Aseguran os socialistas que tras a xubilación da directora do centro, desde o Colexio de Educación Infantil e Primaria puxeron a situación en coñecemento da Consellería e solicitaron un profesor adicional para poder cubrir as horas de dirección sen afectar á marcha do propio centro.
“Pretenden dar cobertura a esas horas cun profesor compartido co CEIP Rosalía de Castro, en Bóveda, algo que claramente prexudicará tanto ao servizo educativo do propio centro da Pobra como ao alumnado”, subliñoiu o voceiro do PSdeG-PSOE no concello, Adolfo Rubio. Explicou o socialista que o novo director terá que compartir as tarefas de profesorado e dirección cunha titoría e prexudicará ao alumnado porque terán que concentrar as unidades de Primaria.
Ata o momento, o centro mantén tres unidades de Primaria, que se agrupan en dúas nas materias de Educación Física, Plástica, Música e Relixión. A nova situación obrigará a unir os cursos de 1º, 2º e 3º nunha unidade e 4º, 5º e 6º noutra, co conseguinte dano que supón para a realización de certas actividades nas que é imprescindible contar con grupos reducidos, como é o caso dos libros dixitais.
Expón Rubio que no CEIP da Pobra do Brollón contan con nenos e nenas con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) e alumnado que provén dunha casa de acollida que precisa de atención específica. “Tamén é un centro moi dinámico, implicado e con moitísmas actividades grazas á implicación do profesorado, que verá imposible continuar co seu funcionamento normal se a Xunta non rectifica e amaña esta situación”, denuncia. A pasada semana, a agrupación socialista da Pobra do Brollón participaba na manifestación que organizaba a Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da provincia de Lugo (FAPACEL) para reclamar un plan educativo específico para o rural e en protesta polos recortes en materia de educación pública.