HomeMedio ambiente e Patrimonio113.000€ para a restauración das igrexas de Rozavales, Baamorto e A Penela,...

113.000€ para a restauración das igrexas de Rozavales, Baamorto e A Penela, en Monforte

As actuacións nestes inmobles están recollidas nun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Diócese de Lugo asinado o 9 de outubro de 2025, sendo José Tomé Roca presidente da institución provincial. O acordo recolle a realización de obras de mellora en 9 templos da provincia lucense, 3 deles no Concello de Monforte trala inclusión expresa formulada polo propio alcalde.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O concello de Monforte concede licenza urbanística para a realización de obras de restauración en tres igrexas do municipio, concretamente, nas parroquias de Rozavales, Baamorto e A Penela. A colaboración entre a Deputación e a Diócese compromete o cofinanciamento de obras de restauración do patrimonio eclesiástico nos concellos de Antas de Ulla, Sarria, Monforte de Lemos, Monterroso, A Pobra do Brollón, O Corgo e A Fonsagrada. As obras tenen un investimento total de 440.000€, dos que a institución provincial achega 220.000€. No caso de Monforte de Lemos, a inversión prevista é de 112.700€ no conxunto das tres igrexas.

Segundo explica o rexedor, nos últimos días aprobáronse en Xunta de Goberno Local as correspondentes licenzas municipais para levar a cabo os traballos de restauración, polo que corresponde agora ao Obispado de Lugo licitar e executar os proxectos, tal como quedou recollido no convenio asinado. As actuacións previstas son as seguintes:

IGREXA DE SANTA MARÍA DE ROZAVALES:

Situada no núcleo de Rozavales, é unha igrexa de planta de cruz grega e nave con cuberta de madeira a dúas augas e capelas nos brazos do cruceiro co que comunican con arcos de medio punto. O arco triunfal é peraltado. A capela maior presenta catro vertentes e a sancristía está arrimada ao alzado norte do presbiterio. Presenta un pórtico cuberto diante da capela esquerda. O retablo maior  neoclásico,  xaspeado, e con ornamentación  rococó e inscrición SE REEDFICO E PEDRÉS ANO DE 1846, presenta entre outras a escultura da Asunción.  É interesante unha imaxe de Santa María sedente co neno en brazos de tradición  románica e gusto  goticista. Así mesmo, destacan algunhas curiosidades como unha pequena fiestra de pedra na zona da altar de tipoloxía  prerrománica ou o feito de que os tres arcos do interior do templo arrinquen directamente do chan.

A intervención consiste na renovación da cuberta, abarcando a substitución completa da lousa e das táboas, así como doutros elementos de madeira que se atopen en mal estado. As melloras previstas contemplan tamén a colocación de canalóns semicirculares e baixantes circulares de zinc en todo o seu perímetro, ademais de traballo de repaso dos encontros do campanario sobre a fachada principal. Esta actuación ten un orzamento de 39.300€.

IGREXA DE SANTA MARÍA DA PENELA:

Da súa orixe  románica só queda a torre das campás e a portada principal. Esta presenta arco dobrado de medio punto e guarnición de grosas perlas, alén de moldura de billetes en directriz apuntada. A torre das campás está separada do corpo do templo. É de planta cadrada, porta de arco  semicircular e van para as campás por cada un dos lados.

Unha inscrición en latín nun dos lados da torre alude ao nome do construtor e á data do edificio: EGO PELAGIUS FECI HANC TURRIM, ERO MEMORIAM ERA MILLESIMA DUCENTESSIMA, PRIDIE IDUS IULII. No retablo principal,  salomónico, atópase unha escultura de Santa Bárbara.

A actuación prevista ten un importe de 44.000€ e comprende a renovación das tellas de toda a cuberta da igrexa, empregando novas pezas curvas tradicionais en lugar das mixtas actuais, colocadas sobre placas onduladas libres de amianto. No soportal será necesario substituír a maiores algunha peza puntual de madeira da cuberta, por atoparse estas moi danadas. Colocación de canalóns e baixantes de zinc.

IGREXA DE SANTA MARÍA DE BAAMORTO:

Situada no núcleo das  Devesas fronte á Casa Priorado, o templo foi reformado nos séculos  XVII e  XVIII e conserva algúns restos  románicos. A porta principal situada ao oeste é de medio punto con moldura barroca. Na fachada principal presenta tamén un reloxo e campanario de dous vans. A nave rectangular está cuberta a dúas augas de madeira rematada en tella.

Destaca o soportal que rodea a igrexa nas fachadas oeste e sur. Na fachada sur tamén se atopan interesantes pinturas murais que a cobren en toda a súa extensión. O retablo maior é  neoclásico e conta con esculturas da Asunción e dous anxos. Os outros dous retablos situados na capela maior son tamén  neoclásicos.

Neste caso, a intervención realizarase no adro da igrexa e consiste no desmonte de cobertura de tella cerámica curva. Os traballos inclúen a colocación de panel de fibrocemento libre de amianto e enrastrelado simple sobre o que se coloca a cobertura de tellas cerámicas curvas. O orzamento ascende a 29.400€.

ÚLTIMAS

O Certame de Teatro para Centros de Ensino de Monforte alcanza a súa XXXIII edición

O XXXIII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e...

280.000€ para a mellora da estrada entre Quizán das Peras e Mondín, en Chantada

A Deputación mellorará os máis de 3,7 quilómetros desta vía investindo preto de 280.000€....

600 participantes este sábado no Petrorian Race de Sarria

Hai arredor de 600 participantes inscritos -un tercio deles, mulleres- e todos deberán realizar...

CSIF alerta da falta de persoal na presa Vilasouto e no regadío Val de Lemos

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) instou ao Ministerio para a Transición...