A odisea dunha paciente de Quiroga entre o HULA e o Hospital de Monforte

Unha veciña de Quiroga de 70 anos denuncia a falta de atención do HULA ante unha doenza que a pode deixar en cadeira de rodas se non se opera.

Hospital de Monforte. Foto cedida.

A muller, protagonista desta historia, é veciña de Quiroga, ten 70 anos e a súa “odisea” comeza na primavera do 2017. A paciente ten duas hernias discais na L4 e L5, padece dor, produto “dunha lumbalxia con irradiación ao membro inferior dereito de carácter incapacitante”. Despois de varias consultas e probas, en novembro do 2018, cos resultados na man, o traumatólogo do Hospital de Monforte confírmalle o previsto, segundo apunta a familia “que é necesario intervir as dúas hernias discais, que ten cita para febreiro do 2019 para a intervención, pero que a súa espalda está moi mal e habería que axilizar todo para intervila antes”. É a partir desde momento, que a familia asegura “vivir un rosario de accións inexplicables e contradictorias. E a desesperación ante o cúmulo de despropósitos.”

A familia reclama no Hospital de Monforte que se lle adiante a cita de neurociruxía tal e como prescribe o traumatólogo de Monforte. A reclamación é admitida no rexistro de Monforte, pero a familia asegura, que non foi tramitada.

Agardando a cita do 6 de febreiro, o Sergas chama á paciente para retrasar a cita. A consulta posponse ata 3 veces, segundo a familia, xustificándoo con que o neurociruxano non podía antendela nesas datas.

Cando consegue ter cita, aseguran desde a familia, que o médico especialista lle anuncia que o seu médico a informou mal, porque non operan a maiores de 55 anos e que tiña que volver ao seu servizo de traumatoloxía, onde lle darían solución á súa doenza. Xestionan unha nova cita no HULA para o 8 de outubro do 2019, mentres acoden ao seu traumatólogo pedindo axuda e este asegúralles, segundo informa a familia, “que se están rindo deles, que o que non queren é operala, e que non ten noticia de que non se opere a maiores de 55 anos”. O traumatólogo dálles un volante solicitando que se adiante a cita dada para o mes de outubro. A resposta por escrito a esa petición foi cambiarlle a cita, pero para finais de novembro.

A familia asegura que levan desde entón chamando á xerencia do HULA e a Atención ao Paciente sen que o teléfono fose descolgado unha soa vez. Nesta situación a paciente solicita ser atendida e operada o antes posible para deixar de sentir dor e acabar co risco de quedar en cadeira de rodas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here