As institucións comunitarias recoñecen que as zonas rurais e montañosas constitúen o 80% do territorio, concentran o 57% da poboación e representan o 46% do valor bruto engadido. A eurodeputada galega, Lidia Senra, abstívose de votar a prol da aprobación dunha proposta de resolución para abordar as necesidades específicas das zonas rurais, montañosas e remotas, na sesión plenaria do Parlamento Europeo celebrada en Estrasburgo o mércores 3 de setembro, pois non considera que a proposta recolla un verdadeiro compromiso de actuación por parte das institucións comunitarias.
Segundo Senra, en moitas zonas da Unión Europea as montañas e as persoas que viven nelas están totalmente abandonadas, á par que engadiu que, “as montañas desempeñan un papel fundamental no subministro de auga doce no planeta e tamén xogan un papel importantísimo a nivel de biodiversidade“. Na súa intervención en Estrasburgo lembrou o caso galego, no que “as administracións públicas case non adican recursos para o desenvolvemento e conservación destas áreas e consenten todo tipo de agresións nelas”. Casos concretos como as canteiras do Courel, a reforestación con especies inadecuadas como son os eucaliptos ou as obras do AVE en Laza, son algúns dos exemplos cos que Lidia Senra exemplificou a súa intervención.
Para finalizar a súa intervención, a eurodeputada reivindicou o seu apoio para manter e conservar todo o que aportan as montañas á sociedade mediante actuacións políticas decididas que fomenten un desenvolvemento da actividade agraria baseada nun modelo agroecolóxico e con fortes apoios para a instalación das persoas en zonas non urbanizadas.
consecuencias da mala xestión administrativa
A falta de recursos destinados á conservación da paisaxe e protección do medio ambiente están a provocar a expulsión da xente das poboacións rurais, cas conseguintes consecuencias negativas para o coidado e trasmisión do patrimonio natural e cultural. Ademais, a taxa de desemprego nestas zonas non urbanizadas subiu dende o 2008 ata o 2012 en 3.4 puntos, situando a porcentaxe de parados nun 10.4%. Tamén é salientable que o 20% dos habitantes destas zonas sexan persoas maiores de 65 anos e que cada día se están a enfrontar nunha constante destrución de servizos básicos.
Unha realidade que que ata as propias institucións comunitarias consideran que se lles debe de poñer fin para frear o despoboamento rural.