RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do viño que se organizan na contorna. No encontro colócase o acento na compoñente humana como valor patrimonial de seu e é unha homenaxe e recoñecemento aos heroes invisibles da Ribeira, ás mulleres e homes que ata o día de hoxe manteñen viva a Ribeira Sacra, co seu traballo e a súa sabiduría.
RaizameS tradúcese nunha chea de actividades: faladoiros e paneis de experiencias con voces expertas do mundo do viño, percorridos culturais polas parroquias de ribeira do Concello, visitas a viñas ou adegas, visionado de pezas audiovisuais, exposicións fotográficas, catas guiadas, degustación de viños, intervencións artísticas, música, danza, poesía, narración oral entrelazadas coas catas, e algunha pequena sorpresa máis… E tamén nun cruce de miradas artísticas, lúdicas, formativas e ata etnográficas.
EVENTO ABERTO A TODO TIPO DE PÚBLICOS
Os días 10, 11 e 12 de maio coincidirán en Taboada habitantes e foráneos, profesionais do sector do viño e aficionados, mocidade e xente vella, produtores e consumidores… E as actividades desenvolverase en diferentes puntos do concello de Taboada, coa Praza de Riazón convertida en Espazo Atmosfera Viño, como espazo central da convocatoria.
En palabras da organización “un encontro multidisciplinar onde se respira cultura, territorio, sabiduría local, artes e coñecemento”. Evento, en definitiva, que busca a interacción, a participación activa, o intercambio entre a inquedanza e curiosidade das persoas visitantes e a sabedoría da xente autóctona.
RaizameS está apoiado economicamente pola Xunta de Galicia, Deputación de Lugo – Vicepresidencia, Deputación de Lugo – Turismo, Consorcio de Turismo, e Concello de Taboada.