HomesociedadeEcolagar do Barqueiro: aloxamento e tenda-bar para darlle vida ao rural

Ecolagar do Barqueiro: aloxamento e tenda-bar para darlle vida ao rural

Da man de Segredos de Pantón, coñecemos este proxecto de rehabilitación dun complexo formado por tres casas e unha adega destinadas ao enoturismo. Atópase no Concello de Pantón, dentro da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Ecolagar do Barqueiro nace grazas a uns emprendedores que proceden de diferentes partes de Galicia. Dous dos socios son ourensáns, outro vive actualmente entre Asturias e Baiona, e outro que vive na Coruña.

Deciden dedicarse ao turismo porque un dos socios ten xa iniciativas de alugueiro vacacional e turismo rural en marcha, desde fai moito tempo. Pareceulles unha boa forma de reinvestir nun sector que permite unir o esforzo de conseguir un negocio rendible e, ao mesmo tempo, ser unha iniciativa social que permite rehabilitar e darlle vida a entornos de poboación e contribuír cun gran de area a crear riqueza e intentar conservar o patrimonio natural da zona.

Tras esta breve presentación, comeza unha entrevista sobre o proxecto enoturístico.

Sodes máis de ribeira ou de montaña? 

Sempre das dúas cousas. Cada cousa no seu tempo, pero non entendemos Galicia sen contar coas dúas alternativas.

“Pareceunos unha oportunidade cunha historia detrás francamente inmellorable”

Por que en Pantón e non noutro concello da contorna?

Neste caso porque se deron as circunstancias de poder investir no Concello de Pantón e porque nun determinado momento coñecemos a posibilidade da casa antiga do Barqueiro da  zona. Pareceunos unha oportunidade cunha historia detrás francamente inmellorable.

Se puiderades conversar cos barqueiros de antes das ribeiras que lle preguntariades?

Pois conversamos cos anteriores propietarios, fillos do barqueiro da zona. A min persoalmente sempre me chama a atención e gustaríame saber moito máis dos negocios clandestinos que podía haber neses entornos, das anécdotas e vivencias ocorridas con todos aqueles que nalgún momento usaron ese servizo.

Dende agosto de 2021 contades con 3 casas para turismo rural. Contádenos un pouco sobre a vosa experiencia.

Actualmente contamos con 3 casas independentes en aluguer e unha zona común onde se implantou o local social, bar-tenda La Moderna. A capacidade entre as 3 é de 16 persoas e actualmente conta con moi boa aceptación por parte dos hóspedes que a visitan.  As valoracións nas principais plataformas son cualificadas como “excepcionais” con puntuacións do 9,6. O que valoran principalmente os hóspedes é a alta calidade das instalacións, o poder estar nun entorno totalmente illado, pero ó mesmo tempo conectado co resto do mundo con tecnoloxías que permiten desfrutar dos mesmos servizos que terías en calquera hotel de alto nivel, situado nunha cidade calquera do mundo.  O entorno, a tranquilidade, a amabilidade da persoa que xestiona a casa, a limpeza, os detalles… son algunhas das características que valoran os nosos hóspedes. A experiencia está sendo moi satisfactoria, o que nos permite traballar xa na ampliación.

“O entorno, a tranquilidade, a amabilidade da persoa que xestiona a casa, a limpeza, os detalles… son algunhas das características que valoran os nosos hóspedes”

Interior dunha das casas. Foto: Ecolagar.

Como está a ser a aceptación de “La Moderna”? De onde xurdiu esta orixinal idea?

A idea de “La Moderna” xurdiu basicamente por necesidade. Os socios procedemos do mundo tecnolóxico e coñecemos as tecnoloxías en auxe que se están poñendo en marcha en diferentes partes do mundo, coa idea de comprar produtos sen atención personalizada. No noso caso, o entorno no que se ubica o complexo, é de difícil acceso, e sempre nos pareceu importante intentar dotar dunha infraestrutura para comprar produtos e incluso para socializar nese entorno. Poder chegar ó complexo a calquera hora, pode facer que algúns hóspedes se encontren nun entorno no que, se non planificaron ben as comidas, ceas, etc, poida ser que se lle complique a loxística nun determinado momento, sobre todo se viaxas con nenos. Por todo isto, xurdiu a necesidade de intentar dotar deses servizos básicos (bar, tenda, etc), tendo en conta que tería que ser un sistema automatizado e sen persoal, dado que doutra forma non sería rendible. Aí é onde naceu a idea e despois démonos conta de que realmente este problema non o temos so nós, senón que é un problema que está afectando a moitas casas rurais de toda España, pero tamén a moitos entornos de poboación onde o bar-ultramarinos que había no pobo pecha por falta de usuarios. Quedar sen ese  servizo, que en moitos casos é básico para socializar e para poder comprar produtos de primeira necesidade nun determinado momento de urxencia, pode dar lugar ó inicio do fin deses pobos, tendo en conta que se trata principalmente de poboación envellecida.

“Poder chegar ó complexo a calquera hora, pode facer que algúns hóspedes se encontren nun entorno no que, se non planificaron ben as comidas, ceas, etc, poida ser que se lle complique a loxística nun determinado momento, sobre todo se viaxas con nenos”

Así que a idea é intentar poder traballar neste modelo de negocio para este tipo de entornos, que permita manter aberta unha tenda automatizada, facela rendible e ó mesmo tempo dotar de servizo de bar-tenda a estes lugares.

Esta idea de tenda tradicional adaptada ao século XXI é unha maneira especial de recuperar este tipo de establecementos?

Si. Na nosa idea sempre estivo esta forma de ver o bar-tenda. Queríamos dotala desa personalidade enxebre, social, etnográfica incluso, que nos permitira identificarnos co que fomos no pasado, pero dixitalizada nun entorno 4.0.

Despois de sorprendernos co voso ultramarinos de última tecnoloxía, tendes algo en mente para novos proxectos?

Agora mesmo estamos nunha fase de consolidación do proxecto. Os esforzos están enfocados en ampliar o negocio de aluguer e poñer en marcha o modelo de negocio de “La Moderna” dunha forma global. Aínda así, sempre se traballa pensando en novos proxectos e algunha sorpresa caerá seguro…

Dende vosa opinión como persoas sen vinculacións coa zona, que é o que máis valorades? E que pensades que fai desta zona das ribeiras e deste recuncho do sur de Lugo un lugar diferente?

A diferenza para nós é o incrible entorno natural, paisaxístico e de patrimonio que encontramos nuns poucos quilómetros cadrados. Creo que ese marco é incomparable, e non creo que haxa moitos lugares en España coma este, e incluso me atrevería a dicir que no mundo.

A nosa admiración por ese lugar é total e a miña procedencia dun pobo pequeno como no que se encontra o complexo fai que haxa algo no meu subconsciente que me leva a querer facer algo positivo por este tipo de entornos.

“Creo que ese marco é incomparable, e non creo que haxa moitos lugares en España coma este, e incluso me atrevería a dicir que no mundo”

Vistas dende un dos apartamentos. Foto: Ecolagar O Barqueiro.

ÚLTIMAS

Detidos dous homes como supostos autores de ‘ciberestafas’ denunciadas en Lugo e Monforte

Segundo informaron fontes policiais, unha das estafas foi denunciada en Lugo, e a vítima...

O PP de Monforte considera que as cámaras instaladas na cidade son para impoñer multas, non para mellorar a seguridade

A voceira popular, Katy Varela, explica que se pide esta información dadas as reiteradas...

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...