Homesociedade'Aquelarre das Meigas', un evento que se consolida na programación do 'Estase...

‘Aquelarre das Meigas’, un evento que se consolida na programación do ‘Estase Cocendo’

Celebrarase este sábado 5 de abril e conta cun interesante programa de actividades a realizar durante todo o día. Beatriz Vila, delegada da Apehl na zona Sur de Lugo, convida a participar para encher Monforte de Meigas ese día.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O ‘Estase Cocendo’, as XVII Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra, encamiñan a súa recta final sendo o último día para poder gozar deste prato nos locais de hostalería adheridos do sur de Lugo o domingo 6 de abril.

Preguntámoslle a Beatriz Vila, delegada da Apehl na zona Sur de Lugo, por como está indo o evento este ano e dinos que moi ben. No que respecta ao consumo en hostalería, bastantes turistas e encargos, e no relativo ás actividades programadas moita participación. “Na quedada de motos houbo xente que veu de Ferrol, A Coruña ou Lalín. Xente que viña, incluso, por primeira vez”, dinos Vila ademais de lembrar que “os que menos veñen son os de Monforte… como se aquí non houbese moteiros e moteiras…”.

IV AQUELARRE DAS MEIGAS

Este será o derradeiro evento antes de rematar o ‘Estase Cocendo’ deste 2025. Terá lugar en Monforte de Lemos o sábado 5 de abril e contempla unha completa xornada de actividades nas que as protagonistas serán as Meigas. Un evento que chega este ano á IV edición e que medra ano a ano en transcendencia. “A xente xa me pregunta polo das Meigas, e penso que pode irse convertendo nunha antesala da Feira Medieval”, di Beatriz Vila.

A xornada comeza cunha ‘Visita guiada de Meigas’. O punto de partida será a Praza de España ás 11:30 h. e o roteiro contará cunha guía profesional. Ao remate da mesma será no Torreón do cárcere vello coa degustación dun viño da Ribeira Sacra. A continuación, ás 14:30 h. terá lugar o ‘Cocido das Meigas’ no Comedor Don Manuel (Manuel Bistró). Segundo comenta Vila, aínda queda algunha praza e poden facerse as reservas chamando ao teléfono 982 412050. Respecto do tirón que está tendo este encontro de Meigas, Beatriz Vila refire que o ano pasado foron 12 comensais e este ano xa hai apuntadas 30.

Cocido das Meigas (arquivo). Foto: Beatriz Vila.

Xa pola tarde, actividades para os máis pequenos, concretamente para a cativada de 4 a 12 anos. No salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra haberá obradoiros para a confección de sobreiros de Meigas/os e maquillaxes.

Achegándonos á noitiña, o esperado Aquelarre será a Praza de España ás 19:30 h. Nese momento repartiranse antorchas para iniciar un desfile ás 20:00 h. ata o Parque dos Condes. Todas as Meigas e Meigos reunidas/os camiñarán acompañados dunha Batucada e ao chegar darán lectura ao manifesto. A continuación darase conta do resultado do concurso para nomear á ‘Meiga Maior e Meiga Menor do Cocido’.

E para rematar a intensa xornada, a gozar coa ‘Festa da Noite Meiga’. Terá lugar na Praza de Abastos, concretamente no Espazo Gastronómico, onde haberá música en directo a cargo de formacións musicais de I-Creativa e petiscos ata fin de existencias entre as 21:30 e as 24:00 h.

Como apoio simbólico ao evento, o propio Concello de Monforte iluminará a Torre da Homenaxe de vermello.

ÚLTIMAS

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta...

Prohibidas as queimas forestais e agrícolas de particulares

Quedan fóra da prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e...

Ata o 25 de abril pódense solicitar as axudas para a colleita en verde

Estas axudas están dotadas cun orzamento de 600.000€ do Fondo Europeo Agrícola de Garantía...

O Multiusos de Monforte acolle este 10 de abril a representación de “Mulleres que viven soas”

Representarase a obra, Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, obra escrita por Paula...