HomeCulturaO 24 de maio Pantón homenaxea a Milagritos, unha vida dedicada á...

O 24 de maio Pantón homenaxea a Milagritos, unha vida dedicada á biblioteca

Nesa xornada o Concello de Pantón organiza a descuberta da placa co nome da homaxeada, como agora pasa a chamarse a Biblioteca Pública Municipal de Pantón. O acto celebrarase ás 13:00h. na Praza do Concello. Un grupo de veciños/as tamén organiza unha comida no restaurante Don Manuel.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Biblioteca Pública Municipal de Pantón inaugúrase no ano 1950. Ao fronte deste servizo cultural fundamental estivo desde o comezo, Milagros Pardo, a quen a veciñanza coñece como Milagritos.

Despois dunha vida destinada a axudar e colaborar co pobo, onde Milagritos prestou especial atención aos nenos e nenas para espertar neles o interese pola lectura, o Concello de Pantón e un grupo de veciños e veciñas prepáranlle unha homenaxe baixo o título, “A memoria entre libros tamén perdura”.

O alcalde, José Luis Álvarez, destaca da homenaxeada a implicación no traballo, “Preguntáballes aos nenos/as e usuarios/as por autores e libros para ampliar o fondo bibliotecario. Poñíase en contacto cos mestres para mandar os libros ás aldeas onde había sempre unha escola unitaria. Mandaba por eles os libros e cada fin de semana, os mestres devolvíanos”.

“Sen ter estudos de biblioteconomía foi unha adiantada ao seu tempo, todo o fondo bibliotecario está organizado a man por ela”, asegura Javier González, técnico de Cultura en Pantón e un dos veciños promotores da homenaxe. Neste caso organizan unha comida no restaurante Don Manuel a partir das 14:15h do día 24. A retirada de invitacións para participar do xantar pódese facer na Casa da Cultura, no supermercado Chimpa e no supermercado Maribel.

“Este recoñecemento é necesario pola vida de traballo e coidado desinteresado de Milagritos. Aos 4 anos eu xa estaba na biblioteca con ela, contaxioume o interese pola lectura. Vina axudar a nenos/as que non sabían aínda ler, sentados nunha mesa comezáballes a contar historias diante dun libro facendo debuxos. Axudou a moitos/as nenos/as para a catequese. Moitas xeracións pasaron por ela, coñecemos a Tintín e aos Cinco grazas a Milagritos”, explica Javier González.

A homenaxe do 24 de maio será unha xornada de festa e celebración da cultura e da atención ás persoas. Un recoñecemento a unha vida dedicada á biblioteca. González destaca, “Unha persoa así vai ser irrepetible. Todo vitalidade, autodidacta total, a onde non chegou botoulle imaxinación. Unha actitude incrible para contactar coa xente e traballar con libros”.

ÚLTIMAS

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...

O Castro Art Village no Saviñao, dinamizando a cultura e o audiovisual desde o rural

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, vistou este xoves O...

Máis de 1.000 inscritos na XVI Carreira Popular do Concello de Monforte que pecha inscricións o día 21

A XVI Carreira Popular do Concello de Monforte, que se celebrará o domingo 26...