HomeOpiniónNunca é tarde para morrer

Nunca é tarde para morrer

Colaboración de Xanín Carpinteiro, este mes sobre a "Eutanasia". Lembrando o caso do galego Ramón Sampedro levaranos a coñecer o encaixe desta figura na código penal español, como se contempla en ordenamentos xurídicos doutros países e finalmente detallará unha retro-visión histórica moi breve sobre o tema.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

O caso de María José Carrasco non é o primeiro nin, por suposto, será o último, o galego Ramón Sampedro lanzounos unha pedra á cara hai máis de 20 anos. Pero a cousa nunca vai connosco e sempre vai co veciño. A falta de esixencia política a quen nos representa ou quizá a inopia social, direi no noso favor  -coa boca pequena- que igual non estabamos preparados, levou a que unha persoa compre por internet unha substancia de eficacia e resultado incertos para axudar a morrer a outra persoa coa que lle unen lazos afectivos, asumindo, ademais, unha probable condena penal. Non nos quedan escusas e hai que abordar con valentía que aínda en determinadas circunstancias a persoa segue mantendo un dereito personalísimo á liberdade, á dignidade, á autodeterminación e, en definitiva, a decidir sobre a súa propia existencia, parcela de tal intimidade que calquera inxerencia na mesma debería comportar o máis absoluto reproche social e legal.

Por que non atrevernos a ir cara atrás e lembrar que ocorreu? En xaneiro de 1998, por razón do facho que nos entregou o galego, o Grupo Parlamentario F. de Izquierdo Unida e o Grupo Mixto presentaron unha Proposición de Lei no Congreso -que xa adianto que foi rexeitada- nun intento de regular a eutanasia. Comezou Castellano Cardalliaguet (EU) cun parágrafo destacable: “Reiniciamos un debate que ultimamente produciu na nosa sociedade unha certa convulsión, ao observar dunha forma absolutamente tanxible a que supostos pode levar que se ignore a realidade na que vivimos, debate que, ademais, queremos deixalo moi claro, iniciouse precisamente cando este país recuperou a democracia, porque é un debate no que, loxicamente, imos falar de dous conceptos ineludiblemente unidos á democracia: o dereito a unha vida digna e o dereito á liberdade.”

Pola súa banda Alcaraz Ramos (Grupo Mixto), na súa quenda de palabra tamén deixou dito “As súas señorías non ignoran que un recente feito conmocionou a España, e non é que este feito crease a oportunidade do debate nin da proposición, o que sucede, desgraciadamente, é que sempre haberá polo menos un recordatorio que nos obrigue a pensar na necesidade deste debate se non o resolvemos a partir de hoxe nesta Cámara. No suceso do señor Sampedro, que conmoveu á opinión pública, non conmove tanto a morte como unha vida que máis aló das fronteiras da dor converteuse nunha lúcida reflexión sobre a dignidade e a liberdade. A lección, neste caso e noutros menos coñecidos, é a que se podería resumir, seguramente, cuns versos de Jorge Luís Borges: “Si tu voluntad fue rehusar todas las mañanas del mundo, es inútil que palabras rechazadas te soliciten”. Esta é, pois, unha realidade cotiá ante a que non podemos desviar a mirada.

O Bloque Nacionalista Galego posicionouse a favor da citada Proposición de Lei, Rodríguez Sánchez manifestou: “quero facer miñas as palabras do noso compatriota Ramón Sampedro, cando afirmaba no seu testamento que vivir é un dereito e non unha obrigación. Sen ningunha dúbida, nós pensamos como el, compartimos o seu criterio, de que o corpo é propiedade lexítima de quen o ten, é unha propiedade que vai vinculada á vida e á conciencia, e que hai actos de liberdade que necesitan axuda de terceiros como un deber moral e como un acto de amor, a pesar de que o acto de quitarse a propia vida corresponde, exclusivamente, á intención do propio suicida. (…).”

Como adiantei, esta Proposición de Lei foi rexeitada e aquí estamos, 21 anos máis tarde.

Que é a eutanasia?

Etimoloxicamente o termo eutanasia provén das palabras gregas -eu (ben) e  -thanatos (morte)-, atribuíndoselle o significado de “boa morte”, unha morte sen dor nin padecementos. O profesor Roxin entende por eutanasia a axuda prestada a unha persoa gravemente enferma, en atención á súa vontade, para posibilitarlle unha morte humanamente digna en correspondencia coas súas propias conviccións. Díez Repollés considéraa como un comportamento que, de acordo coa vontade doutra persoa que padece unha lesión ou enfermidade incurable, xeralmente mortal, que lle causa graves sufrimentos e afecta á súa calidade de vida, dá lugar á produción, anticipación ou non adiamento da morte do afectado. A Organización Mundial da Saúde, definiuna como a acción do médico que provoca deliberadamente a morte do paciente.

