HomesociedadeO actor Monti Castiñeiras apadriñará o “Estase cocendo”

O actor Monti Castiñeiras apadriñará o “Estase cocendo”

As xornadas gastronómicas dedicadas ao cocido que se celebran na Ribeira Sacra lucense preséntanse este venres 8 de febreiro e desenvolveranse do 9 deste mes ao 10 de marzo.

Publicado o

- Advertisement -

Xa estamos no ecuador do inverno, tempo propicio para degustar os cocidos, e achégase o evento gastronómico de referencia na Ribeira Sacra, o “Estase cocendo”.

A organización corre a cargo da Delegación da Zona Sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo que presentará, nun acto aberto ao público, o XI Estase cocendo o vindeiro venres 8 de febreiro ás 18:30 h. no Salón de Actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos.

Volven así, as xornadas gastronómicas dedicadas ao cocido que transcorrerán do 9 de febreiro ao 10 de marzo, ambos días incluídos. Os establecementos hostaleiros da Ribeira Sacra Lucense realizarán tapas e menús especialmente relacionados co cocido e expoñerán nos seus locais información referente ao evento como carteis e dípticos coa relación de participantes nesta edición.

Como vén sendo costume tamén se realizará o sorteo dun porco de máis de 100 quilos e durante o tempo que duren as xornadas realizaranse diferentes actividades para que a xente se anime a saír da casa, se mova polas rúas das vilas, visite as fermosas paisaxes da contorna e, como non, deguste o cocido típico deste tempo.

A organización informa así mesmo que se busca implicar tamén ao gremio hoteleiro que ofrecerá aloxamento nas mellores condicións económicas posibles para que se anime a visitar a zona xente de fóra e aproveite para pasar estancias máis longas tendo moito que ver na Ribeira Sacra, tanto paisaxes como entroidos típicos.

O padriño do “Estase cocendo 2019” será o actor galego Monti Castiñeiras. Un profesional cunha longa traxectoria no audiovisual galego e coñecido máis recentemente polos seus papeis de “Santos” na serie de ficción da TVG “Serramora” e como Luís Colón “Colombo” na serie “Fariña” producida por Atresmedia.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...