Rocío Rodicio, a gañadora máis nova dos concursos de carteis da Feira do Viño de Amandi

Coñecemos a esta artista gráfica orixinaria de Parada de Sil, en Ourense, que con tan só quince anos pode presumir xa de ser a autora do cartel anunciador da Feira do Viño de Amandi de Sober deste 2022.

Rocío Rodicio co cartel o día da presentación oficial do mesmo. Foto: Celi

Falamos primeiro coa súa nai, Celi, que nos conta que viven en Ourense pero son de Parada de Sil. Dinos tamén que teñen estado en Sober varias veces e que “gústalles ver a súa terra dende o outro lado en miradoiros como o de Cividade”.

Preguntámoslle a Celi pola faceta creativa de Rocío, por saber se hai antecedentes na familia, e dinos que non, que “non saben realmente de onde lle vén”. O que si sabemos por ela é que empezou de moi pequena, e que con 4 anos xa gañou algún concurso de postais de Nadal na escola.

Conta como anécdota tamén que a filla maior ía a clases de debuxo e díxolle á profesora se podía coller a Rocío. De primeiras puxo pegas por ser moi pequena, que con catro anos non collía a ninguén. Pero fíxolle unha proba por ver que tal e levou unha sorpresa, viulle unha madurez fóra do normal e colleuna.

Neste punto da entrevista, Celi pásanos xa con Rocío que confirma a súa afección dende pequeniña polo debuxo, afección á que lle dedica moito tempo, “sempre que non teño que estudar, debuxo”, di. Confesa tamén que lle gusta ler e escribir, e dos libros que lle gustaban, así como tamén da televisión, ía sacando personaxes.

Rocío Rodicio. Foto cedida pola súa nai Celi

As clases de debuxo e pintura, sumadas á práctica diaria na casa, foron dándolle soltura e así hoxe en día ten o nivel que demostrou xa gañando varios premios. O máis recente e meritorio foi o do cartel anunciador da Feira do Viño de Amandi de Sober. Con quince anos é a autora máis xoven que o gaña.

“A práctica é o máis importante e se non che sae á primeira hai que seguir facendo… e se non é o día deixalo para o seguinte”, dinos Rocío como experiencia destes anos na súa faceta artística.

Preguntámoslle se lle piden encargos e recoñece que si, algunhas veces, e tamén se ten por costume presentarse a concursos, feito que confirma, “cando me entero de concursos por internet ou polas redes sociais, se podo preséntome”, di. E polo que nos conta súa nai, ten gañado xa unha chea deles.

“Cando me entero de concursos por internet ou polas redes sociais, se podo preséntome”

Algúns dos premios máis relevantes acadados por Rocío Rodicio: gañadora en tres edicións do ‘Concurso de dibujo y redacción Jóvenes y Mayores’ do xornal La Región; concurso internacional ‘Leonardo 4 Children 2021’; concurso ‘Cartel 25N’ do Concello de Pereiro de Aguiar; X e XI ‘Premio Nacional Avelina Lamas’ na categoría de marcapáxinas; Mención de Honra do ‘Concurso Internacional VIII centenario Catedral de Burgos’.

Primeiro premio de debuxo do ‘Concurso Jóvenes y Mayores’ organizado pola Fundación Dorzán e o xornal La Región. Obra: R. R.
Premio cartel 25N de Pereiro de Aguiar
‘XI Premio Nacional Avelina Lamas’ na categoría de marcapáxinas.

No caso do concurso de Sober viu a convocatoria por internet e decidiu presentarse. “Non esperaba gañar polo nivel que había e tiña dúbidas de se con 15 anos me podía presentar”, di Rocío. Súa nai chamou ao concello para preguntar e confirmáronlle que si, con autorización dos pais non había problema. E mira ti, que gañou. En palabras da súa nai: “ao ver o nivel que había doutros anos non esperábamos gañar. Foi un orgullo impresionante!”.

No que respecta ao proceso creativo Rocío di que sabía máis ou menos que caracterizaba a zona e buscou por internet máis cousas sobre o viño de Amandi, sobre Sober, etc. Con toda a información na cabeza recoñece que non lle custou moito dar coa idea, coa composición que quería trasladar ao cartel. “Quería xuntar nunha mesma imaxe un viticultor, as uvas, unha copa de viño e o canón do Sil”, sinala Rocío. E así foi como plasmou na súa obra, e dentro da copa, un viticultor cun acio e o canón do Sil. En canto á técnica dinos que foi pintado con acuarela e por enriba marcou con lapis de cores para completar a técnica.

Bosquexo do que cartel anunciador da Feira do Viño de Amandi 2022. Obra de Rocío Rodicio.

“Quería xuntar nunha mesma imaxe un viticultor, as uvas, unha copa de viño e o canón do Sil”

Rocío, ademais de debuxar e pintar, dálle á escritura co cal a súa faceta creativa está moi presente na súa vida. Todo apunta a que o seu futuro profesional vai encamiñado pola vertente artística pero ela de momento di que non o ten claro. O tempo o dirá.

Rematamos a entrevista preguntándolle por debuxantes, pintores, pintoras que lle inspiran e dinos que da historia quédase con Leonardo Da Vinci e con Vicent Van Gogh pero que da actualidade non se inspira con ninguén en particular.

Un retrato de altísima calidade feito por Rocío R.

O vindeiro día 10 de abril, na segunda xornada da Feira do Viño de Amandi de Sober, asistirá á entrega oficial do premio.

Por se queredes seguir a súa obra en Instagram: https://www.instagram.com/ro.arttt/?utm_medium=copy_link

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here