas incluíndo dende o baleirado documental de revistas e outros documentos da época, a entrevista cos veciños e descendentes dos protagonistas ou o estudo dos materiais arqueolóxicos atopados.

Se na primeira campaña foi escavada a casa, nesta segunda campaña descifrouse finalmente o enigma dos mortos e fuxidos de Repil cubrindo unha área máis ampla dos arredores. E que pasou nesa casa que hoxe é só unha ruína?. Hai que remontarse a unha fría mañá de hai 69 anos. Case un cento de garda civís e militares que chegaron nun tren artillado e en vehículos militares rodearon a vivenda desde varios puntos. Como se se tratara dunha fronte de batalla, estruturaron o ataque en tres liñas para evitar a fuxida dos guerrilleiros.

COMO FOI A BATALLA

A casa de Repil e puntos no que sucederon os feitos. 1. Fiestra do comedor dende a que un guerrilleiro avistou a Garda Civil; 2. Entrada de carro ao patio da casa pola que saíron os guerrilleiros. Alí mesmo foron abatidos; 3.Porta principal pola que liscou Fermín Lada “Segura”; 4. Avanzadilla da Garda Civil que abatiu os guerrilleiros con fusís ametralladores e mosquetóns máuser / Manuel Gago – Culturagalega.org

Un grupo de avanzada colocouse moi preto da porta de entrada ao patio da casa. Cando comezaron os tiros, catro dos guerrilleiros quixeron fuxir por ese lugar e foron acribillados. Tres deles cairon mortos ou feridos de morte. O outro, Fermín Segura, volveu entrar na casa e saíu por outra das portas que tamén estaba vixiada. Recíbeno novamente cunha chuvia de balas. Militares e gardas civís teñen instalados niños de ametralladoras en distintos puntos do monte para evitar a fuxida.

Pero Segura consigue fuxir polo monte, aínda que cunha fea ferida no rostro. Unha bala atravesaralle a mandíbula. Incapaz de falar, e moi debilitado, acaba na casa do cura, que lle ofrece auxilio. O quinto dos guerrilleiros gardados na casa, Saúl, consegue librar misteriosamente da morte o que fixo sospeitar ao resto da partida senón tería un amaño cos militares e tería sido o delator do grupo.

Grazas a campaña destes últimos días, Ayán e o seu equipo foi quen de documentar toda esta secuencia de feitos. Grazas ao gradiómetro, e sobre todo, á descuberta de numerosas municións, en distintos puntos do escenario da batalla foron quen de reconstruír toda a batalla.

Proxectís e casquillos atopados polo equipo de Xurxo Ayán no escenario da Batalla de Repil / X.A.

Foi unha experiencia de manual, humilde, pequena pero que realmente foi moi exitosa porque nós o que utilizamos en Repil foi un modelo que se empregou noutras partes do Estado e contrastamos metodoloxía para aplicalas noutros contextos como castro de San Lourenzo, por exemplo”, apunta Ayán en declaracións a Xornal de Lemos.

Nesta campaña, á diferencia da de 2016, dábanse condicións perfectas porque o lume permitiu recuperar a orografía orixinal do 49. “Por primeira vez en 60 anos puidemos ver a contorna e isto axudounos moitísimo á hora de interpretar o acontecido hai case 70 anos”, indica.

A IMPORTANCIA DOS PROXECTÍS ATOPADOS

Así, tras peinar os arredores da vivenda descubriron numerosos casquillos de bala, un proxectil intacto e mesmo un cargador. Unhas descubertas coas que puideron interpretar a secuencia dos feitos. “Descubrimos que había ata tres liñas defensivas da Garda Civil. Unha primeira con niños de ametralladores que foi coas que mataron a tres dos guerrilleiros que tentaron fuxir”, apunta.

Casquillos de bala que corresponderían con tiros de gracia aos guerrilleiros caídos na Batalla de Repil / Arquivo de Xurxo Ayán

Na porta de entrada, onde caeron os guerrilleiros, tamén se atoparon dous casquillos o que demostraría que foron rematados “con tiros de gracia”. “Isto está demostrando a aplicación de lei de fuga para rematar aos feridos”, afirma Ayán.

Pero o “máis espectacular” para o equipo de arqueólogos foi reconstruír a fuxida do guerrilleiro que conseguiu fuxir a Cereixa, Fermín Segura. “Fuxiu por unha porta traseira e alí foi recibido cunha chuvia de proxectís. Atopamos ata dous cargadores de pistola ametralladora”, continúa Ayán que asegura que mesmo puideron coñecer o tipo de munición empregada. Teñen marcaxes da fábrica de Sevilla; uns do 44 e outros do 48. “Ese tipo de ametralladora comezou a utilizarse pola Garda Civil en 1943”, puntualiza. Os arqueólogos tamén descubriron varios casquillos e un proxectil enteiro no camiño de fuxida de Segura, o que demostraría que se foi defendendo a base de tiros e que mesmo se lle chegou a encasquillar a súa pistola Astra.

O FUTURO DA CASA DE REPIL

Xosé Gago explica a un grupo de estudantes a historia da Batalla de Repil / arquivo Xurxo Ayán

A partir de agora, e tras reconstruír completamente a batalla de Repil, o equipo quere que este lugar se converta nun espazo para a memoria, no que os visitantes poidan coñecer a crueldade da posguerra franquista. De feito, a casa de Repil xa foi visitada por estudantes do CEIP da Pobra do Brollón e este martes irá o alumnado do CEIP A Pinguela de Monforte nunha visita guiada por Olga Novo e Xosé Gago.

Ademais, os materiais atopados serán expostos nun museo. “Será a primeira vez que obxectos da postguerra civil, como paraugas ou casquillos de balas se musualicen para amosar unha parte oscura da nosa historia”, conclúe Ayán. Será a pequena homenaxe deste veciño de Cereixa e do seu equipo a todos aqueles que morreron tentando defender a legalidade republicana.

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...