HomeOpiniónOPINIÓN: Sobre as verdades e as mentiras

OPINIÓN: Sobre as verdades e as mentiras

"Damos en chamar fake news é unha mentira das de toda a vida, só que se o dicimos en inglés colle outro cariz, mesmo se fai simpática a expresión..."

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Resulta curioso como podemos ser, de forma colectiva, tan inxenuas. Tendemos a crer case todo dunha forma tan acrítica como pertinaz. Sucede moitas veces con noticias, mesmo as dalgúns “medios de comunicación” que teñen sido condenados reiteradamente por mentir, por falsear a información.

Isto que agora, dunha forma tan pretenciosa como patética, damos en chamar fake news é unha mentira das de toda a vida, só que se o dicimos en inglés colle outro cariz, mesmo se fai simpática a expresión. Isto pódenos parecer unha novidade saída dese “enxendro” que é internet, algo que non había e que agora xa está entre nós para quedarse, pero non é certo.

“O interese de determinados grupos de poder (económicos, relixiosos, de clase…) por facernos crer as cousas máis pintorescas, inverosímiles e absurdas é algo que está máis que contrastado”

O certo é que non é nada novidoso. A novidade reside na rapidez da propagación, pero as mentiras acompáñannos desde, polo menos, o nacemento da historia -e probablemente na prehistoria xa as houbera, aínda que non estea documentado-. O interese de determinados grupos de poder (económicos, relixiosos, de clase…) por facernos crer as cousas máis pintorescas, inverosímiles e absurdas é algo que está máis que contrastado. Tamén a nosa capacidade para tragar os seus anzois, as súas trolas, mesmo moitas veces implicando que vaiamos contra os nosos propios intereses. Aí temos os deuses, a mitoloxía, fábulas, milagres, dogmas imposíbeis, ou que é mellor a sanidade privada que a pública, por poñer algúns dos exemplos máis evidentes.

É certo que os actuais líderes continúan coa tradición de dominar ao pobo (a nós) por medio da mentira, vémolo a diario, mesmo asumimos que a xente que se dedica á política mente como algo natural, pero o que non é certo é que esa mentira, esa manipulación sexa algo novo. Aí temos como exemplo cando Galileo, seguindo a Copérnico, dixo que a terra e o resto dos planetas xiraban ao redor do sol e non ao revés e mesmo foi xulgado, pola inquisición da igrexa, por dicir a verdade e obrigado a retractarse e condenado a vivir arrestado no seu domicilio até a súa morte.

“Todos os días se comproba que noticias publicadas polos medios de comunicación que lemos a diario son mentira e, no entanto, seguimos léndoos…”

Non está demostrada a existencia dos deuses das grandes relixións monoteístas, nin que a un deles lle pareza mal que a súa parroquia beba alcol mentres ao outro lle fan unha ofrenda con viño. Todos os días se comproba que noticias publicadas polos medios de comunicación que lemos a diario son mentira e, no entanto, seguimos léndoos, seguimos dándolle valor ao que publican e, mesmo, ás veces, discutimos con amizades defendendo tal ou cal cousa que lemos e damos por certa, cando non temos ningunha seguridade de que o sexa e, ás veces, mesmo podemos comprobar que non o son de forma fácil acudindo a espazos como a maldita hemeroteca do programa de Julia Otero, que tamén ten unha web, maldita.es; ou outras como maldito bulo.

Vén esta reflexión a conto de que mentres non sexamos máis críticas coa información, mentres non sexamos capaces de distinguir a verdade da mentira seguiremos estando en mans de quen ten a ferramenta da manipulación, seguiremos pelexando entre nós para máis gloria súa, seguiremos, en definitiva, estando nas súas mans, onde nos queren ter.

O malo é que todas as ferramentas modernas que nos poderían axudar a ter fontes de información veraz, maneiras de comprobar as mentiras, case sempre se alían co embuste e contribúen a propagalo de forma viral, cunha potencia de difusión exponencial.

Así que o único que nos queda é pór intelixencia, interese e crítica naquilo que lemos, non dar por bo todo o que nos din, mesmo vindo de fontes en que confiamos -ás veces a nosa xente próxima tamén é vítima do engano e contribúe a espallalo-, prestarmos atención e vixilancia, non dalo todo por bo.

“o único que nos queda é pór intelixencia, interese e crítica naquilo que lemos”

Como dicía o sarxento Esterhaus en Canción triste de Hill Street: “teñan coidado aí fóra”.

ÚLTIMAS

Dinámica: o local de celebracións ‘autoservizo’ de Monforte

Dinámica nace da man de Mara González Lagoa e coa idea de ofrecer un...

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...