HomesociedadeO Viveiro Industrial de Empresas de Bóveda aproba o seu regulamento e...

O Viveiro Industrial de Empresas de Bóveda aproba o seu regulamento e ábrese aos emprendedores

O Viveiro Industrial de Empresas está situado no parque empresarial do Concello de Bóveda e conta cunha nave cunha superficie de 769,65 metros cadrados, ademais de 622,71 metros cadrados de superficie común e un espazo de almacén ou taller de formación práctica de 383,95 metros cadrados. As instalacións inclúen tamén catro despachos de oficinas de 19,60 metros cadrados cada un, zona de recepción, espazo polivalente para reunións ou formación, zona de descanso e aseos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo vén de publicar o Regulamento de Funcionamento e Admisión do Viveiro Industrial de Empresas do Concello de Bóveda (https://www.deputacionlugo.gal/gl/node/84101). O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, destaca que “a publicación deste regulamento supón un paso decisivo para a posta en funcionamento do viveiro industrial e permitirá darlle continuidade ao proceso de incorporación das primeiras iniciativas empresariais, contribuíndo así á creación de emprego no municipio”.

Este regulamento ten como obxecto establecer o funcionamento do Viveiro Industrial de Empresas do Concello de Bóveda. Así, define o procedemento de adxudicación dos espazos, así como as relacións entre os cesionarios e o órgano de xestión e as normas de réxime interno das instalacións.

O viveiro ten como finalidade ofrecer, mediante cesión temporal, un espazo físico equipado para o funcionamento de negocios. Entre os seus obxectivos figuran favorecer a creación e consolidación de novas empresas e impulsar a xeración de emprego na localidade. Faise mediante a cesión dun espazo con localización, infraestrutura, loxística e servizos que permitan ás iniciativas empresariais, en condicións favorables de prezo e servizos, desenvolver o seu plan de empresa nun tempo limitado, co obxectivo de que poidan competir posteriormente en condicións de mercado.

O Viveiro xestionarase directamente a través do Concello. Entre os servizos previstos inclúense o acceso a servizos telemáticos e de reprografía, limpeza e mantemento das instalacións, así como servizos de asesoramento, información e formación empresarial en ámbitos como bonificacións e subvencións, mellora da competitividade industrial, TIC, dinamización empresarial e cultura emprendedora. Tamén servizos de organización de eventos e de xestión e relación cos medios de comunicación.

Condicións para a utIlización do Viveiro

O Viveiro Industrial de Empresas está dirixido a persoas físicas ou xurídicas con proxectos de creación de negocio ou a empresas de recente creación que conten cun plan empresarial viable desde o punto de vista económico e técnico. Poderán acceder tanto empresas aínda non constituídas, sempre que se comprometan a formalizar a súa constitución no prazo máximo de seis meses desde a resolución de acollemento, como empresas xa creadas que non superen os doce meses de antigüidade no momento de presentar a solicitude.

As iniciativas deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial e ter o domicilio social e fiscal no municipio de Bóveda ou comprometerse a trasladalo nun prazo máximo de seis meses no caso de resultar seleccionadas. De maneira excepcional tamén poderá autorizarse a incorporación doutro tipo de proxectos vinculados á cadea de valor industrial ou que acheguen valor engadido ao tecido produtivo local. Cada persoa ou entidade beneficiaria poderá optar a un único espazo e deberá estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

A selección das iniciativas empresariais realizarase mediante convocatoria pública e será avaliada por unha comisión de selección, que terá en conta criterios como a viabilidade técnica, financeira e económica do proxecto, o nivel de creación de emprego, o carácter innovador da actividade ou determinados aspectos sociais. As convocatorias publicaranse no BOP, no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal. As empresas poderán permanecer nas instalacións durante un período inicial de doce meses, prorrogable por períodos iguais ata un máximo de corenta e oito meses.

A construción do viveiro empresarial supuxo un investimento de arredor de 450.000 euros, financiado nun 80 % pola Xunta de Galicia e nun 20 % polo Concello de Bóveda. Posteriormente, o Concello obtivo tamén unha axuda da Xunta de Galicia para a mellora das instalacións, dotación e equipamento do viveiro, cun investimento de máis de 51.600 euros destinado a mellorar as prestacións do edificio, a eficiencia enerxética e as infraestruturas técnicas.

Viveiro de Empresas de Bóveda / Concello de Bóveda

ÚLTIMAS

Convocado o concurso oficial para o cartel da XXII Feira Outrora de Rubián

O Concello de Bóveda vén de anunciar a convocatoria para participar no concurso gráfico...

O Cineclub Ateneo de Monforte propón cine e música para celebrar o 1º de maio

O Cineclub Ateneo organiza unha programación especial para este primeiro de maio. Ás 20:00h...

Tres día de Feira do Viño en Vilachá de Salvadur para a ponte de maio

Unha nova edición da Feira do Viño de Vilachá celébrase na ponte de maio...

Comezan as obras de mellora na estrada LU-P-4905 entre Portomarín e Taboada

Esta actuación céntrase nos primeiros 10,5 quilómetros da vía, ao seu paso polo termo...