HomePolíticaIGV demanda medidas "ante a crise de produtores de uva na Ribeira...

IGV demanda medidas “ante a crise de produtores de uva na Ribeira Sacra”

Reivindican o máximo apoio das administracións, especialmente da Xunta, para o sector e a necesidade dun diálogo e foros técnicos para abordar solucións a curto e medio prazo, "para non deixar tirada á xente que manten vivo o territorio".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Interior Galego Vivo explica que “hai unha crise de excedentes de uva na DO Ribeira Sacra que leva tempo fraguándose e que engade un problema máis ás dificultades de produción e sostemento do emprego no sector vitícola das comarcas ribeirás do Sil e do Miño. A estrutura da propiedade e da produción é tan fráxil, cunha elevada idade media, que poden desaparecer en poucos anos unha gran cantidade de persoas produtoras de uva”.

Aseguran que ao estar saturado o mercado para os viños tintos, as adegas non mercan a produción, “hai xente que quedará con toda produción sen recoller e mesmo hai quen pensa en vender as viñas, mentres se autorizan novas plantacións que non están precisamente en socalcos nin configuran a paisaxe e a identidade da DO Ribeira Sacra”.

Para o IGV trátase dunha crise de modelo que esixe actuar a curto e medio-longo prazo, “establecendo incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente con liñas de apoio directo ás e aos produtores deste tipo de parcelas. Isto incentivaría, ademais, a recuperación de viñedos históricos e exixe que a PAC se adapte á nosa realidade para que se primen as hectáreas de viñedo en socalco”.

Chaman a ter en consideración a posibilidade de paralizar na DO as novas plantacións de viñedo, sempre que non sexan replantacións en ribeira amurada e a incentivar a diferenciación e a calidade a través dos controis de produción, “Se a produción de viñedo en pendente e en muras tradicionais é un valor, cómpre recoñecelo e dignificalo en maior medida”.

En canto á paisaxe apostan por aumentar a oferta formativa de canteiría na zona, para a reparación e construción de muros tradicionais da ribeira, e, piden que a Xunta e o Consello Regulador reforcen o asesoramento a novos viticultores explicando as liñas de axuda e facilitando a burocracia.

No turismo consideran esencial mellorar a promoción dos viños da DO na hostalería do xeodestino Ribeira Sacra, incentivando a oferta hostaleira de viños locais. “Canto á necesidade urxente de dar saída aos excedentes, a Xunta debería tomar en serio a destilación destes excedentes nas adegas este ano 2024. A situación é moi grave e cómpre diálogo entre o sector e apoio total das administracións, pois a elevada idade media das e dos produtores sitúanos nun momento de extrema fráxil. Non hai patrimonio da humanidade sen persoas e sen ribeiras e non hai futuro digno para as nosas parroquias sen un sector primario onde a agricultura familiar sexa viábel”, rematan.

Vista do Sil desde Doade / Interior Galego Vivo

ÚLTIMAS

Quiroga acolle a exposición  “A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía”

A mostra, que pode visitarse na Praza de España ata o 16 de setembro,...

A cuarta campaña arqueolóxica en Penas do Castelo revela novos achados con importante información

A campaña arqueolóxica en Penas do Castelo, parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón)...

Monforte acolle este 7 de setembro o XXIII Festival de Habaneras

O Festival de Habaneras alcanza as 23 edicións avalado polo éxito de público das...

Augas Mestas segue sen funcionar e o PP culpa a PSOE e BNG de “non ser capaces de manter o herdado”

Os deputados populares Antonio Ameijide e Luis Fernández visitaron esta semana o complexo turístico...