Óscar Gamallo é quirogués por parte de pai e, aínda que naceu en Santiago e viviu en diferentes cidades de Galicia e de Asturias, nunca perdeu o contacto con Quiroga. Sempre que tiña ocasión viña pasar uns días e aproveitaba tamén para ver aos seus avós. Belén Maseda, quiroguesa de berce, estudou fóra e tivo diferentes destinos como profesora pola xeografía galega. Dende hai uns anos está xa traballando en Quiroga.
O caso é que dende hai uns anos decidiron montar campo base das súas vidas neste concello, lugar onde compaxinan os seus respectivos traballos co proxecto “Deikí”. A partir do deseño de camisetas con motivos orixinais e identificativos do territorio están ampliando o catálogo de produtos e tamén fan traballos por encargo para quen precise solucións relacionadas coa imaxe gráfica. Óscar desenvolve o proxecto como autónomo pero tira adiante nesta aventura coa creatividade de Belén, que se ‘rompe a cabeza’ cos deseños.
Recoñecen que a intención inicial era facer camisolas que axudaran a identificarse co local, para presumir do lugar de orixe, pero co tempo foron vendo que moita xente, de Quiroga ou non, mercaba os seus produtos como souvenir, para ter unha lembranza da comarca.
Contactamos con Óscar, que fala en nome dos dous.
Cando e como naceu “DEIKÍ”?
Deikí é un proxecto ao que lle levamos dando voltas desde que viñemos vivir a Quiroga, sobre o 2013. Daquela eu non tiña traballo e Belén tampouco tiña un traballo estable. Decidimos que queriamos quedar aquí e barallamos varias opcións. Dentro delas sempre estivo a do deseño de camisetas e produtos de aquí.
Que temas e que causas vos moven á hora de escoller os deseños?
Gústanos darlle a volta ás modas e mesturalas coa nosa tradición e co sentido do humor tan propio que temos os galegos.
Quen ‘se rompe a cabeza’ para sacar as ideas?
Sen dúbida Belén. Sempre anda dándolle voltas a novas cousas pero non por termos agora empezado coa empresa. Xa de antes tiña deseñado as camisetas da feira do viño para o seu grupo de amigos, tamén para o Moto Clube a Curuxa e a verdade é que os seus deseños sempre tiveron gran acollida. Cando se nos ocorre algo poñémolo en común e dámoslle voltas ata que nos convence aos dous, porque aínda que ela non está na empresa confío moito no gusto que ten.
Aínda que estades en Quiroga, “Deikí” abrangue temática comarcal, verdade?
Si, ademais cremos que estamos nun momento de identidade comarcal que non se vivira ata agora grazas á declaración coma Xeoparque Mundial da Unesco. A idea é seguir creando para a comarca pero tamén sacar deseños con outras temáticas.

Un proxecto necesario para fortalecer o “amor propio” dos quirogueses e das quiroguesas?
Os quirogueses e quiroguesas sempre soubemos que “molamos”, só nos faltaba “presumir de orixe” (risas). Estamos moi contentos co apoio da xente, notamos que lle gustan os nosos produtos e polo que sabemos algúns deles acabaron en EEUU, Alemaña, Puerto Rico… ou noutras comunidades de España.
“Gústanos que a xente recorde esta comarca por ter un produto noso”
Co potencial do Camiño de Inverno e do Xeoparque Montañas do Courel ábrese nicho de mercado para os “souvenirs”. Supoño que o tedes moi en conta?
Estes referentes que comentas, xunto coa Ribeira Sacra, son básicos e confiamos en que lle dean un pulo económico á zona en tódolos aspectos. No noso caso aínda que os nosos produtos non naceron coma souvenirs somos conscientes de que moita xente os compra para ter unha lembranza de Quiroga ou agasallar a alguén con algo da zona. Gústanos que a xente recorde esta comarca por ter un produto noso.
Cales son as vosas canles de venda?
Principalmente os puntos de venda da comarca. A maioría dos produtos están enfocados a esta zona e a xente prefire compralos aquí. Tamén adoitamos estar presentes co stand nos eventos da zona, cando o meu traballo o permite, e temos tenda online. Tamén usamos as redes sociais facebook e instagram para darnos a coñecer.
Que deseños e que produtos dos que tedes á venda teñen máis éxito?
Polo de agora, para nenos e nenas a camiseta de “Castañito”, da que xa nos quedan poucas en stock e para maiores a da Ribeira Sacra. Estas dúas xunto á do “Territorio xeoparque” son as que máis están gustando. En tazas véndense moito as dos produtos da zona, coma souvenir.

Facedes tamén traballos por encargo?
Si, ademais dos nosos produtos estamos facendo deseños para empresas, colectivos e particulares.
Ideas para novos deseños e novos produtos? Adiantádenos algo.
Ata pasado o inverno non imos sacar novas camisetas, aínda que estamos dándolle voltas aos deseños. O que si podo adiantar é que nas próximas semanas imos sacar máis modelos de bolsos e unha taza chamada “revolución”. E tamén nos están pedindo que fagamos gorras, seguramente saquemos en breve.
Tivestes axudas para o desenvolvemento do negocio?
Non, contei co desconto do primeiro ano de autónomo pero é certo que non pedimos máis axudas. Empezamos isto coma un divertimento comprando maquinaria pouco a pouco cos nosos aforros e actualmente dependemos dos nosos traballos fixos para manter o proxecto.
Animariades á xente a emprender en Quiroga? Por que?
Animaría a xente primeiro a vivir en Quiroga. Para nós foi unha boa decisión, gañamos calidade de vida e atopamos o noso sitio. Con vivir quero dicir participar das asociacións culturais, dos moitos colectivos e actividades que hai, e da vida aquí. Para quedar vivir aquí en moitos casos hai que emprender e iso supón ter un proxecto case único que cres que pode funcionar. Non é doado porque sabemos que vivimos nun momento complicado e máis no rural pero nun concello situado na Ribeira Sacra, en pleno Camiño de Inverno e no Xeoparque cremos que o turismo pode ser un punto positivo. Xa temos moitos exemplos aquí de emprendedores que son un referente, o importante é ter un bo proxecto porque creo que esta zona ten posibilidades e vai ter moitas máis. E se eses emprendedores precisan que lle deseñemos algo, aquí estamos.
“Animaría a xente primeiro a vivir en Quiroga. Para nós foi unha boa decisión, gañamos calidade de vida e atopamos o noso sitio”
