O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro 1 de outubro a nova liña de axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Ribeira Sacra. A medida conta cun orzamento de 500.000 euros, pero poderá ampliarse ata os 2,4 millóns de euros de ser necesario. Neste sentido, apoiarase a destilación voluntaria de viños tintos amparados pola Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de equilibrar o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da colleita da vendima deste ano.
Cabe sinalar que o montante destas achegas procede integramente de fondos propios da Consellería do Medio Rural, e responden á cantidade autorizada pola Comisión Europea como cifra máxima para a medida. A axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado.
Poderán ser beneficiarias as empresas vitivinícolas elaboradoras de viño tinto amparado pola DO Ribeira Sacra e que cumpran unha serie de requisitos establecidos na orde como, entre outros, que tiveran comprado uva na campaña 2023-2024 a persoas viticultoras, ou que utilizaran uva dos seus propios viñedos.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do 2 de outubro, día seguinte da publicación desta orde no DOG. A destilación de crise poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de novembro de 2024, e o alcohol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, co fin de evitar distorsións da libre competencia.
Cómpre lembrar que Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, solicitou o pasado mes de abril ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación esta mediada excepcional, que finalmente foi aprobada pola Comisión Europea e, a través da cal, as adegas desta denominación de orixe poden xestionar o seu excedente.
Paquete de apoio á denominación de orixe
Esta medida forma parte dun paquete de axudas enmarcado nun contexto internacional de descenso xeneralizado no consumo e comercialización de viño, especialmente dos tintos e rosados, problemática á que a denominación de orixe Ribeira Sacra non é allea.
A maiores da destilación de crise, a Consellería do Medio Rural vai de destinar outros 2 millóns de euros a unha liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Trátase dunha medida novidosa, cuxa publicación se prevé para finais deste 2024, enfocada a preservar as características desta zona e que redundará de xeito positivo na candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco.
Terá dous grupos como destinatarios segundo o sistema de cultivo utilizado. Un deles -o tipo 1- será para o cultivo en socalcos, con muros de pedra e que realizan o traballo de maneira non mecanizada, e o segundo -o tipo 2-, para outros tipos de cultivo do viñedo, sen socalcos ou mediante traballo mecanizado.
Entre as medidas de apoio tamén se contempla unha ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra. Dentro da PAC existen unhas axudas, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, que na actualidade só o están solicitando o 28% dos viticultores con axuda da PAC nesta zona: concretamente 95 de 339 solicitudes de agricultores que declaran viñedo.
Outra acción máis de apoio, que se realiza a través da Consellería de Economía e Industria, concretamente do Igape, son as axudas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva. No caso da convocatoria deste ano, que se publicou esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia, son susceptibles de apoio aqueles préstamos (aplicados á adquisición de uva do 2024) formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2024. Na pasada convocatoria resolvéronse favorablemente 38 solicitudes, o que supón facilitar ás adegas acceso a créditos por un valor conxunto que supera os 17 millóns de euros, cun investimento final de 1,8 millóns de euros.
Campaña #SOSRibeiraSacra
O SLG-CCLL ten denunciado a opacidade da Consellería ao respecto deste tema durante moito tempo e ten en marcha a campaña #SOSRibeiraSacra, para visibilizar a pé de rúa e nas redes sociais a situación pola que están a pasar centos de persoas produtoras que levan todo o ano invertindo recursos económicos na viña, “moitas delas persoas que mesmo creceron e se criaron neses mesmos viñedos, e que agora afrontan un momento de grave incerteza co seu futuro”.
A través da colocación de pancartas en varias zonas da Ribeira Sacra e dunha batería de vídeos nas redes sociais do SLG https://www.youtube.com/watch?v=curiPuc7MWM-, queren manter activa a denuncia da ausencia total de medidas reais de apoio ás viticultoras e viticultores por parte da Xunta de Galicia, ao tempo que espallan información sobre a delicada situación na que se atopa a cualificada como “viticultura heroica”, unha actividade produtiva que configura a identidade histórica, cultural e paisaxística do seu territorio.
sosribeirasacra / SLG