HomeEn profundidadeComercial Mida, un ‘milagre económico’ en Taboada

Comercial Mida, un ‘milagre económico’ en Taboada

Unha tenda que barallaba a opción de pechar, reconverteu o seu modelo de negocio con tal éxito que neste 2020 aumentou nun 244% a súa facturación e conta con contratar a oito traballadores máis de cara ao 2021.

Publicado o

- Advertisement -

O despoboamento rural de Galicia e a situación económica derivada da Covid19 non son, a priori, circunstancias que animen a emprender. Aínda así, moitas oportunidades nacen das situacións de crise e sempre se dixo que a sorte acompaña aos que arriscan. O caso de Comercial Mida vai un pouco por aquí, sen prexuízos iniciais, e apostando polo rural e a proxección global que ofrecen as novas tecnoloxías, transformou unha pequena tenda física de produtos agrícolas e gandeiros nunha agrotenda líder en vendas online.

Achegámonos a Taboada, concello no que ten lugar este pequeno milagre económico que está rachando cos prexuízos sobre as posibilidades de emprender de forma próspera na ‘Galicia baleirada’. Alí aténdenos Silvina Domínguez, enxeñeira agrónoma responsable de compras e encargada de atención ao cliente.

Silvina Domínguez recíbenos no almacén / XdL

Con Silvina falamos dos inicios. Comercial Mida naceu no 1987 sendo a súa propietaria a Sra. María José Díaz Otero, unha emprendera moi botada para adiante que rexentaba esta tenda centrada en comercializar produtos relacionados coa gandería, a agricultura e os medicamentos veterinarios. En Taboada fíxose un nome e foi a referencia ata tal punto que a xente da vila e da contorna sempre dicían “imos ao Mida” cando tiñan que ir mercar alí algún produto. Todo moi ben ata que no 2015, ano no que se instalou en Taboada a Cooperativa Aira, empezaron a baixar as vendas.

Entrada da tenda física de Comercial Mida / XdL

En Taboada fíxose un nome e foi a referencia ata tal punto que a xente da vila e da contorna sempre dicían “imos ao Mida” cando tiñan que ir mercar alí algún produto.

Ante esta situación económica, e vendo a Sra. María José unha xubilación próxima, valorou incluso a posibilidade de pechar. Pero o seu fillo David tivo unha revelación, lembrouse dun amigo que podía estudar o seu caso e axudarlles a impulsar o negocio para darlle unha nova orientación. Ese amigo era Diego Villar, o actual CEO de Comercial Mida, e el foi o administrador encargado de reconverter o “modelo de negocio” orientándoo a vender por internet.

Así, pois, no 2015 creouse CM Stores & Innovative Business para impulsar as vendas online a través de diferentes plataformas pero sen perder a referencia da antiga tenda física que segue no mesmo sitio de sempre para ofrecer servizo aos clientes da contorna.

Seguimos con Silvina Domínguez, un puntal na empresa e responsable de que os provedores cumpran e os compradores queden satisfeitos. Entrou a traballar hai 3 anos, “encargábame do etiquetado e do empaquetado”, comenta. Pero os pedidos empezaron a medrar e “xa non daba con todo”, confesa, o que propiciou que neste 2020 pasaran de cinco traballadores aos dez que son actualmente. O crecemento está sendo espectacular, aumentaron a facturación nun 244% neste 2020, e para o vindeiro ano contan con aumentar a 18 o número de traballadores para dar saída ao volume de negocio que xeran mantendo a calidade do servizo. No confinamento de marzo a maio alcanzaron tal nivel de demanda que houbo días nos que superaron os 500 pedidos e incluso tiveron que renunciar a algunhas plataformas de venda para garantir a calidade de servizo.

Silvina Domínguez, responsable de compras e atención ao cliente / XdL

Aumentaron a facturación nun 244% neste 2020, e para o vindeiro ano contan con aumentar a 18 o número de traballadores para dar saída ao volume de negocio que xeran.

Na transformación do negocio inicial, reorientado agora ás vendas online, mantiveron os produtos de sempre -relacionados coa gandería, a agricultura e os medicamentos veterinarios- e aumentaron a gama con produtos para o fogar, mascotas, material anti-covid, horta e xardinería. Silvina dinos que están funcionando moi ben todos pero destaca a subida na demanda do sector xardinería e mascotas. Cando lle pregunto por algún ‘produto estrela’ refírese ao Raticida Comercial Mida, un mata ratos a moi bo prezo e moi eficaz, sendo ademais o primeiro produto da súa marca e que se fabrica en exclusiva para eles. Neste senso, e de cara ao futuro, a intención é sacar ao mercado máis produtos propios.

Silvina Domínguez: “para Comercial Mida é moi importante contratar xente de proximidade, para que o pobo medre. Cremos que o rural ten futuro e queremos axudar a impulsalo”

Como referimos anteriormente, a empresa conta actualmente con 10 traballadores, dous deles no almacén e responsables da loxística, sete en oficinas e Diego Villar, o CEO da empresa. A filosofía da empresa é contratar xente principalmente de Taboada e da provincia de Lugo. Segundo refire Silvina “para Comercial Mida é moi importante contratar xente de proximidade, para que o pobo medre. Cremos que o rural ten futuro e queremos axudar a impulsalo”.

Tal é o impacto do fenómeno ‘Comercial Mida’ que moitos medios de comunicación e revistas especializadas contactan coa empresa para interesarse polo seu caso e falar del. E claro, a raíz desta ‘boa sona’ chéganlle currículums a diario e danse situacións curiosas como a que nos conta a nosa guía nesta reportaxe. Seica nunha ocasión un cliente chegou en coche dende Valencia para mercar un herbicida e levou todo o que tiñan. “Coñeceunos por internet, alá non atopaba ese herbicida e veuse ata aquí por el”, sentencia Silvina.

Oficinas de Comercial Mida en Taboada / XdL

Estratexia de diversificación de CM Stores & Innovative Business

Posicionada Comercial Mida como unha das agrotendas líder a nivel nacional e medrando as vendas tamén a nivel internacional -actualmente a facturación nacional representa un 70% e a internacional un 30% aproximadamente- o proxecto ten intención de diversificarse.

Tras ver a saída que teñen na venda de produtos para mascotas queren especializarse neste sector e ofrecer nunha plataforma web -PisadAnimal- unha ampla gama de referencias co obxectivo de competir cos grandes neste tema a nivel nacional e internacional.

Tamén están traballando noutra liña de negocio consistente en ofrecer servizos de ‘reconversión de empresas’ seguindo, por así dicilo, o seu modelo de éxito. Segundo nos indica Silvina xa teñen clientes na contorna, principalmente na Comarca de Chantada, negocios ubicados a maioría no rural aos que asesoran para reestruturalos e impulsalos.

Entrada ao almacén, centro loxístico de recepción e envío de pedidos. Foto: XMF

ÚLTIMAS

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...

Javier Arias e o piloto Eduardo Iglesias entregan agasallos de Nadal aos nenos e nenas ingresados no HULA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o piloto Eduardo Iglesias...