HomesociedadeAnguieiros festexa a Madalena cunha andaina, xogos tradicionais, foliada e bolos celtas

Anguieiros festexa a Madalena cunha andaina, xogos tradicionais, foliada e bolos celtas

Será esta fin de semana, 23 e 24 de xullo, nesta aldea que pertence á parroquia de Montefurado, no Concello de Quiroga.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Como cada ano, a Asociación Boca do Monte dos Anguieiros presenta unha programación humilde pero moi variada para celebrar a Festa da Madalena, patroa do lugar.

Co obxectivo tamén de dinamizar a aldea e a súa contorna convidan á xente a participar en diferentes actividades. Este ano, entre as novidades que ofrecen, están a proxección dun documental e a celebración da X Edición do seu tradicional campionato de Bolos Celtas.

SÁBADO 23

Ás 9:00 h. Camiñada Anguieiros-Vilanuide-Anguieiros

Trátase dunha andaina circular duns 9 quilómetros na que se camiñará por sendeiros que servían para comunicarse entre aldeas, no caso concreto entre Os Anguieiros e Vilanuide, e na que se aproveitará para coñecer o inmenso patrimonio aurífero e xeolóxico que se concentra na zona. A xoia da coroa nesta sesión deportiva e divulgativa será Montefurado, o túnel romano coñecido na contorna como a Boca do Monte. O arqueólogo Iván Merayo, de Coureleando, será o guía especializado que documente aos presentes durante a camiñada.

De 19:00 a 20:00 h. haberá xogos tradicionais e infantís para a cativada. Xogarase, entre outros xogos, á chave, á billarda, aos bolos celtas, a tirar da corda por equipos, etc.

Tirando da corda por equipos (xogos infantís e populares). Foto: Asoc. Boca do Monte

Ás 20:30 h. a asociación organizadora convida a unha merenda con petiscos de balde. No bar da organicación haberá auga, refrescos e viño.

A continuación, entre as 21:30 e as 22:30 h. chega o primeiro pase da foliada a cargo do grupo tradicional de Quiroga O Recanto, grupo que volverá tocar entre as 23:30 e as 00:30 h. tras un descanso no que se proxectará un documental relacionado coa contorna.

O Recanto. Foto: XMF

DOMINGO 24

Entre as 10:00 e as 12:00 h. terá lugar o ‘X Campionato de Bolos Celtas’ con premios para as 4 primeiras e os 4 primeiros clasificadas/os. Unha edición moi importante para a entidade organizadora que leva once anos recuperando este xogo tradicional. Comezaban no 2012 e só tiveron que suspender o campionado no 2020 por mor da pandemia.

Ás 12:30 h. haberá un pasarrúas a cargo da formación de música tradicional da Asoc. Abertal da Rúa e ás 13:00 h. Misa e procesión.

A continuación aperitivo popular e sorteo de rifas con acompañamento musical de Abertal.

Formación tradicional de Abertal. Foto: Asoc. Boca do Monte

ÚLTIMAS

Preséntaselle aos concellos o proxecto Turembalses para potenciar o turismo de encoros

“Turembalses dotará ao turismo rural do noso territorio dun elemento de diversificación e atractivo,...

Tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais da Pobra do Brollón

Os novos vehículos son dúas pick up e un todocamiño que están xa a...

Proxéctase a mellora urxente do Estado Municipal da Ribela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Sarria,...

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...