IniciosociedadeUn ovo de "guinness" no Ivedo

Un ovo de “guinness” no Ivedo

Un veciño do Ivedo, lugar da parroquia de Montefurado en Quiroga, quedou abraiado hai uns días ao ver un exemplar de ovo fóra do normal cando foi recoller os ovos das súas galiñas.

Publicado o

- Advertisement -

Pedro Soto, da parroquia de Montefurado, é un deses galegos que aprecia o campo e que de xubilado decidiu apostar por unha vida no rural acompañado da súa dona. É moi sociable, coñecido na contorna, ten moita enerxía para traballar e, entre outras cousas, produce mel e aceite de xeito artesanal. Como todo habitante do rural que se prece, galiñas tampouco poden faltar, “como os ovos da casa non che hai”.

Coñecedores do espectacular achado que fixo no galiñeiro hai uns días contactamos con el. Advírtenos que ten 5 minutos pois aínda non rematou de coller as olivas e ten présa por acabar o traballo que se lle complicou este ano por mor do mal tempo.

Pedro Soto coa súa dona. Foto: P.S.

Pasáronnos unha foto do ovo que atopaches o outro día e pensamos que era unha desas montaxes que corren polo whatsapp. É real?

Pois si, a verdade é que nunca vira outro igual.

Non che importa que metamos o tema en Xornal de Lemos?

Fai o que queiras. Iso si, se a metes non esperes ao vinte e oito (risas).

Vémolo enriba dunha oveira e facémonos unha idea do tamaño, pero canto podería medir?

Uns dez ou once centímetros ben, ben.

Impresionante. Podes facerlle unha foto ao lado doutro normal e mandárnola?

Non vai poder ser. Estaba algo roto na punta e a muller meteuno nun biscoito que fixo para estes días antes de que se estragara.

Que galiñas tes?

Pois temos pitas de varias razas e boas poñedoras.

Tedes localizada a galiña poñedora deste exemplar?

Non, non sabemos de cal puido ser…

Despedimos a Pedro, que anda a cen para poder recoller as olivas, e pedímoslle que se volven aparecer máis ovos coma ese que nos avise, xa non para a exclusiva, se non para merendar nunha tortilla e cunhas torradas de pan con aceite da colleita deste ano.

 

 

ÚLTIMAS

A Xunta tamén colaborará co ‘Campionato de España de Taekwondo’ de Monforte

A Xunta vén de anunciar que colabora co Campionato de España de Taekwondo, que...

Axudas para a reconversión da viña e ‘Día do viño DO’

No DOGA do 26 de marzo publicábase a Orde da Consellería do Medio Rural,...

Intenso mes de actividade deportiva en Prodeme

Este mes de maio a asociación Prodeme levará a cabo unha serie de actividades...

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra oponse á instalación de Altri en Palas de Rei

Segundo apunta a Federación, "o proxecto de macrocelulosa busca obter inxentes fondos públicos, por...