O proxecto consiste no fresado completo da vía e na reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros, cun ancho medio de 8,86 metros. Contempla tamén a renovación da sinalización horizontal, co pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. En conxunto, trátase dunha superficie total de actuación de 5.495 m2, entre o entronque coa Avenida de Galicia e a rúa do Río.
Esta iniciativa forma parte do programa de mellora das infraestruturas do Concello impulsado polo Equipo de Goberno, tanto no eido urbano como no medio rural. Neste caso, o Alcalde lembra que a mellora da rúa Ourense “ven motivada polas eivas que dende o Concello detectamos en canto ao desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”.
A rúa Ourense é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, que comunica o centro da cidade coa saída cara Ourense, a través da circunvalación CG-2.1 que leva á N-120, e cara a Ferreira de Pantón, a través da N-120a. José Tomé salienta que este proxecto “da continuidade ao desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que, neste caso, suporá unha mellora moi significativa deste importante vial”.

