HomeMedio ambiente e PatrimonioO Túnel de Montefurado retratado nunha tatuaxe

O Túnel de Montefurado retratado nunha tatuaxe

Un rapaz de Vigo, con orixes familiares nos Covallos, na contorna de Montefurado, é quizais a primeira persoa que pode presumir de levar tatuada a imaxe deste senlleiro enclave patrimonial e paisaxístico.

Publicado o

- Advertisement -

Moito se ten escrito e falado sobre o Túnel de Montefurado, coñecido popularmente na contorna como Boca do Monte, pero ata o momento non se tiña constancia de que este enclave patrimonial fora empregado como motivo para tatuar.

Pois ben, este xornal atopou á que quizais sexa a primeira persoa que tivo esta iniciativa. Chámase Rubén, é de Vigo e ten orixes no lugar dos Covallos, un núcleo de poboación que en tempos estivo habitado por xente que traballaba na Central Hidroeléctrica de Montefurado –xestionada daquela por Iberduero, a actual Iberdrola–. Aínda que o seu avó é orixinario de Casares, unha aldea próxima do Concello de Ribas de Sil, e a súa nai dos Anguieiros, ambos fixeron vida nos Covallos, lugar onde se criou seu pai, José Luis.

Rubén cóntanos que as súas visitas aos avós eran constantes durante o ano pero sobre todo no verán, época do ano na que pasaba longas estancias con eles acompañado dos seus irmáns. Moitas foron as vivencias que lle quedarían marcadas da nenez e da adolescencia pero unha delas por enriba de todas: bañarse cada día no Sil, no marco incomparable da Boca do Monte.

E seguramente fora este referente emocional tan potente o que lle levara a decidir que a súa primeira tatuaxe tiña que ser precisamente unha imaxe do seu idílico ‘Monte Furado’. “Apetecíame facer unha tatuaxe e no primeiro que pensei foi na Boca do Monte”, comenta. E así foi, dende o 2021 loce con orgullo no brazo esquerdo un debuxo feito por un tatuador de Vigo a partir dunha foto deste emblemático enclave paisaxístico e patrimonial.

Tamén conta o noso interlocutor que cando llo ensinou á avoa Josefa “recoñeceuno rápido, flipou e díxome que lle gustaba moito”.

Túnel romano de Montefurado “Boca do Monte. Fonte: Xosé Manuel Fdez.

O TÚNEL DE MONTEFURADO

O túnel romano de Montefurado é un coñecido monumento histórico do Concello de Quiroga e posiblemente o rastro máis espectacular da antiga minería de ouro en Galicia. Foi clasificado como Ben de Interese Cultural na categoría de inmobles, e dentro da declaración como Ben de Interese Cultural que se lle concedeu á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no ano 2018 (Decreto 166/2018 de 27 de decembro).

Non se trata dun elemento natural e sobre a súa creación para o aproveitamento do ouro que levaba o Sil hai varias teorías. Unha delas di que no século II, e por orde do emperador Trajano, os romanos furaron a montaña para aproveitar o ouro que traía o Sil buscando o precioso metal na antiga canle do río. Outra teoría sobre o aproveitamento aurífero indica que o túnel, debido ao seu deseño, sería unha xigantesca “máquina” de lavado de lodos, para separar o ouro.

Actualmente ten unha lonxitude duns 52 metros, pero orixinalmente tiña uns 120 metros. No ano 1934 unha gran riada provocou o derrube da metade do túnel e disque este quedou tapiado provocando que o río volvese polo seu antigo canal, anegando terras moi produtivas na zona coñecida como a Veiga.

O río non volveu circular polo túnel ata 1941 por mor de novas riadas e a Guerra Civil Española que impediron o remate da súa reparación. A volta do río polo túnel deixou charcas na antiga canle que son actualmente humidais de gran biodiversidade.

ÚLTIMAS

Xanela, empresa de telecomunicacións de Chantada, superou os 16.000 clientes de fibra rural no 2025

A empresa de telecomunicacións Xanela, con sede en Chantada, vén de adiantar datos económicos...

O IES A Pinguela estrea Aula Tech Beauty despois do Nadal

As obras de adaptación dos espazos e a instalación do equipamento tecnolóxico previsto xa...

A Casa da Cultura de Chantada acolle a exposición dos traballos do Programa de Pintura

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 12 de xaneiro de 2026...

Teatro en Monforte o 26 e 30 de decembro

O ciclo de citas teatrais comezou o día 23, con “Nadal en prácticas”, da...