HomesociedadeXLIV Feira do viño de Amandi: Pregón e viños gañadores

XLIV Feira do viño de Amandi: Pregón e viños gañadores

Este domingo o recinto feiral de Sober enchíase de xente despois da Misa do Domingo de Ramos. Era o momento do pregón de Lucía Rodríguez e da entrega de recoñecementos aos mellores caldos de Amandi desta edición.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Arredor das 13:00 h. o palco de autoridades recibía á pregoeira, Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora de televisión con raíces en Sober.

Guiou a rolda de intervencións e entrega de premios aos viños gañadores a xornalista de Onda Cero Monforte, Manola Porto. No que respecta ao anfitrión, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, deulles as grazas aos viticultores e viticultoras por “facer de Sober e da Ribeira Sacra un territorio vivo; unha herdanza inigualable que recollemos dos nosos devandeiros; e os que temos responsabilidade debemos salvagardar para futuras xeracións”.

Pola súa banda, Lucía Rodríguez, comezaba o seu discurso explicando que era soberina ao 50%, por ser o seu pai de Neiras, pero da Ribeira Sacra ao 100% por ser a súa nai de Castro Caldelas. Comentaba tamén que cruzar o Sil de beira a beira foi habitual para ela dende pequena, e que viu como as ladeiras foron pasando de estar a monte a atopalas en produción e ofrecendo os viños que hoxe son tan coñecidos.

A xornalista lembrou tamén as súas raíces soberinas, non só a de seu pai de Neiras, senón tamén as máis profundas, do seus bisavós; por unha banda de Bolmente e por outra de Gundivós. E como non podía ser doutro xeito, tamén gabou as fermosas paisaxes da contorna e comentou “a min encántame viaxar… e iso faime ser cada vez máis consciente de que o paraíso téñoo ao carón da casa… non me fai falla ir ás antipodas de Galicia para valorar o que xa teño”.

Rematando o pregón, Lucía contou unha anécdota. Estando de viaxe en Sevilla cunhas curmáns, cando foi sacar unha foto no mural de azulezos da Praza España viron que Sober non estaba no da provincia de Lugo, senon no de Ourense. “Iso non se pode permitir”, comentou, engadindo que “en Galicia somos moito de mover os marcos pero xa mover os ríos tamén… igual é demasiado!! E alí estivemos reivindicando nas redes sociais que cambien o mapa os sevillanos a ver se aprenden a xeografía galega e non anden a xogar con Sober que nós, as tres, como boas soberinas…”.

Como punto final quixo facer unha homenaxe aos avós en xeral e ao seu avó Vicente en particular, o patriarca dos Pinchiña de Neiras. “Un home que levaba boina negra, que nos transmitiu o valor do esforzo e do sacrificio e tamén a importancia
de deixar tempo para desfrutar da vida e ir á festa (e iso asegúrovos que o levamos a “rajatabla” e despois á noitiña cos Satélites ídelo ver) . Un home que lle deu sempre moito valor ao viño…tanto, que nunca o vimos beber auga…dicía que a auga era para lavarse…
incluso nos seus últimos días… tivo entre as súas mans o seu tinto nunha pequena botelliña de estraperlo”
.

Lucía Rodríguez. Foto: Rafa
OS VIÑOS GAÑADORES

Tinto xoven (houbo tres gañadores): Marcelino Mencía 2023 (Adega Marcelino), Val da Lenda Mencía 2023 (Adega Val da lenda) e Cardenal Rodrigo de Castro Mencía 2023 (Adega Soutelo).

Mellor branco xoven: Don Bernardino Godello 2023 (Adega Don Bernardino)

Mellor rosado xoven: Tareixa 2023 (Adega A Carqueixa)

Mellor tinto barrica: Garoubas 2021 (Adega A Caqueixa)

Mellor tinto doutras colleitas: Don Bernardino mencía 2022 (Adega Don Bernardino)

Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o vilalbés Eduardo Pérez Baamonde.

Entrega de premios aos mellores viños. Foto: Prensa Concello de Sober.
CONCELLO HOMENAXEADO

O Concello homenaxeado na Feira deste ano foi o do Pereiro de Aguiar, representado polo seu alcalde, Luis Menor.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...