HomeMovementos sociaisSinais de lousa para evitar atropelos nunha aldea de Ribas de Sil

Sinais de lousa para evitar atropelos nunha aldea de Ribas de Sil

A veciñanza de Casares, no Concello de Ribas de Sil, tivo esta iniciativa para persuadir a condutores que pasan con exceso de velocidade polo medio deste núcleo rural.

Publicado o

- Advertisement -

O despoboamento rural está baleirando as aldeas de xente pero isto non pode ser unha escusa para non respectar os límites de velocidade cando se pasa en coche polo medio delas.

Veciñas e veciños de Casares, unha aldea do Concello de Ribas de Sil, están a denunciar a través das redes sociais que os vehículos que pasan pola estrada que teñen no medio non respectan os límites de velocidade establecidos.

As súas queixas fanse agora máis evidentes alertando de que “nestes meses de verán achégase a Casares moita xente con nenas e nenos que veñen gozar da casa da súa familia ou dos seus devanceiros”. E engaden “a falta de sitio para xogar, a rapazada faino normalmente nas beiras da estrada co conseguinte perigo polo paso dos coches a velocidades excesivas. Estes teñen que pasar a unha velocidade que non podería ser superior a 30 quilómetros/hora, pero isto non se cumpre case nunca”.

Segundo nos explica Roberto, habitante fixo discontínuo que tira moito por Casares xunto coa súa parella Laura, “como algún veciño xa puxo en coñecemento das autoridades o problema, e estas non fixeron nin caso, entre algúns veciños decidimos facer uns sinais para poñer nas entradas de Casares”.

Os sinais dos que fala Roberto foron pintados en lousas por Diana, unha artista local. Incorporan a palabra ‘FRENA’ e un triángulo de bordes vermellos –perigo– con debuxos de nenas e nenos xogando.

Sinal na entrada de Casares dirección A Pobra de Trives. Foto: Roberto e Laura

Unha vez rematados os sinais, colocáronos nos dous extremos de Casares para ver se así os condutores e as condutoras se conciencian de que sempre, pero máis se cabe nesta época do ano, hai que ir a modiño cando se pasa polas aldeas, xa que moitas están cheas de cativada gozando do verán. 

ÚLTIMAS

Mesa de traballo en Monforte para axustar a acción municipal á ‘Axenda 2030’

Reunión do Equipo de Goberno do Concello de Monforte para a confección da Axenda...

20 edicións do Castañazo, o 31 de outubro e 1 de novembro en Chantada

Do acto de presentación participaron o Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez; a...

Ferido un home en Pantón tras caer na zona da Fervenza de Augacaída

O accidente ocorreu sobre as 18.40 horas deste xoves, cando un particular contactou co...

Último día para inscribirse no obradoiro de Alimentación Saudable para maiores de 60 anos do Programa Activa Monforte

O Espazo Gastronómico de Monforte, situado na Praza de Abastos, acollerá un obradoiro de...