HomeEn profundidadeCoñecendo ao protagonista de 'Un guiri pola Ribeira Sacra'

Coñecendo ao protagonista de ‘Un guiri pola Ribeira Sacra’

Trátase de Miguel Guido, un británico afincado en Galicia dende o ano 2003 que fai de reporteiro na serie da TVG "Un Guiri pola Ribeira Sacra".

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Aproveitando que o programa da Televisión de Galicia “Un guiri pola Ribeira Sacra” pasou por Terras de Pantón, os nosos colaboradores do colectivo Segredos de Pantón entrevistaron ao seu reporteiro Miguel Guido, un actor e mestre de inglés felizmente afincado en Galicia dende hai 21 anos. No formato televisivo, de carácter costumista, Miguel faise pasar polo explorador británico Michael Sellick, un profesor londiniense de Historia, afeccionado á fotografía e á música que desexa descubrir os segredos deste territorio do interior de Galicia.

Antes de todo, Miguel, cóntenos un pouco sobre vostede. Onde naceu?

Nacín en Bristol, no Reino Unido, en 1980, e mudeime a Galicia no 2003 despois de facer un ano de Erasmus en Santiago.

Cal é a súa profesión e dende cando?

Son profesor de inglés dende o 2003, primeiro na Universidade da Coruña, pero despois en secundaria na Universidade de Vigo e, dende o 2019, na Escola Oficial de Idiomas. Sen embargo, durante todo este tempo compaxinei a docencia coa carreira actoral: son o profesor de inglés dos Bolechas, fago contacontos do meu libro “O lobo feliz” e teño un grupo de teatro medieval, entre outras cousas.

Inglaterra ou Galicia?

Cada sitio ten o seu encanto, pero se vivo en Galicia dende hai 21 anos, é por algo!

Cantas linguas fala?

Inglés, por suposto, o galego, o castelán e um bocadinho de portugués.

Prato favorito?

O curry de polo que fai a miña tía (é hindú!).

Queríamos saber como foi protagonizar a serie “Un guiri pola Ribeira Sacra”. Cóntenos.

Foi unha experiencia moi enriquecedora. A Ribeira Sacra era unha zona que descoñecía e cheguei a ver e experimentar moitas cousas que non imaxinaba. A Ribeira Sacra ten un patrimonio cultural invencible, pero tamén un patrimonio histórico. Hai mosteiros, igrexas, pazos e outros tantos monumentos, poderías estar a vida enteira aquí e non chegar a velo todo!.

“A Ribeira Sacra era unha zona que descoñecía e cheguei a ver e experimentar moitas cousas que non imaxinaba”

Miguel Guido tocando a guitarra nun catamarán. Foto: Produtora Bolanda.

Canto tempo durou a gravación? E como foi mergullarse nun entorno rural?

A gravación foi de tres semanas. O entorno rural é espectacular. Eu vivo no rural, pero a miña zona non é “tan” rural coma isto! É incrible os cambios de cores das ladeiras e dos vales en outono, e incluso cando chove e vai frío hai unha beleza natural moi potente.

Da gravación da serie, que destacaría? Cóntenos algunha anécdota divertida e algunha que non tanto.

Quizais sexa polo grupo de teatro medieval, pero destacaría os monumentos da Ribeira Sacra, como os mosteiros e igrexas. O mosteiro de Santo Estevo lévame á época medieval e é moi inspirador. Durante a gravación tiven que bañarme no encoro do rio Mao… en pleno novembro! Tiven sorte de non coller unha hipotermia!

Fomos aos límites da Ribeira Sacra ao visitar a Serra de San Mamede. O problema foi que a furgoneta non daba subido a montaña e quentábase. Había que apagar o motor, esperar que enfriase (que non era moito, que facía un frío tremendo) e volver arrincar. Fixemos isto unhas catro ou cinco veces antes de chegar á cima… E ao chegar, comezou a chover!

Gustaríalles que fixeran máis episodios desta serie? Algún lugar que desfrutaría de visitar?

A Ribeira Sacra ten moito que ofrecer, poderíase facer varias tempadas sobre esta zona. Creo que gozaría de visitar calquera parte, pero o que máis me chamaría sería visitar lugares non tan coñecidos.

Polo que saben, como foi a crítica e a acollida do público?

A crítica que recibín a nivel persoal foi moi boa. Tamén tivo unha boa audiencia, polo que entendo que a serie gustou ao público.

“A Ribeira Sacra ten moito que ofrecer, poderíase facer varias tempadas sobre esta zona”

Miguel Guido no Convento das Bernardas de Ferreira de Pantón. Foto: Produtora Bolanda.

Despois desta viaxe polo norte de Ourense e o sur de Lugo, que lugares o engaloiaron? Algún de Pantón?

Un dos lugares que máis me engaloiou foi a necrópole do Preguntoiro. Xusto a visitei cando estaban facendo unha investigación arqueolóxica no sitio e é fascinante visitar un lugar que foi importante na zona, que caeu en desuso e desapareceu, para logo volver a descubrirse décadas despois. Intento pechar os ollos e imaxinar como sería a paisaxe daquel lugar hai séculos.

Despois de ter semellante inmersión na contorna, como definiría as terras da ribeira do Sil e do Miño?

A zona da Ribeira Sacra é unha marabilla en moitos sentidos. Por suposto a paisaxe é espectacular, pero tamén a gastronomía, o viño, a cultura e os monumentos. É un lugar que vale a pena visitar en varias ocasións, e creo que os habitantes da zona teñen unha gran sorte de vivir aquí.

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada obtén as certificacións de “Q  Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística”

O ICTES, Instituto para a calidade turística española e a sostibilidade vén de conceder...

Transporte adxudica obras de mellora en tramos da N-120 e da N-540

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 13.690.415,53 euros, IVE incluído, un...

Obras na LU-P-4103, en Ferreira de Pantón

A Deputación Provincial de Lugo informa de que ata finais de decembro, a circulación...

‘Castelao’, obra teatral de Culturactiva Produccións, en Quiroga

Culturactiva Produccións presenta este mércores 3 de decembro a obra “Castelao”. Esta actividade está...