A maioría da doutrina clasifica a eutanasia en activa e pasiva. A eutanasia activa é a provocación da morte (por exemplo inxectarlle un veleno á enferma) e a pasiva ou ortotanasia é a non iniciación do tratamento ou a interrupción dun tratamento que consegue alongar a vida na súa fase final (retirar o soporte vital). Diferénciase tamén entre a eutanasia directa e indirecta, segundo que a medida se dirixa a causar a morte ou simplemente teña o efecto secundario de acurtar a vida.

En xeral, cabe dicir que a eutanasia pasiva e a indirecta gozan de impunidade, no primeiro caso porque o paciente renuncia a iniciar ou seguir o tratamento ou á asistencia mecánica e, no segundo caso, porque xunto coa vontade do paciente engádese que o deber de alongar a vida cede fronte á obrigación de atenuar o sufrimento, como explica Roxin.

Entón, que é o que está prohibido en España? A eutanasia activa directa. O Código penal español do 95 regula no seu artigo 143 apartado 4 timidamente a eutanasia, e di que “O que causare ou cooperare activamente con actos necesarios e directos á morte doutro, pola petición expresa, seria e inequívoca deste, no caso de que a vítima sufrise unha enfermidade grave que conduciría necesariamente á súa morte, ou que producise graves padecementos permanentes e difíciles de soportar, será castigado coa pena inferior nun ou dous graos ás sinaladas nos números 2 e 3 deste artigo”. É dicir, impoñeríase unha pena de prisión entre 1 ano (ou 6 meses se reducen dous graos) e 2 anos menos un día ao que coopere con actos necesarios ao suicidio dunha persoa; e entre 3 anos (ou 1 ano e 6 meses se reducen dous graos) e 6 anos menos un día se a cooperación chegase ata o punto de executar a morte. O lexislador deixa fóra (impunes) a eutanasia pasiva e a indirecta.

Cal é a posición de Europa? A posición covarde, a Recomendación 1418, adoptada o 25 de xuño de 1999 pola Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa afirma que “o desexo de morrer non xera o dereito para morrer a mans dun terceiro” e que “o desexo de morrer dun enfermo terminal ou unha persoa moribunda non pode, en por si, constituír unha xustificación legal para accións dirixidas a poñer fin á súa vida”.

Con todo, Holanda e Bélxica legalizaron a eutanasia no ano 2001. Na lexislación holandesa contémplase que non se considerará delito cando se actúe respectando os seguintes criterios concorrentes:

– Que o enfermo estea sometido a un sufrimento insoportable sen que exista perspectiva de mellora algunha e que expresase repetidamente a súa vontade de morrer.

– O médico que atende habitualmente ao paciente debe valorar o seu sufrimento como insoportable e sen posibilidades de mellora, e pedir a opinión doutro colega.

– O facultativo está obrigado a informar con toda celeridade a unha das cinco comisións rexionais integradas por un xurista, un médico e un especialista en ética, que estudarán o caso e xulgarán se se respectaron os requisitos. En caso contrario, informarán o Ministerio Fiscal, que abrirá unha investigación, penalizando aos médicos que non respecten esas condicións con pena de prisión.

Pola súa banda, a Lei belga permite que calquera enfermo incurable, aínda que non estea en fase terminal nin a súa enfermidade sexa mortal, poida elixir o momento da súa morte, seguindo un proceso tutelado polo médico do paciente, que deberá contar sempre coa opinión dun segundo facultativo, e ata dun terceiro no caso de que a doenza non sexa mortal e cumprindo, en todo caso, con determinados prazos. Os enfermos terán que demandalo de forma consciente e reiterada. Unha Comisión federal composta por médicos e xuristas deberán valorar nun prazo de dous meses se a práctica da eutanasia cumpriu co previsto na Lei.

Aínda que nos sorprenda, non é novo. En Grecia a eutanasia era moralmente admisible (Platón consideraba conveniente deixar morrer aos mal constituídos e mesmo castigar coa morte aos de alma naturalmente mala e incorrixible); Hipócrates era contrario á participación dos médicos nos procedementos eutanásicos; en Roma, Séneca defendía o suicidio, contemplaba o suicidio como unha manifestación da liberdade do individuo; Santo Tomás estaba en contra da eutanasia; Thomas Mouro en 1516 xa se refire ao procedemento eutanásico co consentimento do enfermo na súa obra Utopía. Francis Bacon en 1616 emprega o termo eutanasia exterior para facer referencia a aquelas medidas encamiñadas a facer menos desagradable a morte. En 1791 en Francia iníciase unha corrente lexislativa a favor da despenalización; na Alemaña nacionalsocialista aplicaban o que eu chamo “eutanasia obrigatoria”; e o debate segue ata os nosos días.

E remato coa frase que Rodríguez Sánchez (BNG) dixo no Congreso dos Deputados en xaneiro de 1998: “Esperamos que este Congreso dos Deputados se deixe iluminar pola boa estrela que leve ás nosas conciencias comprensión, valentía, relativismo moral e tolerancia, que fagan posible a legalización da eutanasia no Estado español”, e cun recordatorio de agradecemento ao noso galego Ramón Sampedro, por el e por todos/as.

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...