HomeCulturaO poder do brindo para a normalización do galego nos concellos do...

O poder do brindo para a normalización do galego nos concellos do Xeoparque Montañas do Courel

Como complemento aos obradoiros, que este mércores se celebran nos centros de ensino, realizarase unha actuación ao vivo de brindo en San Clodio, no Concello de Ribas de Sil, e aberta ao conxunto da poboación. Será no Salón de Actos da Casa do Concello o domingo 4 de outubro ás 19:00 h. Intervirán Nuria Penas, Bieito Lobariñas e a courelá Tegra de TraloCouto.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel organizan conxuntamente unha actividade de dinamización lingüística que, partindo da regueifa, pretende promover o uso oral do galego a través dunha manifestación propia da tradición cultural das montañas orientais de Lugo: o brindo ou loia. Aínda que a improvisación cantada en Galicia se coñece de maneira xeral como regueifa, nos territorios do Courel, Cebreiro, Ancares, Quiroga e contorna existe unha modalidade singular, cunha forte vinculación coa paisaxe, coa memoria oral e coa identidade comunitaria.

O brindo constitúe unha ferramenta especialmente valiosa para a dinamización lingüística entre a infancia e a mocidade, xa que combina lingua, música, poesía, memoria, creatividade e participación activa. A diferenza doutras formas de improvisación oral, caracterízase por un ton máis lírico, celebrativo e vitalista, vencellado tradicionalmente á festa, á emoción compartida e á expresión colectiva. Por iso, comentan os responsables de organizar a actividade dende os concellos do Xeoparque Montañas do Courel, “resulta especialmente axeitado para achegar o galego á xente nova desde unha perspectiva próxima, vivencial e identitaria, xerando contextos reais e atractivos de comunicación en galego”.

Nos últimos anos, o brindo está a vivir un proceso de recuperación e revitalización, impulsado por diferentes persoas, colectivos culturais, centros educativos e iniciativas vinculadas á oralidade improvisada. A súa presenza en festas, foliadas, entroidos, encontros culturais e obradoiros escolares demostra o seu potencial como recurso para reforzar a autoestima lingüística, favorecer a transmisión interxeracional e crear novos espazos de uso social do galego no ámbito comunitario.

Os obradoiros deste mércores pola mañá están dirixidos ao alumnado de Primaria dos centros educativos dos tres concellos, CEIP de San Clodio, CEIP de Quiroga e CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel. Imparten a actividade, Nuria Penas e Manoele Pardo, dúas persoas profesionais especializadas na improvisación oral galega, con coñecemento específico do brindo. Traballarase a expresión oral, a ampliación do vocabulario, a musicalidade, a creación poética, a escoita activa, a cooperación e a participación activa en galego.

Como complemento aos obradoiros realizarase unha actuación ao vivo de brindo en San Clodio. A cita no Salón de Actos da Casa do Concello o domingo 4 de outubro ás 19:00 h. Intervirán Nuria Penas, Bieito Lobariñas e a courelá Tegra de TraloCouto. “Esta demostración permitirá visibilizar o brindo como unha forma propia e actual da poesía oral improvisada das nosas montañas, poñendo en valor o seu carácter comunitario, festivo, creativo e interxeracional”, comentan os organizadores.

Con esta proposta búscase que a poboación máis nova descubra o galego como unha lingua útil para crear, improvisar, emocionarse e relacionarse, ao tempo que se reforza o vínculo co territorio e se contribúe á recuperación dunha expresión cultural singular. O brindo convértese así nun recurso innovador para a modernización da lingua galega, a dinamización socioeducativa e a transmisión da cultura oral local.

Estas actividades son posibles grazas a unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Xuventude para proxectos de normalización lingüística desenvolvidos conxuntamente polos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. Os dous anos anteriores levou a organización principal Quiroga, dende a Concellería de Normalización Lingüística, e este ano correspóndelle este labor a Ribas de Sil.

ÚLTIMAS

Premio ‘Lugo cambia o turismo lucense’ para o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

O Pazo de San Marcos acolleu na tarde deste martes 29 de setembro a...

Folgoso do Courel comunica á Xunta o interese na residencia de maiores e facilítalle os terreos

Desde o concello de Folgoso do Courel aseguran que poden dar este paso despois...

A muralla medieval de Monforte, entre o deterioro e o bloqueo pola propiedade: o BNG pide actuar e a Xunta remite aos titulares

O deputado do BNG Iago Suárez formulou este martes na Comisión de Cultura unha...

Este 30 de setembro regresan os Faladoiros de Quiroga con recordos da vida no rural

A protagonista será Loyda López Pérez, unha emigrante retornada, que con sete anos marchou...