Esta fin de semana, o Concello de Taboada celebra a XXXI Edición da Festa do Caldo de Ósos, un evento gastronómico máis que consolidado que exalta este exquisito prato de culler invernal.
O sábado terá lugar o ‘Festóso’ cunha ‘ruta osovinícola’ a partires das 19:00 h. que estará amenizada pola Asociación Cultural Rechouchíos e que comezando no restaurante Urdi fará un percorrido polo resto de bares da vila. Un anticipo festeiro que organiza a Asociación Cultural O Marrao Enxebre en colaboración co Concello de Taboada e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para fomentar a música tradicional e dinamizar a hostalería local.
E xa o domingo, 19 de febreiro e día grande da Festa do Caldo de Ósos, o programa de actividades comezará ás 10:00 h. cunha exhibición de escultura en madeira a cargo de Marcos Mariño, mostra que continuará tamén pola tarde. Tamén haberá unha mostra de vehículos clásicos e outra das ‘Fachas do Castelo’ –na Praza de Riazón– e unha demostración culinaria a cargo do cociñeiro Álvaro Vilasante. No apartado musical destaca nesta xornada matinal a presenza da entidade local A.C. Rechouchíos.
O pregón, ás 13:00 h. correrá a cargo de Francisco Xabier Almuíña Chorén, veciño do concello e coñecido polo seu activismo no sector turístico rural. Neste eido salientar que é presidente da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) dende o 2020 e da Asociación Ribeira Sacra Rural dende o 2016, formando parte do consello reitor do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e do consello consultivo de Turismo de Galicia.
A hostalaría local ofrecerá degustación de caldo se ósos ás 14:00 h e unha hora máis tarde terá lugar o xantar popular para aqueles que teñen reserva. O xantar da festa que terá, ademais do prato estrela –Caldo de carne de ósos– incluirá costela asada, filloas, queixo e mel. Pola tarde haberá música a cargo dun DJ e ás 20:00 h. degustación de produtos do porco. O fin de festa correrá a cargo da orquestra Gran Parada.
O PREGOEIRO
Francisco Xabier Almuíña Chorén, veciño de Vilela e destacado activista e empresario no eido do turismo rural (Casa Romualdo), será o encargado de dar o pregón este ano. E atinamos dicindo “dar o pregón” porque comentounos como anécdota que nun medio publicaron estes días que “Almuíña lerá o pregón”. O primeiro que fixo foi botarse a rir –lóxico– demostrando un grande sentido do humor.
Ao fío disto, respecto do pregón coméntanos que ten a estrutura medio feita pero ten pendente un último repaso e sobre a marcha o que xurda… “non vai ser unha homilía, nin un discurso, prefiro que sexa máis improvisado que lido”, di Almuíña recuncando na sorna.
“O mellor pregón que se lle pode facer ao caldo é comelo”, di tamén o noso interlocutor, deixando aquí unha frase lapidaria que ben pode aproveitar xa a organización como slogan para promover a vindeira edición.
“Non vai ser unha homilía, nin un discurso, prefiro que sexa máis improvisado que lido”
Como podedes comprobar, nesta fase da conversa entrou en xogo a retranca e o sentido do humor facendo acto de presenza outra anécdota relacionada coa palabra ósos, con esa til diferenciadora que temos no galego. Contounos Almuíña que nunha ocasión unha persoa lle preguntara “Pero aquí tenéis Osos?”, e contestoulle, “non, xa hai tempo que non hai” (risas).
Que nos conta o pregoeiro sobre o Caldo de Ósos?
Pois dinos que “non é un consomé, que estamos diante dun prato de culler ben substancioso e que non é un prato para comer a soas, se non que é para comer en comunidade. O caldo de ósos non se fai para unha ou dúas persoas…”. Outra característica deste prato é que tradicionalmente comíase despois de traballar e sempre presta máis que comelo como se fai na festa que é un domingo, despois xa de ter tomado un aperitivo, con menos fame…
Tradicionalmente comíase o día da parta, cando se partía o cocho despois do día da matanza. Separábase a carne para os chourizos e quedaba a soá que, ou ben se metía a salgar, ou ben se aproveitaba para comer fresca. E neste último caso, por estas terras aproveitábase para facer este caldo característico que exalta o concello.
Tradicionalmente comíase o día da parta, cando se partía o cocho despois do día da matanza
En canto ao cociñado, recoméndanos que o propio é facelo a lume lento nunha cociña de leña, cun cocer mainiño e contando sempre con bos ingredientes: cherovías, carne de ósos (soá), patacas e garavanzos; e cun rustrido ben feitiño.
Como ve Taboada?
–Preguntamos con sorna, xa en confianza– O primeiro que contesta é “o optimismo persoal faime ver as cousas con certo movemento, hai sombras como o despoboamento e o avellentamento da poboación, pero hai tamén unha realidade positiva, vai habendo pequenas iniciativas que están abrindo novas expectativas, negocios locais que destacan…”. E continúa, “hoxe queremos todo para xa pero hai que ter paciencia. É como a terra, hai un tempo para sementar, para aboar e para coller o froito, e igual non collemos nós os froitos, pero hai que seguir apostando”.
“O optimismo persoal faime ver as cousas con certo movemento, hai sombras como o despoboamento e o avellentamento da poboación, pero hai tamén unha realidade positiva“
Respecto ao turismo, un tema moi presente na súa vida pola casa de turismo rural que rexenta e os cargos en asociacións relacionadas, dinos que “temos que preocuparnos dos que veñen pero tamén da xente do lugar, mirar para os de fóra pero tamén para a xente de aquí, que vexan que o seu traballo paga a pena e que o rural é rendible”. E neste senso reivindica o papel tamén moi importante das institucións para que complementen o traballo dinamizador dos emprendedores. Cómpren mellores estradas, mellor conectividade, etc.
Despedímonos de Francisco Xabier Almuíña preguntándolle se levará a zanfona ao pregón. Dinos que non se sabe, que mellor ir velo para sabelo…