HomesociedadeEncontro formativo con Pepe Viyuela na Ribeira Sacra

Encontro formativo con Pepe Viyuela na Ribeira Sacra

O curso está organizado polo proxecto ‘Guardabosques’, unha iniciativa de preservación ambiental, formación e transformación que impulsa a cooperativa Ecooo, e terá lugar do 14 ao 16 de xuño na Casa Grande de Rosende, en Sober.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O pasado mes de abril este xornal informaba da compra dunha aldea de Sober, Donelle, pola cooperativa Ecooo, organización que promove as enerxías renovables e o autoabastecemento enerxético impulsando tamén proxectos de preservación ambiental. En relación a esta última actividade enmárcase o seu proxecto “Guardabosques” no que as construcións en ruínas actuais desta aldea pasarán a converterse nun “espazo de encontro e transformación”, así como tamén nun “espazo de experimentación intelectual e física, un lugar de encontro, de cooperación e un refuxio climático”.

A rehabilitación do conxunto non comezará ata o 2025, segundo informaban da cooperativa, pero as accións formativas xa comezaron esta primavera con dous cursos na primeira quincena de maio que trouxeron a Rosende á antropóloga e activista feminista Yayo Herrero, e ao naturista Joaquín Araujo.  Este mes de xuño o protagonista do encontro formativo será o coñecido actor e humorista Pepe Viyuela.

CURSO CON PEPE VIYUELA

Dende a súa experiencia, e baixo o título “El humor en el tiempo de los monstruos”, trasladará aos presentes o poder do humor como ferramenta dos movementos sociais para ampliar e consolidar dereitos ou para combater o medo e a represión.

Tal como refiren dende a organización, “Pepe Viyuela abordará, de xeito humilde e sen pedantería“, interrogantes coma estes: “Como se resiste ao temporal autoritario? Cales son os resortes e mecanismos que presenta o humor para subverter as doutrinas do medo e da represión? Que papel poden xogar os humoristas, bufóns e paiasos ante os medios de comunicación controlados polas grandes elites?”.

O curso desenvolverase os días 14, 15 e 16 de xuño na Casa Grande de Rosende, no Concello de Sober. O comezo será o día 14 ás 18:00 h. e o remate o domingo 16 ás 16:00 h.

Imaxe anunciando o curso. Foto: Proxecto Guardabosques da Cooperativa Ecooo.

A proposta está aberta a 25 prazas e ten un prezo de 350 € incluíndo habitación compartida e pensión completa. Os socios e socias do proxecto Guardabosques terán un desconto do 5% e para inscricións e/ou aclaración de dúbidas facilítase por parte da organización o teléfono 91 294 00 94 e o correo electrónico seguinte: guardabosques@ecooo.es

PEPE VIYUELA

José Viyuela Castillo, máis coñecido como Pepe Viyuela, estudou filosofía e arte dramático sendo hoxe un pallaso, actor e humorista ben recoñecible do panorama televisivo e cinematográfico español. Pero non queda aí a súa faceta creativa, pois tamén destaca como activista social, escritor e poeta.

O seu papel máis popular en series de ficción foi o de Chema –o tendeiro de Aída (Telecinco)–, co que ademais acadou no 2013 o ‘Premio Ondas ao mellor intérprete masculino de ficción nacional’. Tamén participou en varios programas de televisión e no eido do teatro, conquerindo neste caso o ‘Premio Max a mellor actor’ pola obra Rinoceronte no ano 2016.

En cinema será lembrado, entre outros, por papeis como Filemón nas películas ‘La gran aventura de Mortadelo y Filemón’ (2003), dirixida por Javier Fresser, e ‘Mortadelo y Filemón. Misión salvar la Tierra’ (2008), dirixida por Miguel Bardem. E como clown sempre teremos presentes os números mímicos de zoupón cos que empezou en míticos programas como foi o “Un, dos, tres”.

Como activista en movementos sociais salientar que foi presidente da ONG ‘Payasos Sin Fronteras’ –segue na directiva–, e ten actuado con outros artistas en países en conflito como Palestina, Irak ou Kosovo. É tamén socio honorífico das ONG ‘Amigos de la Tierra’ e ‘Saniclown’.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...