As acusacións feitas públicas nun programa dunha cadea estatal son da máxima gravidade. Se unha vez realizadas as pesquisas legais se chega a demostrar a veracidade das condutas relatadas por parte das posibles vítimas contra o alcalde de Monforte e expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, (este mércores pola tarde anunciou que deixaba a presidencia da Deputación e solicitou a suspensión cautelar da militancia) debe caer todo o peso da xustiza sobre os seus ombreiros, en particular, e o PSdG debe iniciar un proceso de investigación a fondo para localizar ou descartar outras posibles condutas delitivas por parte doutros cargos políticos da comunidade.
Así mesmo, a responsabilidade orgánica dos máximos cargos do partido a nivel autonómico e federal debe ser analizada con lupa e toda a rigorosidade.
É verdade que no pasado houbo rumores que falaban sobre supostos comportamentos machistas por parte do edil nado en Guitiriz, pero eu teño que dicir que máis aló dalgunhas declaracións desafortunadas no pleno de Monforte, en todos estes anos que leva José Tomé na primeira liña, nunca volvín escoitar nada negativo sobre a súa conduta coas mullere coas que se relacionou a nivel profesional.
Sexa como sexa este presunto escándalo tamén afecta de cheo ao propio secretario xeral do PsdeG, e presunto no seu día, Gómez Besteiro, pois non pode esquivar a súa responsabilidade á hora de vixiar polo cumprimento escrupuloso do Código Ético.
Por outra banda, e adentrándose en terreos puramente especulativos, non deixa de ser chamativo que estes casos salten á luz pública ao pouco tempo da entrada en prisión do tamén presunto, José Luis Ábalos. Porque non se pode desbotar o coñecemento que este señor ten sobre a estrutura interna do PSOE e a súa ampla axenda de altos cargos e cargos intermedios dentro das filas socialistas ao longo do territorio español. Dende logo se hai alguén coa capacidade necesaria para dar luz a este regueiro de casos lamentables de presuntos actos delitivos, ese é o que foi un dos homes fortes do presidente do goberno, Pedro Sánchez.
O certo é que se aveciñan días turbulentos para a familia socialista en Galicia, pero máis aló do morbo sobre os detalles escabrosos destes casos, esta crise debería servir para comezar a impartir xustiza, en primeiro lugar, e iniciar unha tranformación profunda tanto no partido socialista como no resto de partidos para que se convertan en espazos seguros de participación política para as mulleres.
machismo institucionalizado
A modo de peche, a obra teatral de Moisés Mato: Aquí nunca pasa nada é unha peza que fala sobre os sucesos ao redor do Caso Carioca que apuntaba á presunta implicación de cargos públicos e das forzas de seguridade coa prostitución. Aquel escándolo pasou á historia recentemente sen apenas consecuencias penais. O texto denuncia claramente a impunidade duns homes poderosos ante mulleres en situación de vulnerabilidade. E disto é do que se trata, se finalmente os presuntos implicados neste e outros casos recentes que están salpicando o panorama estatal dentro das filas do PSOE se demostran culpables dos graves feitos denunciados periodísticamente, polo momento, deben comezar a pasar cousas no panorama político provincial. Vai sendo hora de falar do elefante na habitación, que non sería outra cousa que un machismo institucionalizado.

