De Cataluña á Pobra do Brollón por amor aos animais

Xenia Monterde deixou Cataluña hai un ano para vivir na Pobra do Brollón. Neste concello está montando unha residencia para mascotas, trátase dun proxecto impulsado polo GDR Ribeira Sacra Courel, que estará en funcionamento previsiblemente en marzo.

Xenia Monterde / Kukay

Fai un ano, por estas datas, a familia Monterde chegou á Pobra do Brollón para quedarse. Nados en Cataluña, tiñan claro que querían xubilarse en Galicia, pero as circunstancias fixeron que viñeran antes. Unha das fillas do matrimonio, Xenia Monterde, tiña un proxecto e quixeron materializalo en territorio da Ribeira Sacra. Falamos co seu pai, Xabier Monterde, impulsor do proxecto, namorado de Galicia, e pai por riba de todo.

A túa filla Xenia é o principal motivo de que esteades aquí, qué proxecto tiña que vos convenceu a todos?

Eu quedeime namorado de Galicia desde a primeira vez que estiven aquí hai corenta anos e miña filla é instrutora de cans e axundante de técnico veterinario,… a súa vida xira ao redor dos animais e contaxiounos ao resto da familia. Buscabamos outra calidade de vida fóra da cidade e decidimos virnos para A Pobra do Brollón.

Xenia Monterde / Kukay

Por que a Pobra do Brollón, coñeciades o concello?

Meu sogro é da Pobra e levamos moitos anos vindo por aquí. Vimos ventaxas moi importantes frente a outros concellos,… Está case no corazón da Ribeira Sacra e Ribeira Sacra está nun momento moi interesante turísticamente, que non pode ir máis que para riba. Por que non ofrecerlles os nosos servizos á xente que visita a Ribeira Sacra con cans?

A Pobra está estratéxicamente situada, con Lugo, Ourense, cerca dun núcleo como Monforte de Lemos. Gústanos A Pobra e estase traballando moito en potencialo como núcleo para vivir. Hai unha aposta do concello por promovelo e que veña xente para sumar.

En marzo do pasado ano abriuse Kukay Pet Boutique no Cardenal de Monforte e agora contades abrir unha residencia para mascotas na Pobra do Brollón. Parece un proxecto ambicioso, tivestes axuda, pedistes algunha subvención?

Os nosos recursos son limitados e cando é así necesítase axuda. Contamos cun bo asesoramento e presentamos o proxecto a través do programa Leader do GDR Ribeira Sacra Courel. Cando fás algo así e comezas de novo necesitas que che boten unha man e nós tivemos moito apoio do concello e do GDR,… E cal foi a sorpresa, cando aceptaron o proxecto e entón puidémolo afrontar con máis tranquilidade. Dunha inversión de 120.000 euros, déronnos 41.000 euros de axuda.

Cóntanos como foi o proceso?

O proxecto tiñámolo plantexado en dúas fases, primeiro a tenda e perruquería canina con accesosios para mascotas. E a segunda fase a residencia canina e felina cun criadeiro de cans de razas específicas, dogo alemán, bichón maltés e chiguaguas. A nosa filosofía é que o centro de todo sexa o animal e traballar por mellorar a raza.

Pensamos na tenda en Monforte, porque cada vez máis xente ten mascotas, non hai un censo a pesar de que a normativa está aí, pero vese claramente que xente cada vez está máis concienciada con ter animais de compañía, e non só un.

Xenia Monterde / Kukay

E na Pobra?

Na Pobra vivimos desde hai un ano, mercamos unha casa na estrada de Saa que estaba para entrar a vivir con pequeas reformas e ao carón, tiñamos o terreo necesario para desenvolver todo o que queriamos. Entón mercamos o terreo de 7000 m2 e nel estamos construíndo a residencia para mascotas.

O máis dificultoso foi cumprir a legalidade porque se necesitan requisitos moi concretos, espazos moi amplos, distancias con vivendas, pero quen ten ilusión, paciencia e ganas, ten axuda. O concello e o GDR a través do seu xerente apoiáronnos moito.

Como se chamará a residencia da Pobra e para cando estará en funcionamento?

En Monforte con Kukay Pet Boutique quixemos darlle un toque diferente. E como o noso compromiso con Galicia e A Pobra do Brollón é total, poñémoslle Kukay Brollón, para agradecer, identificarnos e localizarnos xa no territorio. A acollida da xente foi fantástica aquí, portáronse xenial, estamos moi agradecidos. O concello non puxo ningún problema á utilización do nome.

Contamos comezar a traballar a mediados de  marzo, pero dependemos principalmente da climatoloxía. Estamos ansiosos de traballar cos cans e dar estes servizos. Todo está no punto para que todo saia razonablemente ben. O boca a boca en Monforte funciona e estamos comezando a recoller pouco a pouco clientela. É moi importante a calidade de servizo,… que a xente nos deixe as mascotas e estean tranquilos e que a residencia non sexa só un lugar de descanso dos animais, que sexa un espazo no que poidan estar cómodos e activos. Estamos desexando comezar.

Dogos / Kukay

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here