HomeCulturaOs “grandes jis” de Alberte Montes, este venres en Quiroga

Os “grandes jis” de Alberte Montes, este venres en Quiroga

O cómico quirogués presenta o seu espectáculo, “Alberte Montes, 10 anos”, para conmemorar unha década de comedia apoiando unha causa benéfica. A entrada servirá para colaborar economicamente coa ONG “Escuelas de la Tierra”, entidade con sede en Ribas de Sil.

Publicado o

- Advertisement -

Alberte Montes cumpriu este ano dez no mundo da comedia de forma profesional e, dándolle voltas ao tema o seu representante, presentouse a opción de aproveitar a ponte e unha actuación en Viana do Bolo para facer parada na súa Quiroga natal e celebralo como se merece.

Presentouse a idea deste evento ao concello e ao mesmo tempo contactouse con “Escuelas de la Tierra” para propoñerlles que a entrada fose a beneficio desta ONG co fin de poder financiar proxectos nos que traballan. E todo foi rodado coincidindo as tres partes en que era unha boa idea e que o Auditorio Municipal de Quiroga sería o escenario perfecto.

Escuelas de la Tierra é unha ONG que naceu alá polo ano 2003 ao coincidir Lucía Prieto, de Quiroga, e Luís Fernández, de San Clodio, nunha viaxe a Bolivia. Luís estaba impartindo formación a profesores e Lucía fíxolle unha visita. Alí, no rural deste país atoparon pobreza, alta mortalidade infantil, exclusión da muller, analfabetismo… Sensibilizados por esta situación e por un detalle que lles tocou a fibra, que foi o feito de que adolescentes que coñeceron lles dicían que o seu principal soño era poder estudar, fíxolles reflexionar. No chamado primeiro mundo igual temos sobrevalorada a posibilidade de estudar pero para eles era un soño, si, un soño. E este foi o detonante para que decidiran iniciar un proxecto co fin de  axudarlles. A partir dese momento, xa dende Galicia, contactaron con xente da zona rural de Bermejo en Bolivia, con graves problemas de escolarización a partir da educación en primaria,  e impulsaron proxectos de axuda á escolarización: conseguiron financiamento e construíron un centro de secundaria, iniciaron proxectos dedicados á formación a profesorado, a ofrecer servizo de transporte escolar, á creación de laboratorios, á concesión de becas, de microcréditos para mulleres en perigo de exclusión…

E así foi nacendo “Escuelas de la Tierra”, entidade con sede en San Clodio no concello de Ribas de Sil. Tanto Lucía como Luis insisten en que “esta entidade non é Cáritas, no sentido de que non regalamos nada”, é un proxecto de cooperación no que se axuda co compromiso daquel que se beneficia de axudar na medida das posibilidades a outros que o necesiten. Cando algún neno/a ‘becado/a’ que puido estudar na cidade empeza a traballar, por exemplo, ten o compromiso de devolver parte da axuda para que outros/as podan seguir o seu camiño.

Coñecido o proxecto para o que se destinará a recadación deste venres día 7, falamos co artista quirogués que nos fará rir co mellor dos seus monólogos e vivencias dunha década no Auditorio Municipal de Quiroga ás 20.30 h.

Alberte Montes. Foto: JARibas Fotografía

Dez anos na comedia, de forma profesional entendemos (risas) ?

Efectivamente. Conto dende a primeira actuación remunerada na que non só aplaudían amigos. Comedia amateur dende o verán de 1986.

Que balance fas desta década logo?

Balance moi positivo e divertido. Houbo evolución e paseino moi ben. Agardo poder seguir medrando e gozando do mesmo xeito. Son un tipo non moi ambicioso, estou conforme con vivir de facer rir, coma se fose pouca cousa…

No teu caso, compaxinas a faceta de humorista coa de actor, en cal te ves mellor?

Coido que o termo CÓMICO unifica ámbalas dúas facetas e así, coma bo galego, evito dar unha resposta concreta. BOOM.

Este ano sorprendiches co teu papel de “Padín” en Fariña, que tal a experiencia?

Fantástica. Traballei cos mellores facendo a mellor serie posible. Sentía falar do proxecto e babexaba pensando nela coma espectador, imaxina o que foi formar parte.

Esperando xa outros papeis importantes en cinema, non? E mentres non aparecen, televisión e comedia logo?

O que saia! De estrés non hei morrer, estade tranquilos.

Nas túas aparicións en GOL vemos a “Alberte en estado puro” ou estás limitado pola estrutura dos programas?

Teño moitísima liberdade tanto en ‘Los Lunes al Gol’ coma en ‘Los Infiltrados’, coido que queda claro vendo os dous programas. Estou moi agradecido de que así sexa. Está sendo tamén unha gran escola nun eido que non traballara nunca, o de colaborador de TV.

E este venres en Quiroga, de celebración con “Alberte Montes, 10 anos”. Que significa para ti este evento?

Home… Eu que de estudante era un inconstante estou na obriga de celebrar DEZ ANOS dedicados a unha mesma cousa. É moi emocionante, e súmalle a emoción de que sexa na casa.

Que nos podes anticipar do espectáculo?

Que se un espectáculo meu xa acostuma a ser tolo e divertido, imaxinade un no que repase o mellor do mellor, GRANDES JIS. Unha actuación da que se falará durante anos en Quiroga… Quen di anos di un par de días.

ÚLTIMAS

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...