Xa se pode ir ao dentista! Contentos/as, ou non tanto? O/a dentista é visto/a para moitos como un incordio, e eu diría máis, pode ser un incordio, pero necesario. E que non se me malinterprete polo gremio, esa forma de velos é como se ve nalgúns casos aos pais, a algúns profesores ou a amigos/as de confianza… como esas persoas que che din o que non queres pero ‘debes’ oír. Son estritos, claros e directos pero obxectivamente son así polo teu ben. E a boca require, como calquera outra parte do corpo, por saúde, unha atención e un coidado excepcional e disciplinado.
Pois ben, as clínicas dentais tamén tiveron que pechar coa chegada do coronavirus e, como pasou con outros empresarios e/ou profesionais, o peche non significou que se quedaran de brazos cruzados, se non todo o contrario. Dar solucións económicas para o persoal traballador, documentarse para adaptarse á situación que se lles presentou, planificar no apartado técnico, hixiénico e sanitario a consulta… fixo que profesionais como a Dra. María José Martín non se aburrise en todo este tempo. Cóntanos, entre outras cousas, que tratou de falar persoalmente cos seus pacientes en espera, que fixo cursos e unha chea de vídeo conferencias e que investiu cartos en tecnoloxía para ter a clínica a punto e coas maiores garantías de seguridade hixiénico sanitarias para a tranquilidade dos seus pacientes.
“teño dous frontes abertos, por un lado o de profesional sanitario e por outro o de empresaria”
Que aproveitaches para facer estes meses nos que a Clínica tivo que pechar?
No meu caso teño dous frontes abertos, por un lado o de profesional sanitario e por outro o de empresaria. Dende o punto de vista empresarial tivemos que facer un ERTE de forza maior e un reaxuste económico para afrontar a situación e prepararnos para o período que imos comezar. No apartado de profesional sanitario tiven e teño que preparar a volta coa máxima seguridade.
Entendemos que o negocio non permite desconectar de todo. Que te mantivo ocupada en relación ao oficio e ao mantemento da Clínica?
Nós xa decidimos pechar antes da declaración do estado de alarma polo que se viña enriba. Cancelamos 15 días de consulta e decidimos esperar a ver por onde ían as cousas. Despois xa veu o Estado de Alarma e, respecto aos pacientes que estaban citados a posteriori, montei un escritorio remoto dende a miña casa para poder acceder ás fichas, axenda e ter todos os historiais baixo o meu control por se algún me necesitaba e ter así a mellor información posible para diagnosticar correctamente. Así, pois, tamén tiven que facer o traballo da miña coordinadora, chamar e facer seguimento persoal dos pacientes. Pasei toda a corentena cun horario de chamadas e o teléfono da consulta tíñao derivado ao meu persoal. Estiven traballando de xeito remoto interesándome polos pacientes e atendendo consultas e dúbidas… e claro, deste xeito non estiven desconectada para nada.
“foi interesante contactar con outros profesionais, compañeiros de Corea, China, etc para coñecer as súas rutinas e dinámicas de traballo para poder anticiparnos á nova situación que nos espera”
Eu e o meu equipo tamén fixemos cursos de prevención relacionados co Covid e sesións formativas a través de internet. E tamén foi interesante contactar con outros profesionais, compañeiros de Corea, China, etc para coñecer as súas rutinas e dinámicas de traballo para poder anticiparnos á nova situación que nos espera.

Agora toca volver, a outro ritmo, pero volver. Como se presenta o traballo, a nivel organizativo e de atención ao público?
Xa empezamos a traballar o 11 de maio, practicamente o 60% da plantilla para implementar os protocolos de seguridade e para ir traballando progresivamente. En canto a temas de seguridade, hixiene, esterilización e desinfección o meu equipo está xa moi preparado e acostumado, non entendemos outra forma de traballar que non sexa así; pero se ben é verdade, co tema do Covid19 o tema do control ambiental había que enfocalo doutra maneira. Fixen un investimento moi potente nunha aparatoloxía de última xeración que de feito se utiliza por exemplo no Hospital de China de Wuhan e en laboratorios onde están traballando coa vacina do Covid para ter unha desinfección non só do aire senón tamén das superficies e da roupa en xeral. Por suposto respectamos os protocolos de seguridade, contamos cos equipos de protección necesarios e nalgúns casos reforzados segundo a situación o requira. Ao ter salas grandes tamén garantimos as distancias de seguridade e temos a avantaxe de ter unha consulta totalmente exterior, co cal temos luz e ventilación, o que dá un plus tamén de seguridade porque as salas estanse ventilando continuamente.
Os pacientes están xa moi habituados na miña consulta aos protocolos de esterilización e asepsia, simplemente que agora hai que ir un pouco máis alá para facer da consulta un entorno moi moi seguro. Nós temos que traballar tamén moi protexidas, porque estamos máis expostas, moi próximas ao paciente, pero nada que non fixeramos con anterioridade. Son uns EPIs máis aparatosos e igual se pode facer máis estraño vernos detrás de tanto parapeto cando antes podiamos quitar a mascarilla para falar co paciente e agora non o podemos facer, nin entre nós.
“Nós temos que traballar tamén moi protexidas, porque estamos máis expostas, moi próximas ao paciente, pero nada que non fixeramos con anterioridade.”
Como tedes a lista de espera nestes momentos? Contemplades solucións para axilizar a atención ou haberá que ter paciencia?
Volveremos co horario de mañá e tarde o vindeiro luns 25 de maio, temos moi controlado o aforo e o tema da individualidade do paciente, e sempre con cita previa. Respecto á lista de espera non é doado organizar por prioridades aos pacientes pero estamos chamando xa a todo o mundo e intentando facer tratamentos con normalidade, e temos sorte de que a nosa zona non é das máis afectadas para ter un marxe de seguridade maior. Os pacientes poden estar tranquilos, xa estaremos todas ao cen por cen e podemos dar maior resposta a todo o que xurda. Ao cen por cen e con máis ganas que nunca!.
De cara á volta con total confianza, e polo que nos vés contando, as garantías hixiénico-sanitarias son totais, verdade?
Hai que pensar sempre que as Clínicas estamos moi habituadas a controlar os riscos de infeccións cruzadas. Todo o material que se usa está completamente esterilizado, ademais do material que se desbota con cada tratamento e o único que incrementamos é meter en cada gabinete unhas máquinas que desinfectan o aire e as superficies.
Ofreceredes vós as máscaras ou cada usuario/a terá que levar a súa?
Aos pacientes aconséllase que veñan con máscara xa dende antes. Agora, como xa é obrigatorio o uso da mascarilla todos virán con ela. Agora ben, se considero que a mascarilla non é a axeitada nós ofrecémoslle unha. Á entrada, a todos poñerémoslle na entrada gorro, calzas, desinfectámoslle as mans e revisámoslle a mascarilla.
“a semana que vén empezamos xa a facer ortodoncia, incorporamos na plantilla unha persoa máis, á Doutora Beatriz Iglesias”
Aumenta a familia profesional, cóntanos?
Pois si, a semana que vén empezamos xa a facer ortodoncia, incorporamos na plantilla unha persoa máis, á Doutora Beatriz Iglesias, cun currículo profesional excepcional en ortodoncia. Algúns pacientes meus xa a coñecían por derivalos a ela, pero agora ela desprazarase aquí a Monforte para facer tratamentos de ortodoncia de todo tipo na nosa consulta.