HomeEn profundidadeA froitería onde Julio pode botarche unha ‘peciña de música en directo’

A froitería onde Julio pode botarche unha ‘peciña de música en directo’

A tenda chámase “As 3 en cunca” e terá a Julio Ferrín ao fronte, un emprendedor que chega cos fillos e a súa muller, Sandra Arza, a Quiroga despois de deixar atrás Arteixo. Ela tamén chegou cun proxecto, poñer en marcha a Casa do Maior en Folgoso do Courel.

Publicado o

- Advertisement -

Hai pouco máis de dous anos coñeciamos a través de Xornal de Lemos a Julio Ferrín, un quirogués da Ribeira que vivía en Arteixo e estaba a recuperar o seu soño de ser cantante.

Tamén contabamos daquela que Julio non podía pasar moito tempo sen achegarse á súa “terriña” porque, segundo dicía: “primeiro porque a miña familia e amigos seguen aí, e segundo porque necesito vir a ‘desintoxicarme’ da vertixe estresante do día a día do traballo, da cidade, as présas…”. E mirade como son as cousas que agora contactamos de novo con Ferrín pero para falar con el do retorno, da volta ás súas orixes para emprender e buscar unha nova vida aquí xunto coa súa dona e os seus fillos.

De Arteixo a Quiroga. Cando decides volver ao teu concello de orixe?

A pandemia fixo cambiar a forma de ver o mundo a moita xente, e unha das cousas que máis se valora en tempos de confinamento é a liberdade que che proporciona o rural, porque non tes que estar encerrado nun piso e podes desfrutar do aire puro. No meu caso uniuse iso e máis os problemas de saúde de miña nai para retornar a Quiroga e escapar da vertixinosa vida na cidade.

“A pandemia fixo cambiar a forma de ver o mundo a moita xente”

Unha decisión tomada en familia…

Claro, non podía ser de xeito unilateral. Xa había algún tempo que viñamos plantexándonos o feito de volver e poñer en marcha algún proxecto a medio prazo, pero sen dúbida os feitos precipitaron que regresaramos antes.

Que motivacións trouxestes na maleta?

Sobre todo darlles unha mellor calidade de vida tanto ós nosos fillos como á miña nai, pero por suposto viñemos motivados para emprender unha nova vida na nosa terra ó mesmo tempo que desfrutamos dela.

Emprender unha nova vida e negocios, non é así?

Si, tanto eu como a miña dona tiñamos en mente tamén en comezar proxectos aquí…

Podemos falar tamén de dous emprendedores que volven para apostar polo rural?

Por suposto. A miña muller puxo en marcha unha Casa do Maior para dotar dun servizo que non había no Caurel e que penso que é necesario porque os nosos maiores tamén necesitan motivacións novas, que se poidan sentir útiles, estimular a súa mente…. E estou convencido que para iso Sandra ten moita man.                                                                                   

E eu…. Pois lánzome ó baleiro para montar unha froitería en Quiroga e de paso dar un empurrón ós produtos da nosa comarca, do Xeoparque. Temos unha riqueza que debemos dar a coñecer, e que mellor que canalizala e reunila nun lugar. Desde o meu punto de vista, agora mesmo, o rural ten moito futuro, pero temos que apostar por el.

“Pois lánzome ó baleiro para montar unha froitería en Quiroga e de paso dar un empurrón ós produtos da nosa comarca, do Xeoparque”

Julio e Sandra. Foto: J.F.

Que nos podes contar da túa tenda, que imos atopar en ‘As 3 en cunca’?

Como digo, tentarei reunir os produtos da nosa comarca para promocionala; haberá mel, aceite, viño, derivados da castaña… E apostarei, na medida que me poidan surtir, polos nosos agricultores, silvicultores… Ademais imos traer calidade e frescura na froita e na verdura que collamos ós nosos provedores. Teremos leite fresco, iogures, manteigas, queixo… produtos lácteos feitos ao xeito artesanal; especias de primeira calidade, froitos secos, legumes, froita exótica…. En fin, moitas cousiñas.

Algo máis que un ultramarinos de toda a vida…

Non quero que se pense que é un ultramarinos á antiga usanza, senón que máis ben unha froitería avanzada onde se reúne o mellor da nosa terra e que leva a calidade por bandeira. Por suposto, se o cliente quere que lle bote unha peciña de música ademais de froita, bótolla de balde… En qué ultramarinos fan iso, eh? (ri).

“Por suposto, se o cliente quere que lle bote unha peciña de música ademais de froita, bótolla de balde…”

Agora que sacas o tema musical, que novidades hai na túa carreira artística?

Gravei un disco. Tiña ganas de ver como soaba en estudio e ter esa experiencia, pero tamén quería axudar aos demais. Ver xente que na pandemia tiña que recorrer a comedores sociais sensibilizoume, co cal decidín que o 20% do recadado coa venda dos discos sexa doado ó Banco de Alimentos.

Que destacas deste traballo discográfico?

Todo (ri). Os oito temas… pero podo dicirche que hai dúas adaptacións ao galego de temas míticos dos cantantes Frank Sinatra e Tom Jones, un tributo á miña muller Sandra e á miña familia polo apoio que sempre me deron, e o “Monólogo do vello traballador” de ‘Os Tamara’, unha homenaxe aos traballadores do sector da pizarra que foron o sustento de tantas familias na zona.

“… o ‘Monólogo do vello traballador’ de ‘Os Tamara’, unha homenaxe aos traballadores do sector da pizarra que foron o sustento de tantas familias na zona”

Volvendo a “As 3 en cunca”, cando será a inauguración? Algo especial para ese día?

Se non hai outra pandemia polo medio, ou un cataclismo, ou como din os vellos, “se Dios nos deixa”, será o 26 de marzo ás 18:00 horas. Tomaremos uns pinchos que prepararemos encantados para quen se queira achegar a coñecernos, iso si, non podemos alongar moito os fastos, porque ó día seguinte é feira en Quiroga e hai que madrugar (ri). Así que alí nos vemos!

ÚLTIMAS

3ª edición de ‘Brincadeira’, o festival que recupera o ‘brindo’ na Pobra do Brollón

Brindadeira xurdiu no ano 2023 como parte dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar...

75.000€ para mellorar a Praza Luis García Arias en Chantada

Esta praza reformárase hai 15 anos co bipartito para crear un espazo complementario aos...

Quiroga presenta as actuacións das festas de verán que se celebrarán do 7 ao 11 de agosto

As festas do xoves abriranse cun concerto do grupo local, Mario Colomán & The...

O PP de Ribas de Sil denuncia que non se convocan os plenos cada dous meses

Os concelleiros do PP de Ribas de Sil denuncian que o alcalde está a...