Os Peares foi sempre un enclave de desenvolvemento e creación de riqueza, xa for polo desenvolvemento ferroviario e industrial, así como polo aproveitamento hidroeléctrico. Desde o BNG de Pantón levan anos promovendo mocións para a atención deste núcleo e a potenciación dos seus usos turísticos. “O Torrón supón para nós unha oportunidade de vida e de atracción de poboación, mais para iso cómpren servizos, e tamén mobilidade que o propio enclave favorece pola rede viaria e ferroviario”, aseguran e botan en falta, “a vontade política por parte do goberno municipal”.
“Confiamos en que o goberno municipal lembre que entre Guítara e Os Peares todo é municipio de Pantón, e require a atención de todas as administracións”, afirman desde o BNG, que se compromete a seguir apoiando e promovendo medidas para a atención desta zona e anuncian que están a estudar mobilizacións de cara a lograr o arranxo da N-120 e N-120a “que nos teñen no terceiro mundo”.
No Torrón lamentan que haxa deficiencias na prestación de servizos municipais, como falta de alumeado, deficiencias no número
de contedores do lixo residencial, “non ten contedores para a recollida selectiva do lixo agás o do vidro, só se recolle o lixo unha vez á semana e non se aumenta frecuencias no verán. Non se promove nin divulga desde o concello o interese por este enclave histórico e con oferta enoturística, de viaxes fluviais (está entre encoros) e de rutas a miradoiros, entre outras”.
Con todo, os nacionalistas piden proceder a revisar o alumeado público existente e aumentar os puntos de luz no Torrón. Proceder á limpeza da praza, á colocación de papeleiras e contedores para a recollida selectiva do lixo que só hai de vidro, aumentar os contedores de lixo orgánico e a frecuencia de recollida no verán e establecer e cumplir un calendario anual de limpeza e mantemento para O Torrón.
Noutra moción solicitan instar ao Consello da Xunta como acordo do Pleno de Pantón para a Creación dunha parada de autobús no lugar do Torrón, que dea a posibilidade de ida e volta ás poboacións de Ourense a Monforte, alén doutros transbordos que se poidan realizar.
O BNG de Pantón plantexa outra iniciativa relacionada co Turismo Sustentable, considérano unha oportunidade que unida aos sectores produtivos axudaría a fixar poboación nova, pero apostan por diferenciar a oferta turística do municipio. “Visibilicemos os recursos etnográficos, etnolóxicos e enolóxicos que temos, alén dos históricos como o eremitismo e os comezos do cristianismo. Tería que existir unha planificación que estableza a cronoloxía de como imos visibilizar e amosar o noso patrimonio, no que se recollan os recursos, elaborar un mapa destes, outro para oferta turística e fomentar o traballo en rede dentro e fóra do concello, sempre baixo o xeodestino Ribeira Sacra”. Nesta moción solicitan:
- Abrir un punto de información turística municipal nos Peares, sen prexuízo doutras localizacións. En tempadas altas.
- Realizar unha Planificación con cronoloxía temporal e territorial. Comezar por un mapa de recursos turísticos.
- Solicitar ao Goberno da Xunta de Galiza as “Subvencións a concellos declarados municipios turísticos e xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo”.
- Poñer en funcionamento o traballo en liña para os puntos de información turística das nosas oficinas coas oficinas da Xunta. Existen liñas de axudas da Xunta para as infraestruturas que tamén inclúen as novas tecnoloxías e os equipamentos informáticos.
- Elevar ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a proposta de romper cos transportes de viaxeiros para turistas ou visitantes con carácter municipal. Dende ser liñas anuais pensadas para a comunidade local, que se reforcen e/ou se adapten nas temporadas altas e/ou de maior afluencia.
- Esixir da Deputación de Lugo, titular da xestión das rutas fluviais con fins turísticos a navegación das Ribeiras do Miño no tramo municipal de Pantón.
- Solicitar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil un informe para avaliar a posibilidade de concesión dun pantalán e amarre con carácter público coa fin de navegar o río Sil no tramo do encoro de San Pedro con fins turísticos e de divulgación enocultural.
- Propoñer e solicitar á Deputación de Lugo que recupere a navegación no encoro dos Peares ata o embarcadoiro que posúe no Concello de Carballedo coa fin de navegar as ribeiras de Pantón.

