HomeOpiniónOPINIÓN: A trampa da distancia social

OPINIÓN: A trampa da distancia social

"É moi distinto a distancia física -necesaria neste momento- que a distancia social -sempre innecesaria e nociva-".

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Linlle o outro día a Luis Monge de Arce que conta o médico e avogado, Ira Byock, no libro “A mellor atención posíbel: a busca dun médico para transformar a atención até o final da vida” que, hai anos, un estudante preguntoulle á antropóloga Margaret Mead, cal consideraba ela que era o primeiro signo de civilización nunha cultura. O estudante esperaba que Mead falara de anzois, olas de barro ou pedras de moer. Pero non, Mead dixo que o primeiro signo de civilización nunha cultura antiga era un fémur que rompera e sandara. Explicou que no reino animal se rompes unha perna morres, non podes fuxir do perigo, ir ao río a beber ou procurar comida. Ningún animal sobrevive a unha perna rota o tempo suficiente para que o óso sande. En cambio, un fémur roto que curou é evidencia de que alguén lle vendou a ferida, a levou a un lugar seguro, lle deu de comer; é dicir, alguén coidou da persoa que caeu. Mead dixo que axudar a outra persoa en momentos de dificultades é o punto onde comeza a civilización.

“Mead dixo que o primeiro signo de civilización nunha cultura antiga era un fémur que rompera e sandara”

Vén isto a conto da chamada “distancia social”, expresión coa que non deberamos familiarizarnos. En realidade o que cómpre para evitar o contaxio do COVID-19 é distancia física, manternos a máis dun metro e medio doutra persoa para evitar o risco de contaxio, polo que din quen disto entende e cuxos consellos debemos seguir.

“É moi distinto a distancia física -necesaria neste momento- que a distancia social -sempre innecesaria e nociva-“

Creo que non é unha cuestión só de como lle chamemos, ten que ver tamén con valores que pretenden inocularnos como o individualismo, a competitividade e a ruptura dos vínculos de comunidade, para máis gloria do negocio. É moi distinto a distancia física -necesaria neste momento- que a distancia social -sempre innecesaria e nociva-.

Vimos dunha cultura cooperativa. Actividades como a sega, a vendima, a malla, a matanza… precisaban da axuda mutua e ao mesmo tempo criaban lazos de comunidade, tecían fíos da vida. Estas actividades están sendo atacadas, pola vía legal, con inspeccións de traballo nas vendimas, persecución da matanza tradicional, para lograr un duplo obxectivo: evitar que esas actividades ser realicen fóra do seu mercado e evitar que eses vínculos sigan a crear comunidade e, polo tanto, lazos de solidariedade e resistencia. Cada un na República da súa casiña e Amazon na de todos.

“Cada un na República da súa casiña e Amazon na de todos.”

Temos que manter a proximidade social, os afectos. Mentres non nos podamos abrazar fagámolo a distancia, usando a tecnoloxía, pero cando isto pase temos que recuperar os mellores valores de comunidade. Por iso non é aceptábel que nos pidan distancia social nin deberiamos aceptalo sen máis, de forma acrítica, porque ninguén somos totalmente autónomos, porque sen axuda non viviriamos: precisámola ao nacer, ao longo da vida e tamén no final; porque no mercado non se compran afectos e porque, os coidados, como ben reflexiona Margaret Mead son os que sosteñen a vida e as nosas sociedades.

Sexamos persoas civilizadas, coidémonos.

ÚLTIMAS

A ‘Feira do Viño de Amandi’ xa está aquí

O colofón a un completo programa de actividades do Mes de Amandi no concello...

Preséntase en San Pedro de Bembibre (Taboada) o programa piloto de visitas a igrexas románicas

Desde o 12 de abril ata finais do mes setembro contarase con visitas semanais...

Na última fin de semana de abril celébrase a XII Subida a Taboada

Esta proba automobilística, que se desenvolverá os días 26 e 27 de abril recuperouse...

Courel Vivo leva a pleno solicitar o arranxo das estradas provinciais

Segundo Courel Vivo as estradas do Courel, independentemente da administración da que dependan, contan...